Esta semana pode resultar decisiva no conflicto que enfronta a Estados Unidos con Iraq. A disidencia europea, capitaneada polo tándem Chirac-Schroeder, sumou apoios significativos de Putin, primeiro en Berlín, logo en París, para rexeitar o uso unilateral da forza. En Bagdad, as autoridades iraquís facían novas concesións ante as esixencias dos inspectores de armas da ONU. O Presidente chinés, Jiang Zemin, tomaba posicións en apoio dos disidentes europeos. Todos eles coinciden en sinalar que aínda é posible unha saída pacífica para este contencioso, se do que se trata é de desarmar Iraq. A proposta franco-alemana contempla a ampliación dun dispositivo de vixiancia que incluiría a utilización de forzas de mantemento da paz e outros mecanismos técnicos que evitarían as hostilidades e máis mortes de inocentes. A constatación do desarme debería abrir o camiño para o levantamento das sancións.
Perdida toda esperanza de golpe de estado interno ou magnicidio, no outro extremo, segundo informaba o The Sunday Telegraph o pasado domingo, Gran Bretaña e Estados Unidos planean dar 48 horas ao presidente iraquí, Sadam Husein, para que deixe o poder ou deberá enfrontarse a unha guerra se o informe dos inspectores de armas da ONU, que será presentado mañá, 14 de febreiro, conclúe que se resiste ao desarme completo. Ese ultimato serviría de base para unha segunda resolución, abertamente expeditiva, autorizando o uso de calquera medida útil para desarmalo. É o semáforo en verde que urxen na Casa Branca.
Demasiado burdas as escenificacións de Estados Unidos para xustificar esta guerra; demasiado evidente a carencia de argumentos sólidos "as plantas de productos químicos denunciadas por Powell simplemente non existen e asi o constataron os medios-; demasiada oposición da opinión pública europea e internacional. Pero non só iso. Fronte a aquela maneira de pensar que esixe un abultado presuposto en defensa para contar no concerto internacional e dispor dunha voz propia, o que se está a demostrar nas últimas semanas é que Europa, pese ás dificultades existentes para artellar unha posición única, sen necesidade de investir máis en gasto militar, si conta con espacios dabondo para singularizar os seus puntos de vista e facelos valer, sen complexos nin submisións, simplemente con vontade política.
Cabe celebrar uns matices que van máis alá das formas e poden contribuir a illar aos sectores máis prepotentes e belicistas da Administración Bush. No fondo, estamos a falar non soamente do papel internacional de Europa, con identidade propia e diferenciada, senón dos vimbios que deben configurar a nova orde mundial sobre a base dunha premisa alternativa a un dominio estadounidense que xira arredor da manipulación das conciencias e o uso indiscriminado da forza militar.
Evitar a guerra, impedir que a Administración Bush se saia coa súa a toda costa, é de vital importancia para dignificar minimamente o proxecto europeo, para iniciar a recuperación dun minimo de equilibrio de poder no mundo, para evitar o sometemento de Nacións Unidas á vontade estadounidense, para, en definitiva, sentar as bases dunha orde multipolar que traslade ao ámbito político as diferentes realidades xeoeconómicas que existen na sociedade internacional.
As diferencias que subxacen no desencontro dos máis importantes países europeos con Estados Unidos van máis alá dos intereses concretos das relacións económicas con Iraq, mesmo dos coñecidos enfrontamentos con Francia que teñen o continente africano por escenario privilexiado (Madagascar, corno de África, Marrocos, Côte dâIvoire…). Como as coincidencias precipitadas e inquebrantables doutros con Washington van máis alá do estricto interese das respectivas cidadanías.
Ogallá que o pulso dure e se gañe.