A paranoia petroleira

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Técnico nunha plataforma petroleira, clic para aumentar
Os cálculos xeolóxicos e xeopolíticos das multinacionais apuntan a grandes reservas en Venezuela, Canadá, México e a rexión do mar Caspio. Unha frenética política de investimentos (no caso venezolano acomodado aos imperativos da nova política petroleira de Chávez cunha maioritaria participación estatal), está causando unha ambigua sensación de optimismo e temor. (Foto: Técnico de Exxon Mobil nunha plataforma petroleira).
 

O presidente venezolano, Hugo Chávez, prognostica a posible suba do barril de cru a $100. O FMI cre que existen posibilidades de que, a mediados do 2006, os prezos superen os 80 dólares. A crise nuclear iraniana, as tensións internas en países produtores como Venezuela, Rusia e Nixeria e o alto consumo tanto en Occidente como en China e India, disparan os prezos a niveis históricos de 74 dólares o barril.

O presidente estadounidense, George W. Bush, apela á investigación para crear enerxía alternativa, principalmente nuclear. Mentres, paraliza as súas reservas petroleiras diante dun eventual corte de subministro, principalmente dende Oriente Medio e Venezuela. E a derradeira estatística de produción da OPEP (27,5 millóns de barrís diarios en marzo, por debaixo da súa cota), revela a súa incapacidade para satisfacer a demanda global.

Por tanto, estamos mergullados nunha nova crise petroleira? Neste contexto xeopolítico, o mercado enerxético está atravesando momentos de convulsión. O mellor exemplo é Oriente Medio e, particularmente, Iraq. A estas alturas, non se coñecen con exactitude en qué nivel se atopa a produción petroleira iraquí, un país onde a insurxencia apunta directamente aos pozos petroleiros como elemento clave de presión. As tensións étnicas e relixiosas e a incapacidade de formar un goberno de unidade nacional determinan tamén os intereses anglo-estadounidenses de pacificar o país e controlar a súa industria petroleira.

Outro caso é Irán. O temor occidental polo seu programa nuclear non só constitúe un reto político-militar para EEUU, Israel e Europa senón que afianzaría un réxime con capacidade de influír no mercado petroleiro, caso de provocar un encarecemento aínda maior do petróleo nun mercado de futuro marcado pola incerteza. Os aiatolás iranianos dominan un país considerado o cuarto produtor mundial de petróleo (4 millóns de barrís diarios, un 5% da produción mundial) e o segundo produtor dentro da OPEP. A súa "arma petroleira" é aínda máis efectiva e perigosa que a posible arma nuclear.

Un ataque militar, por non dicir unha guerra aberta, de EEUU e dos seus aliados contra das instalacións nucleares iranianas afectaría a distribución de cru dende o Estreito de Ormuz, no Golfo Pérsico, por onde transita o 20% da produción mundial. Velaí a preocupación en Washington, Londres e Bruxelas por mor dunha posible represalia iraniana, significativa no que atinxe á restrición da súa produción petroleira. Os efectos na economía global e, principalmente, na subida das taxas de inflación e de xuro en Europa e EEUU, aumentarían as tensións sociais e os temores pola insuficiencia enerxética.

Non debemos esquecer a Arabia Saudita, principal produtor mundial de petróleo xunto a Rusia, monarquía petroleira que tamén está a presentar diversos problemas, principalmente localizados na actuación de grupos internos, vinculados á "yihad internacional", cuxos principais obxectivos son as instalacións petroleiras sauditas e os cargueiros de cru no Golfo Pérsico. No caso ruso, as tensións entre o goberno de Vladímir Putin e a petroleira Yukos causaron temores nos mercados internacionais.

O curioso é que estes cálculos apocalípticos non semellan formar parte das estratexias das multinacionais de petróleo. Exxon Mobil e Chevron Texaco, por dar dous exemplos, consideran que o temido "pico da produción petroleira", a célebre "curva de Hubbard", está aínda moi lonxe de alcanzarse e vaticina décadas de petróleo abundante. Non obstante, estas multinacionais están traballando con reservas baixas para non baixar os lucros do seu negocio, mesmo, recoñecen que non existe unha especie de "colchón" petroleiro para amortecer o efecto dun corte do subministro.

Os cálculos xeolóxicos e xeopolíticos das multinacionais apuntan a grandes reservas en Venezuela, Canadá, México e a rexión do mar Caspio. Unha frenética política de investimentos (no caso venezolano acomodado aos imperativos da nova política petroleira de Chávez cunha maioritaria participación estatal), está causando unha ambigua sensación de optimismo e temor.

Cálculos fora!, non semella probable que esta xeración observe a fin da era do petróleo. A investigación e aplicación masiva de novas fontes alternativas de enerxía, como é o caso nuclear, acelerarase co tempo, a pesares dos seus considerables riscos. O que semella seguro é a asunción dunha era do petróleo caro, dominado polas tensións nos países produtores e a excesiva especulación nos mercados enerxéticos a futuro. Polo tanto, preparémonos para convivir con prezos ao redor dos $100 o barril.