A terceira idade da ONU

A pesares do moito que as cousas mudaron no mundo nos últimos lustros, a ONU, pese tamén ás súas eivas,  segue a ser un referente insubstituíble do sistema internacional. A celebración do seu 70º aniversario fíxose coincidir cun cumio de desenvolvemento sostible co obxectivo de adoptar formalmente a Axenda 2030 que debe guiar o devalar da comunidade internacional nos próximos 15 anos. Nesta Axenda inclúense 17 Obxectivos que substitúen os 8 Obxectivos do Milenio cun horizonte de vida que remata neste 2015. Desta maneira, quíxose salientar o seu papel na promoción dun modelo de desenvolvemento mais en consonancia coas demandas da sociedade civil global e afastado dos imperativos da eficiencia requiridos polos mercados. Por primeira vez na historia desta organización mundial, un Papa dirixiuse aos delegados plenipotenciarios. E ademais un Papa de orixe latinoamericana, de nome Francisco. 

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

A ONU reivindica o seu papel no trazado dun futuro que ambiciona mais equilibrado e inclusivo. Pura retórica? As críticas non son menores. Agora ben, se os estados hoxendía non son quen de resolver os seus propios problemas é ben difícil que sexa a ONU a excepción á hora de exhibir capacidades, atada de mans como está, para resolver os problemas dun mundo que atravesa grandes mudanzas, cunhas economías emerxentes que medran en importancia e en ambición á hora de participar activamente no sistema internacional e cos poderes tradicionais a reformular o seu peso e influencia.

A ONU debería liderar a construción dun novo sistema internacional de gobernanza e de xestión dos conflitos. Velaí o seu reto principal. As características que fixérona posible mediado o século pasado constitúen hoxe sendas limitacións que impiden a súa eficacia. Con 193 membros, a estrutura orixinaria con base en menos de 50 países participantes, esixe unha profunda revisión e modernización. Esas reformas, en debate desde hai lustros e lastradas polas diferenzas acumuladas entre os países con dereito a veto, son cada día mais urxentes para lograr reflectir as novas realidades que definen o sistema internacional e as novas tendencias que apuntan a innovar en procedementos e en melloras que fortalezan a democratización das relacións globais.

Do veto ao consenso

Peza clave dese entramado é o Consello de Seguridade (cinco permanentes con dereito a veto e dez elixibles pola Asemblea xeral cada dous anos) que debera ser mais representativo e inclusivo, desterrando o exercicio do dereito de veto para promover a toma de decisións en base ao consenso, principio que podería achegar unha maior estabilidade do sistema internacional. A interacción entre os Estados e o fomento do diálogo debera atopar na ONU un espazo idóneo salvagardando o respecto da soberanía e a exclusión do uso da forza. A lexitimación neste aspecto require tirar leccións dos abusos practicados nos últimos anos conformando unha gaiola que ate en curto as hexemonías.

Aquel esquema tivo sentido no seu día pero agora é obsoleto. África non está ben representada, nin América Latina. A India, con 1.280 millóns de habitantes, é dicir, o  17,5% da poboación mundial, tampouco dispón dun asento fixo no Consello de Seguridade. Europa, sen embargo, está sobrerrepresentada. Brasil debería ter un asento permanente e Sudáfrica sería a elección perfecta para dar máis voz ao continente negro. Non é casual que os tres Estados citados formen parte dos BRICS, xunto a Rusia e China. Tamén parecen lexítimas as reivindicacións de Xapón e Alemaña, dúas recoñecidas potencias económicas que, sen embargo, abrigan aínda moitas reticencias.

Outro tanto cabería dicir da democratización de organizacións internacionais como o Banco Mundial, o FMI ou a Organización Mundial do Comercio, instrumentos clave para a superación das desigualdades, a  modernización e a redución da pobreza en amplos lugares do planeta. No eido económico, a ONU debe posicionarse na vangarda de iniciativas que aseguren o establecemento de asociacións para un desenvolvemento que equilibre as preferencias dos mercados asegurando o seu servizo aos intereses das comunidades.

O modelo onusino baseado en institucións, mecanismos e propostas que datan de hai setenta anos está cada vez mais superado por una realidade internacional contemporánea que reclama unha adaptación profunda mesmo nos aspectos da seguridade, onde se requiren estruturas abertas e participativas que eviten a plasmación de alianzas reprodutoras dos vellos esquemas da guerra fría, alentando o equilibrio entre potencias e a disuasión en detrimento das carreiras de armamentos.

A interdependencia do mundo actual, produto da mundialización, esixe da ONU a definición dunha nova Carta que actualice os seus principios, obxectivos e mecanismos. O éxito da reforma depende da vontade política dos seus Estados membros, pero cabe pensar que algúns deles, cómodos co actual statu quo, non van mover un dedo para que así se faga.