Nós no Mundo 2023: Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior

Nós no Mundo 2023

Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior

Presentación

Se na última edición do Nós No Mundo 2021-2022 fixemos balance histórico da política pública de acción exterior de Galicia, desde a perspectiva dos 25 anos transcorridos desde a creación da Secretaría Xeral da Acción Exterior na Xunta de Galicia e a oficialización da Lei de Acción Exterior e Cooperación para o Desenvolvemento 10/2021, de 9 de marzo, na edición deste 2022-2023 poñemos a atención nos acontecementos dos últimos doce meses, delimitados pola preparación da Estratexia Galega de Acción Exterior 2023-2027 (EGAEX 23-27).

Para esta misión contamos no Informe 2022-2023 con cinco artigos da rede de persoas do IGADI, que achegan as lentes ao desenvolvemento e construción da EGAEX 23-27, a primeira coa Lei de Acción Exterior en curso (Daniel González Palau) subliñando as relevancias da mesma nas relacións coa Unión Europea (Serafín Pazos), a dimensión económica da nosa internacionalización (Diego Sande), o voto da diáspora (María Xosé Porteiro e Facundo Reyna Muniín) ou a implementación en Galicia da Axenda 2030 (Miguel Ángel Martínez Pellitero). O conxunto destes artigos retrata unha fotografía en movemento do estado da nosa acción exterior, apuntando os avances e os éxitos, así como os camiños que temos por mellorar.

Para completar a visión máis teórica o Infome 22-23 conta coa valiosa achega ao estado da cuestión desde a Xunta de Galicia, poñendo o foco na relevancia e impacto da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento (Jesús Gamallo) e a proxección internacional da lingua galega (Valentín García). Nas achegas institucionais, moito agradecemos tamén, a visión que nos ofrece desde as cidades para coñecer os novos tempos para a proxección internacional de Santiago de Compostela (Goretti Sanmartín) e A Coruña (José Manuel Lage). Finalmente, as achegas institucionais complétanse desde o Consello da Cultura (Xavier Queipo) ofrecendo unha análise arredor dos retos da internacionalización da cultura galega no novo marco xurídico da Lei e a EGAEX 23-27.

Por último, o Informe conta tamén coas imprescindibles achegas da sociedade civil, pezas vibrantes e resistentes das conexións globais de Galicia. Dunha banda, coas análises desde a Academia Galega da Lingua Portuguesa (Angelo Cristovao) e a Asociación Internacional de Estudos Galegos (Carlos Pazos-Justo) arredor das vías abertas en Galicia desde hai case unha década coa Lei de aproveitamento do portugués e vínculos coa lusofonía no marco da recente oficialización do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade (Decreto 134/2023, de 28 de setembro). Doutra banda, a Coordenadora Galega de ONGD (Sara García Mato), corazón e motor do sistema internacional da cooperación galega, achéganos ao estado actual da Cooperación Galega e o seu V Plan Director, aprobado neste 2023, apuntando os éxitos e as incertezas que o rodean, en tempos tan convulsos para a sociedade internacional.

En fin, se no ano 2021-2022 acolliamos con entusiasmo a aprobación da Lei de Acción Exterior na panorámica histórica dos 40 anos de Estatuto, no Informe do 2022-2023, aspiramos a ver como a EGAEX 23-27 marca o rumbo para a normalización da Lei de Acción Exterior en Galicia, multiplicando as potencialidades da universalidade da imaxe e marca Galicia no mundo.

Só nos resta por agradecer a todas as persoas participantes neste Informe a súa valiosa achega, así como a Secretaría Xeral de Política Linguística que desde hai 14 anos apoia a edición deste Informe anual.


Índice de contidos

  1. Presentación: Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior
    1.1. Equipo Informe Nós No Mundo 2022-2023
    1.2. 32 Anos do IGADI
  2. Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior
    Jesús Gamallo
  3. Como chegamos ata aquí? Construír as autoestradas globais de Galicia
    Daniel González Palau
  4. Para que vale unha Presidencia semestral da UE?
    Serafín Pazos
  5. Os aspectos económicos da Lei de Acción Exterior de Galicia e a construción da Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) 2023-2027
    Diego Sande Veiga
  6. O impacto electoral do voto exterior
    María Xosé Porteiro e Facundo Reyna Muniaín
  7. Santiago de Compostela, cara a unha nova imaxe de país
    Goretti Sanmartín
  8. A Coruña, punta de lanza na acción exterior galega
    Jose Manuel Lage
  9. A lingua galega no mundo
    Valentín García
  10. Retos de futuro na Acción Exterior do Consello da Cultura Galega
    Xavier Queipo
  11. A Lusofonia no horizonte. Alguns apontamentos
    Carlos Pazos-Justo
  12. As relações internacionais e o papel da sociedade civil galega
    José Ângelo Cristóvão Angueira
  13. A Cooperación Galega, todo o que podería e debería ser
    Sara García Mato
  14. Avances e límites do desenvolvemento da Axenda 2030 en Galicia
    Miguel Angel Pellitero

Datos da publicación

  • Dirección:
    Daniel González Palau (Director do IGADI)
  • Equipo IGADI:
    María Xosé Porteiro (Consello Asesor IGADI)
    Diego Sande (Secretario e Coordenador Liña de investigación en Economía)
    Serafín Pazos (Coordenador Liña de investigación en Unión Europea)
    Miguel Angel Martínez Pellitero (Liña de Investigación en Cooperación Internacional e Axenda 2030)
    Facundo Reyna Muniain (Observatorio das Diásporas)
  • Colaboradores institucionais:
    Jesús Gamallo (Xunta de Galicia)
    Valentín García (Xunta de Galicia)
    Goretti Sanmartín (Concello de Santiago de Compostela)
    José Manuel Lage (Concello da Coruña)
    Xavier Queipo (Consello da Cultura)
  • Colaboradores sociedade civil:
    José Ângelo Cristóvão Angueira (Academia Galega Lingua Portuguesa)
    Carlos Pazos-Justo (Asociación Internacional de Estudos Galegos)
    Sara García Mato (Coordenadora Galega de ONGD´s)
  • Diagramación: BREO.gal
  • ISSN:  1989-9130
  • Observación: Os puntos de vista que se expoñen nestas colaboracións reflicten exclusivamente a opinión dos seus autores e, polo tanto, non representan o punto de vista oficial do IGADI. The views expressed here are those of individual contributors and do not necessarily represent those of the IGADI as such.