union europea010367

A dimensión rexional da Constitución Europea

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
O Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa, froito dun longo proceso iniciado na propia revisión anterior dos Tratados, non supón só un novo pulo no proceso de construcción da Unión Europea senón que podemos dicir que representa a consolidación da natureza política da integración europea.
 

O vindeiro 20 de febreiro os galegos, xunto co resto dos europeos, estamos chamados a pronunciarnos sobre a adopción do Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa. En Galicia, como no resto de España, semella que a penas existe realmente un debate cidadán sobre o sentido do seu voto. A pesar da posición de certos partidos políticos contrarios á Constitución Europea, segundo as enquisas os galegos votarán maioritariamente a favor da Constitución. Polo contra, boa parte dos galegos pregúntase polo significado desta Constitución, polo seu alcance, polas novidades que supoñen para a Unión Europea e, en particular, polas consecuencias que terá nas súas vidas cotiás. Son moitas as persoas e institucións que están a facer un encomiable labor de explicación da Constitución Europea "independentemente da súa posición favorábel ou contraria á mesma", por este motivo quixera centrarme nestas liñas a tentar expor brevemente a repercusión que no eido institucional a Constitución terá para as autoridades locais e rexionais como Galicia, pois precisamente un dos maiores logros da Constitución é que consagra a dimensión rexional da Unión Europea.

O Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa, froito dun longo proceso iniciado na propia revisión anterior dos Tratados, non supón só un novo pulo no proceso de construcción da Unión Europea senón que podemos dicir que representa a consolidación da natureza política da integración europea. A Constitución permitiu, en primeiro lugar, reflexionar verbo da auténtica razón de ser da Unión e, como consecuencia desta reflexión, confirmar que esta é e debe ser fundamentalmente un proxecto dos e para so cidadáns europeos. Por este motivo, o texto constitucional pode ser considerado como o máis importante paso na construcción europea dende os Tratados orixinarios tanto polo seu contido, como polo método seguida para a súa elaboración, como, qué dúbida cabe, polo seu significado.

Efectivamente, aínda que xuridicamente a denominada Constitución Europea é un tratado internacional, a súa natureza case constitucional pode ser deducida de varias das súas disposicións e especialmente das súas partes primeira e segunda nas que se recollen os elementos básicos do modelo político da Unión e se inclúe, con carácter vinculante, a Carta de Dereitos Fundamentais, que ven a completa-la, ata o de agora, fragmentaria cidadanía da Unión. Cuestións coma a primacía do dereito europeo sobre os dereitos nacionais, por citar só un exemplo, son elementos característicos dunha verdadeira constitución material. En todo caso, o feito de que dende o inicio dos debates na Convención Europea os seus membros tomasen conciencia de estar participando nun proceso constituinte ten un valor simbólico que vai alén da realidade xurídica.

O longo proceso de elaboración do Tratado Constitucional, superior ós dous anos; foi realizado en dúas etapas. Nunha primeira fase, a Convención Europea reuniu a representantes dos gobernos, dos parlamentos dos Estados membros e dos entón candidatos, do Parlamento Europeo, da Comisión Europea e mesmo do Comité das Rexións, a fin de dar unha maior lexitimidade democrática ó proceso de revisión dos Tratados. A Convención tiña que axudar á prepara-la segunda fase "a Conferencia Intergobernametal" mediante a presentación de diversas opcións para a reforma dos Tratados vixentes. Pero xa dende o principio quedou claro que a Convención, asumindo un papel pseudo constituinte, quería dar á Unión Europea e ós seus cidadáns unha norma fundamental básica semellante ás constitucións nacionais. Así, froito do seu traballo foi o proxecto de Tratado polo que se institúe unha Constitución para Europa. Aínda que os representantes dos Estados membros reunidos na Conferencia Intergobernamental modificaron lixeiramente este proxecto "fundamentalmente no sistemas institucional e de toma de decisións", a realidade é que o modelo constitucional xurdido da Convención foi confirmado polos Xefes de Estado e de Goberno, quen asumiron os seus aspectos fundamentais incluída a moi significativa denominación de Constitución para Europa.

No que se refire ós seu contido, o proxecto de Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa firmado polos Xefes de Estado e de Goberno da UE o pasado 29 de outubro en Roma, contén destacados avances en relación ó recoñecemento constitucional que se outorga ó papel das autoridades rexionais e locais na construcción europea, como son o respecto ó nivel rexional e local, a extensión do principio de subsidiariedade, o reforzo do Comité das Rexións ou a inclusión da cohesión territorial entre os obxectivos da Unión. Compre sinalar que estes avances, maiores dos inicialmente previstos, foron posíbeis en grande medida gracias ó método convencional seguido para a elaboración da Constitución e á presencia de representantes rexionais na Convención.

Sen dúbida, a importancia que se concede ó respecto da autonomía local e rexional (artigo I-5 e Preámbulo da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión) constitúe o elemento máis salientábel da Constitución Europea. O recoñecemento explícito do respecto á identidade rexional e local, e o feito de que este se faga no seu Título Primeiro sobre a definición e obxectivos da Unión, supón que a dimensión rexional e local é parte integrante da Unión Europea. Aínda que deste recoñecemento non se deriven consecuencias prácticas inmediatas, a partir de agora as institucións europeas non poden ignora-la existencia de poderes públicos locais e rexionais nos Estados membros da Unión Europea.

