Alternativas ao dólar

 Zhou Xiaochuan; clic para aumentar
O presidente do Banco Central de China, Zhou Xiaochuan, apoiou a iniciativa rusa dunha nova moeda mundial como alternativa ao dólar por entender que achegaría estabilidade e redundaría en claro beneficio do sistema financeiro mundial, resaltando a importancia de reforzar o papel, a pluralidade e a autonomía do FMI.
 

Rusia ven de propoñer a celebración dun foro internacional para a creación dunha nova moeda mundial como alternativa ao dólar. Como era de esperar, Obama xa se opuxo co argumento de que o dólar estase fortalecendo e que os investidores revalidan o repunte da economía estadounidense. O presidente do Banco Central de China, Zhou Xiaochuan, apoiou a iniciativa rusa por entender que achegaría estabilidade e redundaría en claro beneficio do sistema financeiro mundial, resaltando a importancia de reforzar o papel, a pluralidade e a autonomía do FMI. Na reunión de Londres desta semana, o G20 podería iniciar o debate formal sobre esta iniciativa, necesaria e conveniente á luz do vivido, pero de difícil plasmación pola previsible oposición de EEUU, que tamén conta co apoio inquebrantable da UE.

China e Rusia, como todos os demais países, dependen do sistema actual dominado polo dólar, o cal outorga grandes vantaxes á Administración de EEUU. A política económica de Washington, especialmente nas actuais circunstancias de crise, pode ter un enorme impacto, entre outros, sobre as reservas de cambio destes países. No caso de China, unha grande parte dos seus billóns de divisas están materializados en dólares. Pequín mercou bonos do Tesouro estadounidense por valor de máis de 700.000 millóns de dólares, un investimento hoxendía ruinoso polo escaso atractivo dos tipos de xuro. Para China, as perdas, agravadas pola revalorización do iuán fronte ao dólar "máis dun 20%", comezan a ser preocupantes, pero non menos que a falla de confianza na seguridade dos seus activos no mercado estadounidense. O primeiro ministro Wen Jiabao pediu a Obama garantías efectivas para os seus investimentos e só recibiu boas palabras. Pequín contribúe a financiar o relanzamento da economía estadounidense, pero recibe a cambio unha escasa recompensa e poida que ata ningunha compensación, nin no económico nin no político, o cal aumenta o nerviosismo.

O FMI, diplomaticamente, acolleu esta idea rusa de forma positiva, e valorouna como unha proposta que merece ser estudada e examinada con seriedade. No fondo, o debate sobre a moeda desvela as crecentes reticencias de significativos actores da sociedade internacional que desconfían dos compromisos de EEUU e da solvencia dunha economía á baixa pero tamén da súa disposición a ter en conta os intereses dos demais países, especialmente os rivais estratéxicos, aos que podería tentar sacrificar sen contemplacións en aras de salvarse da mesma queima que Washington provocou na economía mundial.