images publicacions IgadiPaper128

IgadiPaper nº128

Os Obxectivos do Milenio 2015: un compromiso con claroscuros 

(1/2014)

Os Obxectivos do Milenio 2015:
un compromiso con claroscuros 

images publicacions IgadiPaper128a) Introdución

A un ano de cumprirse o prazo establecido polas Nacións Unidas para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio 2015, o panorama ofrece contrastes notables e notorias desigualdades entre os avances alcanzados, os obxectivos por cumprir e o compromiso adquirido por gobernos, organismos públicos e privados e a sociedade civil.

Como se sabe, os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) foron adoptados pola Asemblea Xeral de Nacións Unidas de setembro de 2000 por parte dos entón 189 países membros. Co horizonte do período 1990-2015, adoptáronse oito (8) obxectivos principais: Erradicación da Pobreza Extrema e da Fame; Educación Primaria Universal; Igualdade de Xénero e Empoderamento da Muller; Redución da Mortalidade Infantil; Mellora da Saúde Materna; Combate da SIDA, a malaria e outras enfermidades; Desenvolvemento Ambiental Sostible; e a adopción dunha Asociación Global para o Desenvolvemento. 

Sen menoscabar os consabidos efectos sociais e económicos lastrados polo actual contexto de crise económica e financeira, así como pola proliferación de conflitos armados (Siria, Malí, Congo) e o aínda elevado gasto mundial en armamentos, os gobernos tentan avanzar na conformación dunha alianza e plataforma mundial de desenvolvemento para o 2015, en especial no relativo ao compromiso por erradicar a pobreza, fortalecer a educación universal, a igualdade de xénero e o acceso á saúde. Pero a fenda desigual entre obxectivos alcanzados e aqueles por cumprir augura un panorama de dificultades á hora de medir o éxito global na consecución dos Obxectivos do Milenio.

b) O Informe 2013

En decembro de 2013, o Grupo Interinstitucional e de Expertos sobre os indicadores dos Obxectivos do Milenio, baixo a coordinación do Departamento de Asuntos Económicos e Sociais da Secretaría Xeral de Nacións Unidas, elaborou o Informe 2013 sobre os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio([1]) que, a petición da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, realiza avaliacións periódicas sobre os avances e progresos alcanzados na consecución dos Obxectivos do Milenio.

Este informe constitúe, por tanto, a referencia esencial a nivel global á hora de  dirimir o estado actual dos ODM. Neste sentido, e segundo afirma no seu prólogo Ban Ki Moon, Secretario Xeral de Nacións Unidas, concéntrase nas áreas onde se precisa “redobrar esforzos” para alcanzar os Obxectivos do Milenio cando “estamos a menos de 1.000 días de 2015”.

Deste xeito, o Informe 2013 aborda avances significativos e substanciais([2]), entre os que destacan:

  • Redución á metade da pobreza extrema. A proporción de persoas a nivel mundial que vive con menos dun dólar diario caeu do 47% en 1990 ao 22% en 2010, aproximadamente 700 millóns de persoas menos;
  • Acceso á auga potable. Nos últimos 21 anos, máis de 2.100 millóns de persoas lograron acceder a fontes melloradas de auga potable, achegándose en 2000 ao 89% do acceso global a estas fontes, contra un 76% en 1990. A pesar do crecemento significativo da poboación mundial, este obxectivo  alcanzouse cinco anos antes da meta fixada;
  • Loita contra o paludismo e a tuberculose. Entre 2000 e 2010, a taxa de mortalidade por paludismo reduciuse nun 25%, evitándose no mesmo período aproximadamente 1,1 millóns de mortes. Estímase que en 2015 a taxa de mortalidade diminuirá ata a metade dos valores de 1990;
  • Habitabilidade. Entre 2000 e 2010, máis de 200 millóns de habitantes en tugurios e zonas marxinais beneficiáronse do acceso a fontes melloradas de auga, instalación de saneamento, vivendas duradeiras e suficiente espazo habitable, superando así en 100 millóns de persoas as metas establecidas neste obxectivo;
  • Menor peso da débeda e entorno comercial máis equitativo. A relación entre o servizo da débeda e as ganancias por exportacións nos países en desenvolvemento achegouse ao 3,1% en 2011, un índice moito menor do 12% de 2000. Tamén aumentou o seu acceso aos mercados sen aranceis, sendo este índice do 80% en 2011;
  • Redución da fame. A nivel mundial, a porcentaxe de persoas con nutrición insuficiente baixou do 23,2% en 1990-1992 ao 14,9% en 2010-2012. Estímase que esta redución pode incluso diminuír á metade en 2015. Non obstante, existen obstáculos: unha de cada oito persoas no mundo padecen infraalimentación crónica.

