¿Ao borde da paz?

Poida que o petróleo explique non soamente o interese estadounidense en desatar unha guerra contra Iraq, senón tamén o revés de Francia, Alemaña, Rusia ou China ás pretensións do Presidente Bush. Sen un pacto previo, está servida a confrontación entre as multinacionais do sector polo control das reservas de crú no Iraq post-Sadam. A experiencia de Afganistán-Asia central non debeu resultar especialmente proveitosa para algúns países europeos. Como tampouco é complacencia o que se respira no Eliseo ante a penetración estadounidense nos máis remotos confins de África, donde antes brillaba en solitario a presencia gala. Pero hai máis intereses en xogo. Fundamentalmente, o de Ariel Sharon, primeiro ministro israelí, quen tanto despreza a Unión Europea, empeñado en redeseñar as fronteiras para gañar máis seguridade e territorio a custa das demandas árabes e palestinas. E tamén, obviamente, o interese de Washington en dar unha nova volta de rosca a un mundo que dende o discurso da defensa da expansión da democracia, transforma a simple discrepancia nun símil de terrorismo.

Acabe no que acabe o desafío franco-alemán, cómpre salientar algunhas reflexións. Primeiro, que o mundo dos matices é importante. Contradicir a Washington ata o punto de exercer o dereito de veto na OTAN é algo máis que unha simple cuestión de forma. Todos acusaron a Schroeder de cínico intuindo que a súa oposición á guerra mudaría despois das eleccións e non pasou exactamente asi. Dende a unificación, a súa autopercepción de potencia política non fixo máis que medrar. Segundo, que existen en Europa, con todas as contradiccións que se queira, posibilidades de establecer os parámetros dun discurso alternativo ao do hexemón. Terceiro, que para iso non cómpre contar cun abultado orzamento en defensa, difícilmente plasmable para Europa cando os gastos militares de Estados Unidos representan o 36,3 por cento do total mundial, máis que a suma total dos gastos militares dos 15 países que lle siguen, incluindo Reino Unido, Francia, Alemaña, Rusia, Xapón, China ou India. Para desenvolver unha política de paz non son indispensables grandes medios militares, senón vontade política para plasmala.

Ogallá a Europa de aquí saiba xestionar a discrepancia con habilidade e sen dar marcha atrás. Poida que Bush siga adiante cos seus plans. Asi parece. Pero non será indiferente que o faga enfrontándose a Nacións Unidas e a actores mundiais como Rusia, China e países da Unión tan significativos. E terá consecuencias no inmediato futuro. Conducir o conflicto dende o borde da guerra ao borde da paz sería un paso excelente na boa dirección, pero difícilmente concretable agora ante a desmedida presión dos intereses perversos que empurran cara a guerra. A actual disidencia europea tampouco mudará a naturaleza do proceso de integración, nin resolverá de golpe os déficits sociais ou democráticos da Unión, pero abrandará o escepticismo dalgúns críticos. Se hai que elixir, que Europa sexa Europa, dividida mesmo, pero menos feble, e, sobre todo, consciente dos seus intereses.

Un mundo multipolar soamente será posible se en Bruxelas se aposta por el. Os desafíos aos que se enfronta a humanidade, terrorismo incluido, demandan un esforzo de cooperación internacional que galvanice as aspiracións das sociedades e instrumente as enerxías de todos os sectores, dende a economía á cultura, para construir unha orde pacífica e próspera. A outra opción, a da aventura imperial e arbitraria, a da mediocridade arrogante, condúcenos a un mundo de temer.