Barbarie en Chechenia

As imaxes de ducias de chechenos, algúns con evidentes síntomas de mutilacións, agolpados en fosas comúns, dan fe da veracidade das acusacións formuladas dende o comezo da guerra por parte de periodistas e organizacións humanitarias. Houbo un tempo en que as tropas soviéticas aparentaban crer nun ideal humano superior, participando naquela equívoca misión emancipadora promovida por un comunismo transformador das conciencias e superador das miserias sociais dos máis febles; agora, na Rusia herdeira da antiga URSS, os seus restos son sinónimo dunha tropa sádica e desorientada, protagonista activa dunha barbarie inconcebible. Os xenerais rusos, noutrora amantes de Neruda e de Machado, levantan así a moral dos seus soldados, aspirando a tomarse a revancha polos danos inflinxidos en anteriores enfrontamentos.

Pero o acontecido en Chechenia non é responsabilidade de Rusia en exclusiva. Resulta patético o paripé do Sr Gil-Robles, comisario de Dereitos Humanos do Consello de Europa, de tardía visita na zona, aceptando esa excursión guiada das autoridades de Moscova. Son insuficientes e cínicas as condenas de Clinton, Solana ou Prodi. En ningún caso haberá sancións reais. Cando en setembro último produciuse a serie de atentados que habían proporcionar a excusa para iniciar as hostilidades con Chechenia, falábase dos síntomas de descomposición do Estado ruso, mesmo chegouse a advertir sobre a súa debacle. Todos sabíamos que esa radiografía apocalíptica era unha mensaxe interesada e que a campaña antiterrorista era unha guerra aberta que sacrificaría as vidas dos chechenos para favorecer as expectativas políticas dos inquilinos, visibles e invisibles, do Kremlin. En resumidas contas, nada que ver coa lexítima defensa fronte á condenable violencia terrorista senón puro terrorismo de Estado e guerra sen cuartel. Confiaron de máis neses xenerais que anunciaban unha "operación limpa e rápida", como a da OTAN en Kosovo, se ben aquí os danos colaterais converteronse axiña en auténticas matanzas centrais.

A devoción polas políticas de exterminio non é patrimonio exclusivo das ideas totalitarias. Nelas cabe recoñecer tamén a fatal inercia das proximidades desa senrazón do expansionismo histórico ou a ambigüidade da controvertida razón de estado que tan facilmente chega a obnubilar a mente de calquer dirección política, mesmo daquela adscrita a formulacións superficialmente democráticas. En Rusia, un país con pluralismo político e economía de mercado pero sen a penas sociedade civil, sen máis valentía que a denuncia de Grigori Iablinski ou do movemento das nais dos soldados, o valor e utilidade da aplicación dos resortes e condicionantes exteriores podería ser determinante para impór unha saída negociada ó conflicto e evitar a xeralización de tanta desfeita.

Pero ese mundo tan civilizado que gosta de encher a boca falando da defensa dos valores e dos imperativos morais, que elabora minuciosos códigos e acertadas directivas para a protección e salvagarda do mundo animal, renunciou ó exercicio desa palanca, pasou con pes de lá sobre o sacrificio das vidas de tantos seres humanos, condonou débedas e otorgou préstamos en momentos especialmente inoportunos, simplemente para non incomodar nin interferir nas ambiciosas expedicións de conquista dos inxentes recursos naturais que Rusia abriga ou na patrimonialización dalgunhas importantes empresas e sectores productivos que a actual nomenklatura utiliza como moeda de cambio para confraternizar con un mundo paradoxalmente vendido a toda esa canalla.