No relativo ás áreas onde non se rexistraron suficientes avances e cabe concentrar maiores esforzos coa meta fixada para 2015, destacan([3]):

  • Ambiente sostible. Actualmente existe un 46% máis de emisións de dióxido de carbono (CO2) ca en 1990, o cal sinala un panorama sumamente preocupante, en especial ante a perda de bosques, a sobreexplotación mariña e o perigo latente de extinción de especies, a pesar dos avances en áreas marítimas e terrestres protexidas;
  • Mortalidade infantil. O Informe 2013 sinala unha redución do 41% nos índices de mortalidade en menores de cinco anos, pasando das 87 mortes por 1.000 de 1990 ás 51 mortes de 2011. Con todo, debe acelerarse o obxectivo de redución en dous terzos da mortalidade infantil en 2015, debido a que este problema concéntrase cada vez máis nas rexións máis pobres, e no primeiro mes de vida dos recen nacidos;
  • Mortalidade materna. Nos últimos 20 anos, a taxa de mortalidade materna no mundo diminuíu un 47%, pasando das 400 mortes por cada 100.000 nacidos vivos en 1990 aos 210 de 2010. Pero a meta 2015 require reducir esta taxa ao 75%;
  • Prevención da SIDA. A pesar da diminución mundial dos infectados polo virus da SIDA, estimábase en 2010 en 34 millóns de persoas infectadas a nivel mundial, con especial preponderancia en África Subsahariana. En 2010 non se alcanzou a meta mundial de acceso á terapia antirretroviral aínda que existen expectativas de alcanzarse en 2015;
  • Ensino primario. Entre 2000 e 2011, a cantidade de menores  fóra do sistema escolar reduciuse case á metade, de 102 millóns a 57 millóns. Así e todo, é visible a lentitude da redución, o cal reafirma as expectativas de non alcanzarse en 2015 o obxectivo de educación primaria universal;
  • Saneamento. De 1990 a 2011 houbo 1.900 millóns de persoas que tiveron acceso a inodoros e outras instalacións de saneamento. Non obstante, na actualidade, aproximadamente 1.000 millóns de persoas seguen a defecar ao aire libre, e precísase unha institucionalización das políticas de saneamento apropiadas. Máis de 2.500 millóns de persoas carecen aínda de instalacións sanitarias adecuadas;
  • Diminución da Axuda ao Desenvolvemento. En 2012, a Axuda ao Desenvolvemento (AOD) foi de US$ 126.000 millóns, cunha redución do 4% con respecto ao 2011, cun índice que á súa vez experimentara unha redución do 2% con respecto a 2010. Os países menos desenvolvidos son os que mais sofren esta redución: en 2012, a AOD para estes países caeu un 13%, ao redor de US$ 26.000 millóns;
  • Fenda rural-urbana. En 2011, só un 53% dos partos rurais foron atendidos por 84% nas zonas urbanas. Un 83% da poboación sen acceso a fontes melloradas de auga potable seguen a vivir en zonas rurais;
  • Pobreza e acceso á educación. Na actualidade, os nenos e adolescentes nos fogares máis pobres teñen tres veces maiores probabilidades de non asistir á escola que os que viven en fogares con maior riqueza. En canto a xénero, as nenas teñen maiores probabilidades que os nenos de non asistir á escola primaria e secundaria, incluso en fogares máis ricos:
  • Desigualdade de xénero. Un problema persistente, debido a que no sector público e privado, así como nas máis elevadas esferas gobernamentais e incluso dentro da vida familiar, ás mulleres se lles segue a negar o mesmo dereito que aos homes na participación da toma de decisións.
c) Os ODM: son unha prioridade?

O Anuario 2013 do Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI)([4]) calculou o gasto militar a nivel mundial en 2012 en US$ 1.756 billóns, unha cifra que representa o 2,5% do PIB a nivel mundial, estimado en US$ 249 por persoa no mundo([5]).

Se ben o SIPRI considera que este monto corresponde a unha redución do 0,4% con respecto a 2011, sendo esta a primeira caída no gasto mundial en armamentos desde 1998, o mesmo revela o peso do sector da defensa e armamentos dentro da política global, en detrimento das políticas e programas de desenvolvemento socioeconómico, tal e como se observou anteriormente coa sensible redución da AOD entre 2010 e 2012. De feito, o SIPRI considera que o gasto militar de 2012 supera a despensa neste sector a nivel mundial de calquera ano entre 1945 e 2010.

