Valentín García é secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
Valentín García

A lingua galega no mundo

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”

Creo non estar descubrindo as fontes do Nilo, nin sequera do Miño, se afirmo que as identidades colectivas, coma as individuais, se constrúen, en non escasa medida, á luz da mirada que sobre elas proxectan os ollos alleos. Neste sentido, como xa afirmei en múltiples ocasións en diversos foros, identidade e alteridade son, por moi antitéticos que semellen, dous conceptos estreitamente ligados e mesmo complementarios. Esta parece ser a razón —considerando estratexias xeopolíticas á parte— pola que os Estados se esforzaron dende sempre e se esforzan hoxe aínda con maior empeño en influír positivamente na conformación desa mirada do outro. Por resultaren obvios os porqués, talvez non cumpra insistir en que, historicamente, só os Estados —entidades políticas que contaban con auténticas estruturas de poder— posuíron a capacidade de levar a cabo plans e proxectos desta natureza e envergadura. Non foron alleas a este cometido as accións diplomáticas e consulares, nin tampouco a creación ad hoc de organismos oficiais destinados a configuraren e «venderen» unha imaxe de país entre os cidadáns doutros lugares, unha tarefa interventora que, por outra banda, se realizou maioritariamente a través da difusión daquelas expresións e valores culturais máis estandarizados.

Por tratarse dunha realidade histórica sobradamente coñecida, non cómpre insistir en que Galicia careceu de calquera órgano de poder institucionalizado nos seus moitos séculos de historia ata a aprobación do seu Estatuto de Autonomía en 1981, feito que supuxo a semente para a creación de institucións e organismos cuxa razón de ser estivo e está na difusión dos valores culturais de Galicia fóra das súas fronteiras físicas; un traballo de difusión que ata daquela asumiran, maioritariamente, entidades e persoas da emigración sen que as asistira ningunha institución gobernativa.

Pero como acabo de dicir, trala aprobación do Estatuto de Autonomía en 1981 o noso país foise dotando de institucións e organismos que teñen entre os seus obxectivos a proxección exterior dos valores culturais de noso. Así, por aqueles anos, créase o primeiro departamento de política lingüística no aínda nacente goberno autonómico da Xunta de Galicia, departamento de promoción da lingua galega (primeiramente subdirección e axiña dirección xeral adscrita a Educación) que, dende a súa etapa inicial, tivo na acción exterior unha das súa principais liñas de acción, primeiro entre as colectividades emigrantes espalladas polo mundo, e, seguidamente, tamén fóra deste ámbito. Isto foi así porque se sabía que, no proceso de reversión da consideración nada amable que existía da lingua galega na propia Galicia, era condición indispensable a restitución dunha mirada agarimosa entre as xentes propias e mais as alleas. Así, cumpría tamén conquistar o prestixio entre a comunidade galega emigrante, labor que se levou a cabo a través de múltiples iniciativas, non sendo a menor delas a organización de centos de cursos de lingua e cultura galegas en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración.

Non transcorrería moito tempo desde a creación do departamento de política lingüística ata que se toman dentro del as primeiras decisións que conducirían á posta en marcha, de forma progresiva, dunha rede de lectorados e de centros de estudos galegos. Hogano, transcorrido un longo proceso de consolidación do proxecto que durou máis de 30 anos, a posibilidade de estudar a lingua e a cultura de Galicia en universidades de América, de Europa e de España é unha realidade consolidada que leva contribuído de maneira fundamental á difusión do galego no exterior, á investigación lingüística desde perspectivas moi enriquecedoras e tamén ao prestixio da lingua entre os seus propios falantes, ao observaren admirados o interese e o recoñecemento que posúe fóra das fronteiras administrativas de Galicia. Na actualidade, o galego é obxecto de estudo en 36 universidades de 16 países de América e Europa (incluída España), en cada unha das cales está asentado un centro de estudos galegos e vinte e sete delas contan cun lectorado. Nestas universidades impártense materias de lingua, literatura e cultura galegas adaptadas ás necesidades do alumnado de cada lugar concreto (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización etc.). Asemade, numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, co patrimonio de Galicia complementan os programas formativos.

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, dependente igualmente da Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) da Xunta de Galicia, ten como obxecto, desde a súa fundación en 1993, promover e desenvolver proxectos e programas de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Para a consecución dos seu obxectivos desenvolve un nutrido número de proxectos, que van dende a historia da lingua e da literatura ata as tecnoloxías da información e da comunicación, nas que participan novos investigadores, moitos deles procedentes de lugares ben afastados xeográfica e culturalmente do noso. Para iso, faise, anualmente, un concurso público de bolsas de formación en proxectos relacionados coas investigacións que se están a desenvolver no centro.

Así mesmo, a SXPL ten convenios no Reino Unido, co colexio Vicente Cañada Blanch de Londres, e tamén na Arxentina, onde o Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires lle ofrece ao seu alumnado a posibilidade de aprender galego en todos os cursos, desde a etapa preescolar (3 anos) ata o nivel secundario (1º de bacharelato). O alumnado deste centro asiste a clases das materias de Lingua e Literatura, Xeografía e Historia de Galicia.

Cómpre referir que tamén existe a posibilidade de estudar galego nalgúns centros do Instituto Cervantes, como que na comunidade de Castilla y León existen áreas galegofalantes nas que hai centros educativos que ofrecen a posibilidade de estudar galego no ensino regular grazas a un convenio de colaboración co Goberno desta autonomía.

Dentro do marco de referencia da Unión Europea, creouse durante o ano 2008, tras varias reunións preparatorias nas que participou a Xunta de Galicia, a Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), proxecto onde están integradas institucións académicas, organismos de distinta natureza e gobernos rexionais e nacionais de diferentes países europeos dedicados ao ensino e á promoción social das linguas minoritarias. O obxectivo fundamental da NPLD é a cooperación e o intercambio mutuo de experiencias entre os socios, así como a promoción da diversidade lingüística no marco da Unión Europea. Galicia integrouse na NPLD como membro de pleno dereito desde a súa fundación e forma parte do seu comité executivo.

Quen alcanzara a ler ata aquí, terá chegado xa á conclusión de que o chamado proceso de normalización do uso social da lingua galega levado a cabo nos últimos 40 anos consistiu, basicamente, na conquista dun recoñecemento social para esta. Talvez tal conclusión supoña unha visión reducionista verbo dun proceso moi complexo que persegue metas múltiples, pero non é menos certo que, á fin e ao cabo, foi iso, a loita por conquistar un prestixio e unha posición social na Galicia de hoxe para o galego o que determinou a maior parte das políticas lingüísticas implementadas no noso país durante as catro últimas décadas. En definitiva, cumpría conquistar unha nova mirada sobre a lingua galega, un labor monumental, rico en facetas, cuxa cara non menor foi a configuración dunha mirada amable entre as xentes que estaban fóra do universo cultural e lingüístico galego. E a ese labor continuamos dedicados hogano.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.