20061101 beijing preparativos 3 cumio china africa

África máis chinesa

 Terceiro cumio China-Ãfrica, clic para aumentar
Mellorando o seu acceso a recursos enerxéticos e materias primas, investindo en infraestruturas de todo tipo, prestando asistencia social, técnica e formativa, China está logrando que os países africanos reduzan dependencias con Occidente. (Foto Sesión preparatoria do terceiro cumio China-África, que terá lugar en Beijing os días 4 e 5 de novembro de 2006. ©Xinhua).
 

A próxima fin de semana celébrase en Pequín o terceiro cumio China-África. Nel participarán a práctica totalidade dos líderes africanos. Só seis países deste continente non recoñecen diplomaticamente a China. O encontro ven precedido dalgunhas críticas dos países occidentais e organismos como o FMI ou Banco Mundial que acusan a Pequín de alentar unha nova espiral de endebedamento dos países pobres de África e de ignorar a esixencia de democracia e de respecto aos dereitos humanos nos seus negocios cos países africanos. Isto último non deixa de ser sorprendente especialmente vindo de países ou de organismos financeiros que fan o mesmo con China, a pesar dos críticos informes de Amnistía Internacional. Por outra banda, China nega as acusacións de que os créditos que concede inclúan elevados intereses, ou xeren máis pobreza, asegurando que dende o 2000, condonou 156 débedas a 31 países africanos por valor de 1.313 millóns de dólares.

Cal é o problema do fondo? O diario Le Monde preguntábase na edición do último 23 de xuño se África acabaría sendo chinesa nunca década. Dende finais de 1990, a presenza de China no continente negro adquiriu dimensións certamente importantes. Hai unha ofensiva continua e sistemática. Hoxe non se trata de mesianismo ideolóxico. Incluso o asunto de Taiwán perdeu importancia despois de asegurarse a lealdade de África do Sur e Senegal. A pesar dos problemas que xera nalgúns sectores, os produtos made in China son moi apreciados porque son baratos e bos para unha poboación con escaso poder adquisitivo. Os países occidentais temen que a multiplicación de préstamos e investimentos acordados por Pequín representen unha peza máis da complexa rede que China está tecendo na rexión. E que deixen de pedir en Washington ou en París para facelo na capital que hoxe acumula a maior cantidade de reservas de divisas do mundo (por diante de Xapón).

A non inxerencia argumentada por China sona a retórica anticolonialista, pero é do agrado dos países africanos, onde moitos dos seus dirixentes recean dos padróns de calidade esixidos pola UE ou EEUU, non sempre neutros. China, pola contra, di que non ambiciona exportar nin os seus propios valores nin o seu modelo de desenvolvemento, nin impón condicións políticas, nin esixe transparencia na xestión, unicamente beneficio mutuo. E un feito é incontestable: en seis anos, o comercio bilateral multiplicouse por catro. E desde 2005 é o terceiro socio do continente detrás de EEUU e Francia.

Mellorando o seu acceso a recursos enerxéticos e materias primas, investindo en infraestruturas de todo tipo, prestando asistencia social, técnica e formativa, China está logrando que os países africanos reduzan dependencias con Occidente.