Caótica transición haitiana

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego

O panorama haitiano non da pe para escenarios prometedores. A penosa reconstrución post-terremoto, que deixou aproximadamente 250.000 mortes, millóns de damnificados, caos institucional e de infraestruturas físicas e unha aguda crise humanitaria; as decenas de miles de decesos produto da recente epidemia de cólera; a frustración e descontento social coa misión da ONU, a MINUSTAH; e a riada de acusacións de fraude e corrupción nos comicios presidenciais do pasado 28 de novembro, ilustran un mapa que achega ao país aos parámetros dun “Estado fracasado”.

Este escenario identifica seriamente o fracaso da MINUSTAH, e principalmente, do unilateral peso militar, político e económico de Washington tralo terremoto do pasado mes de xaneiro, na reconstrución e pacificación de Haití. Precisamente, a MINUSTAH ven sendo acusada por ONGs e sectores da poboación haitiana, de reproducir a epidemia do cólera na illa caribeña.

A incerteza sobre o futuro político haitiano se incrementa ante a perspectiva post-electoral dos pasados comicios presidenciais, onde aínda seguen a contarse os votos mentres a oposición ao presidente Raúl Preval acusa ás autoridades oficiais de arbitrariedades e fraude.Incluso, Haití non escapa da pléiade de revelacións recentemente publicadas por Wikileaks. Un memorando de 2009 da embaixada estadounidense en Porto Príncipe revelou os manexos do presidente Preval para asegurarse que o vencedor destas elección presidenciais non o obrigara a exiliarse.

Velaí o énfase de Preval por asegurar o triunfo do seu “delfín” Jude Celestine, candidato do Partido INITE (Unidade) e xefe da compañía estatal de construción, acusado de malgastar milleiros de dólares de fondos públicos na súa campaña presidencial, enmarcada nunha conxuntura económica e humanitariamente caótica para a poboación haitiana.

Confusión postelectoral

A tensión postelectoral incrementouse horas despois da votación, unha vez a candidata opositora Mirlande Manigat (Reunión de Democráticos Nacionais Progresistas, RDNP) anunciara o seu triunfo presidencial, sen aínda publicarse ningún tipo de boletín oficial por parte da Comisión Electoral, cuxa transparencia está cuestionada dende diversos sectores políticos, ONGs e movementos sociais.

En 2009, Preval foi acusado de manipular os comicios lexislativos dese ano e de influír dentro da Comisión Electoral para ilegalizar o partido Fanmi Lavalas, do ex presidente Jean Bertrand Aristide, deposto do poder en 2004.

Precisamente, as críticas pola labor da Comisión Electoral haitiana se intensificaron cando fontes do poder electoral especularon publicamente coa posible vitoria de Celestine cando, horas antes, voceiros do partido oficialista INITÉ consideraran altamente probables as perspectivas de derrota electoral.

A confusión increméntase ante a posición dos candidatos opositores. Mentres Manigat reclamaba a súa vitoria “legal”, outras fontes electorais aseguraban que o popular cantante de rap Michel Martelly, do movemento Respons Peyizan (Resposta Cidadá) ía adiante na votación. Ambos, Manigat e Martelly, esixiran anteriormente a anulación do proceso electoral por consideralo “fraudulento” para, posteriormente, adherirse ao mesmo unha vez observaron as súas posibilidades reais de triunfo electoral.

En todo caso, a MINUSTAH e a Comisión Electoral anunciaron resultados definitivos para o próximo 7 de decembro, lexitimadas publicamente unha vez a OEA e a CARICOM certificaron a “validez” do proceso electoral, a pesar “dalgunhas irregularidades”.

Paralelamente, o interese xeopolítico en torno a Haití se certifica a través dun pulso directo entre EEUU e Brasil. Washington mantén 12.000 marines na illa caribeña mentres preside, a través do ex presidente Bill Clinton, a Comisión Interina de Reconstrución de Haití (IHRC). Mentres, Brasilia preside a misión da MINUSTAH.

A este pulso se engade Venezuela, cuxa implicación en Haití a través da cooperación enerxética impulsada por PETROCARIBE incrementouse nos últimos anos, achegando a Preval a posibilidade de inclusión haitiana na ALBA. Un marco de cooperación en Haití na que igualmente se inserta Cuba.

Pero a crise humanitaria intensificará un risco de explosión social “sazonado” pola incerteza e os conflictos políticos postelectorais. Por tanto, a controvertida labor da MINUSTAH e, indirectamente, de Washington, dilúense nunha complexa transición política post-Preval que dificilmente clarificará o futuro haitiano.