Así mesmo, a Constitución recoñece en repetidas ocasións o respecto da diversidade cultural e lingüística (artigos I-3, II-22 e Preámbulo da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión), como un dos obxectivos da Unión. A inclusión da diversidade cultural e lingüística entre os obxectivos da Unión comporta para as institucións europeas unha obriga positiva de actuación, por exemplo para promover e protexer linguas coma o galego. Neste sentido, compre destaca-la posibilidade, introducida por iniciativa do goberno español, de que a Constitución sexa traducida a tódalas linguas oficiais dos Estados membros (artigo IV-448). Así se fixo, xunto coas outras linguas oficias no Estado español, co galego que pode dicirse que ten xa o carácter de lingua constitucional.

Pola contra, en nun plano máis pragmático, é a nova definición do principio de subisidariedade o que maiores consecuencias prácticas vai traer para as rexións europeas, e especialmente aquelas dotadas de competencias lexislativas coma a galega. Este principio, que rexe o exercicio das competencias compartidas entre a Unión Europea e os Estados membros, establece agora que a Unión intervirá só cando os Estados membros non podan alcanza-los obxectivos perseguidos, entendéndose por Estado tanto o nivel central como o rexional e local (artigo I-9). O principio de subsidiariedade xa non se limita a defini-las relacións entre a Unión Europea e os Estados membros senón que ten sido estendido ás autoridades locais e rexionais, garantindo, en consecuencia, o respecto ás súas competencias .constitucionais.

Ademais, coa Constitución as autoridades locais e rexionais poderán participar no control da aplicación deste principio, o que antes estaba reservado en exclusiva ós Estados membros. Así, a partir de agora, se nun ámbito sobre o que ten competencia tanto os Estados membros coma a Unión Europea, esta última está a preparar unha intervención que unha rexión xulga innecesaria disporá dos instrumentos para chama-la atención ás institucións europeas a fin de que modifiquen a súa actitude e, no caso en que estas persistan, recorrer ó Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas para que decida sobre a idoneidade de intervención. Sen dúbida, as rexións teñen agora recoñecidos dous importantes instrumentos para a defensa das súas competencias, se ben en ámbolos dous casos son recursos indirectos pois no primeiro caso ten que recurrir ó parlamento nacional (artigo 6 do Protocolo sobre a aplicación dos principios de subsidiariedade e proporcionalidade) e no segundo ó Comité das Rexions (artigo 8 do Protocolo).

En todo caso e a fin de evita-lo uso destas medidas de control, a Constitución prevé o uso de medidas de colaboración entre as institucións europeas e as autoridades locais e rexionais, fundamentalmente por medio do recurso á consulta. Efectivamente, aínda que xa era unha práctica consolidada, se prevé agora formalmente que antes de propor un acto lexislativo, a Comisión realice amplas consultas coas partes interesadas incluíndo ós poderes locais e rexionais (artigo 2 do Protocolo). Esta previsión insértase na iniciativa da Comisión Europea para mellora-la gobernanza europea e que se completa con outras medidas destinadas especificamente ás rexións como son o diálogo estructurado coas asociacións rexionais ou locais e os contratos tripartitos.

No eido estrictamente institucional o órgano específico de representación rexional e local, o Comité das Rexións, saíu notoriamente reforzado coa Constitución. Así, e á marxe da súa implicación no control do principio de subsidiariedadae, como xa vimos, por unha parte reforzouse o seu carácter asembleario, ó estende-lo mandato dos seus membros de catro a cinco anos, a semellanza do Parlamento Europeo (artigo III-386). Por outra, no só se lle concede a lexitimación activa ante o Tribunal de Xustiza en caso de violación do principio de subsidiariedad, senón que tamén se lle concedeu para a defensa das súas prerrogativas (artigo III-365). Con esta nova prerrogativa o Comité, aínda que formalmente non é recoñecido como unha institución, na práctica pode ser considerado como tal e, dende logo, reálzase en relación con Comité Económico e Social, o outro órgano consultivo da Unión ó que estivo emparellado dende a súa creación en 1992.

Por último, e por referirnos soamente ós grandes avances da Constitución, cabe sina-la inclusión da cohesión territorial, xunto coa económica e social, entre os obxectivos da Unión (artigo I-3), ademais de ser unha competencia compartida (artigo I-14), se ben queda agora ás institucións determina-lo alcance exacto deste concepto de cohesión territorial tan solicitado polas rexións. Así mesmo, e de grande importancia para Galicia, é a inclusión das rexións transfronteirizas entre aquelas que deber ser obxecto dunha especial atención por parte da política rexional europea (artigo III-220).

En definitiva, dende o punto de vista das rexións, e aínda que é certo que no se acadaron tódalas demandas presentadas, o balance ten que ser altamente positivo pois a súa situación no entramado europeo reforzouse considerablemente aumentando ademais a súa capacidade de actuación na defensa dos seus intereses.