No Xapón publicáranse xa varias obras de Rosalía, como “Cantares Gallegos”, “A mi madre” ou “En las orillas del Sar”, mais agora os xaponeses tamén poderán ler “Follas Novas”, unha das obras máis importantes de Rosalía de Castro publicada na Habana e Madrid en 1880.
“Follas Novas” foi o segundo poemario de Rosalía escrito en galego, estando relacionado coa súa primeira obra “Cantares Gallegos”. Rosalía explicou a relación entre estas obras: “debería engadir que este libro non está en certo modo, cheo da mesma inspiración que “Cantares Gallegos”? Creo que non”. As dúas obras máis importantes de Rosalía chegaron ao país do sol nacente.
O poeta e tamén tradutor, D. Masao Kuwabara, coñeceu as obras de Rosalía cando estivo en Madrid nos anos 80. Ademais dos traballos de Rosalía mencionados anteriormente, publicou tamén os libros, “La poetisa, Rosalía de Castro”, “50 capítulos para conocer Galicia” e diversos artigos sobre literatura galega.
O 24 de marzo celebrouse en Tokio unha cerimonia conmemorativa da publicación deste libro. Ademais do tradutor da obra, Masao Kuwabara, participaron D. Víctor Andresco, Director do Instituto Cervantes Tokyo e personalidades de Xapón.
O ex-embaixador de España en Xapón, D. Jorge Toledo, deu unha mensaxe agarimosa pola publicación da obra e felicitou a súa publicación: “É a primeira vez que esta magnífica obra de Rosalía de Castro, unha das grandes poetas españolas do século XIX, foi traducida ao xaponés… A obra desta gran poetisa é universal; polo tanto, estou seguro de que tamén recibirá unha excelente crítica en Xapón”.
A continuación facilitámoslle as respostas dunha breve entrevista que D. Masao Kuwabara nos concedeu…
1. Como nace o proceso de traducir Follas Novas ao galego?
Nos anos 70 estiven en Bruxelas traballando como banqueiro (Sumitomo Mitsui Bank) e visitaba Madrid todos os meses. En 1984 comecei a vivir en Madrid para abrir a sucursal alí. En 1985 vin na televisión e nos xornais que se celebraba o centenario da morte de Rosalía de Castro e interesoume que clase de poeta era Rosalía (eu son poeta e publiquei algúns poemas). En xuño de 1985 visitei por primeira vez o Museo Rosalía de Padrón e coñecín a Rosalía.
Así empecei a investigar a Rosalía. En primeiro lugar, publiquei unha biografía chamada “La poetisa, Rosalía de Castro” en 1999. E máis tarde, traducín ao xaponés e publiquei “A mi madre” en 2006. Despois de varios anos traducín e publiquei “Cantares gallegos” en 2011. En 2016 publiquei a tradución de “En las orillas del Sar”. Así empecei a traducir a obra máis importante en galego, “Follas Novas” e finalmente publiqueina agora, contando co prefacio do Embaixador de España en Xapón. Este foi o meu camiño para introducir a Rosalía en Xapón…
2. Existe algunha conexión entre a obra de Rosalía e Xapón?
Respecto da relación da obra de Rosalía co Xapón, ninguén en Xapón soubo o seu nome ata que publiquei a súa biografía. A través da publicación da tradución que traducín e das distintas conferencias que dei, o nome de Rosalía foi coñecéndose pouco a pouco no Xapón. Recentemente, e cada vez que se publicaron as miñas traducións, apareceron nos xornais reseña cálidas, tamén de “Follas Novas” do libro.
3. Como recibe a sociedade xaponesa a obra de Rosalía de Castro?
Como expliquei antes, ninguén en Xapón sabía o nome de Rosalía ata que publiquei o meu libro “La poetisa, Rosalía de Castro”. A través da publicación dos seus poemas traducidos ao xaponés e das conferencias sobre Rosalía en lugares senlleiros como o Instituto Cervantes de Tokio, a Universidade de Tokio, a Universidade de Estudos Estranxeiros de Kioto, a Universidade de Tenri, etc., o nome de Rosalía axudou á difusión e o coñecemento de Galicia e España entre os xaponeses.
4. Escribiu tempo atrás a obra “50 capítulos para conocer Galicia”, que é o que máis valora a sociedade xaponesa de Galicia? Cales son, hoxe en día, as conexións máis importantes entre Xapón e Galicia?
O libro “50 capítulos para coñecer Galicia” recolle todo sobre Galicia, pero parece que o que máis lles interesa aos xaponeses é o Camiño de Santiago. No bullicio da civilización da nosa época, o que a xente busca é unha mente solitaria.
5. Finalmente e ollando ao futuro… En que áreas debéramos impulsar proxectos decooperación Galicia-Xapón para mellorar o coñecemento mutuo e a amizade entre os pobos?
É unha pregunta moi difícil de responder, pero a máis importante. Creo que a única forma de coñecer verdadeiramente outro país son os intercambios entre as persoas. Para iso, ambas embaixadas deberían tomalo en serio. Tanto a Embaixada de España en Xapón como a Embaixada de Xapón en España. Cando se fala de “Galicia”, sempre se pon despois de Madrid, Barcelona, Andalucía, Euskadi, etc. Creo que é necesario ter unha axencia permanente (como o IGAPE) que poida dicir: “Non, hai sitios tan bos en Galicia (por exemplo, o Camiño de Santiago)”. Despois da COVID19, creo que a migración masiva de turistas xa está de volta por todo o mundo. Agardamos que se estableza unha organización de intercambio de persoas a persoas ben establecida…
Moitas grazas polo seu papel tecendo pontes entre Xapón e GaliciaD. Masao Kuwabara!