Seguindo co informe do SIPRI, considérase que a distribución do gasto mundial de 2012 denota un desprazamento de Occidente cara outras partes do mundo, especialmente os países en vías de desenvolvemento. A crise económica e financeira acaecida principalmente a partir de 2008, coa consecuente  adopción de políticas de austeridade monetaria, pode levemente explicar porqué Occidente reduciu o seu gasto militar a diferenza, por exemplo, de Asia e Oceanía, onde o mesmo intensificouse en 2012, aínda que a un ritmo menor en comparación con anos anteriores.

No período 2009-2012 observáronse igualmente notables reducións no gasto militar en América Latina, Asia Central, Oriente Próximo, África Subsahariana, principalmente en comparación co ritmo expansivo do gasto militar no período 2003-2011([6]). Así mesmo, en abril de 2013 aprobouse na ONU o Tratado Internacional sobre o Comercio de Armas. Non obstante, este énfase no  gasto militar revela a preponderancia de factores de carácter xeopolítico por riba dos programas de Axuda ao Desenvolvemento, intensificados por un contexto de crise económica que dilúe calquera tipo de compromiso político en materia de cooperación e solidariedade, un aspecto visiblemente desprazado e silenciado dentro da axenda política e o discurso público dos principais líderes mundiais.

Por tanto, a persistencia de conflitos, agravados pola herdanza da nefasta “guerra internacional contra o terrorismo” centrada nas guerras de Afganistán (2001) e Iraq (2003), suxire un contexto de impunidade, violación da legalidade internacional e dos dereitos humanos (tal e como revelaron Wikileaks e o caso Snowden) que se manifestan na atención política prestada ás tensións en Oriente Próximo a carón da Primavera árabe desde 2011, con conflitos armados sen resolver (Siria) e tensas transicións (Libia, Exipto), onde a intervención militar internacional marcou igualmente a pauta.  Paralelamente, e a pesar dos notables avances económicos dos últimos anos, África Subsahariana segue a ser escenario de importantes conflitos armados (Congo, Malí, Sudán do Sur, Somalia), en contextos de pobreza, exclusión, desigualdades, rapacidade polo control das súas materias primas e utilización de “nenos da guerra”, aspectos que dificultan igualmente a concentración de políticas e programas para a consecución dos ODM.

Así e todo, existe unha percepción, principalmente dende os países do Sur, mais proclive á hora de propiciar un desenvolvemento inclusivo orientado cara a consecución dos Obxectivos do Milenio. Tomamos así como exemplo a creación en 2004 do Centro Internacional de Políticas para o Crecemento Inclusivo([7]), con sé en Brasilia e impulsado polo economista indio Nanak Kakwani, contando coa participación do estatal Instituto de Investigación Económica Aplicada (IPEA) e do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD).

Este centro esfórzase por formular unha nova metodoloxía de medición da pobreza([8]) que permita exercer influencia dentro do grupo dos BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica), con especial atención á medición de políticas inclusivas consecuentes cos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Con todo, entre os avances, os claroscuros e os contrastes existentes, son escasas as expectativas que se cifran no cometido da consecución universal dos ODM en 2015.

IGADI. 10 de xaneiro de 2014


([1]) The Millennium Development Goals Report 2013. Ver en: http://www.undp.org/content/undp/en/home/librarypage/mdg/the-millennium-development-goals-report-2013/ (versións en inglés, francés e castelán)

 

([2]) Objetivos de Desarrollo del Milenio. Informe 2013. Panorama General. Páxina 4. Ver en: http://www.undp.org/content/dam/undp/library/MDG/spanish/mdg-report-2013-spanish.pdf (versión en castelán)

([3]) Ibid, pp. 4-5.

([4]) SIPRI Yearbook 2013: Armaments, Disarmaments and International Security. Ver o seu resumo en versión castelán a través do enlace:

http://www.sipri.org/yearbook/2013/files/sipri-yearbook-2013-resumen-en-espanol

([5]) Ibid.

([6]) Ibid.

([7]) Páxina web: http://pressroom.ipc-undp.org/?lang=es (en castelán)

([8]) ORTIZ, Fabiola; “Desarrollo inteligente se busca en los BRICS”, Inter Press Service en español, 24 de decembro de 2013. Ver en: http://www.ipsnoticias.net/2013/12/desarrollo-inteligente-se-busca-en-los-brics/