China para galegos

No informe “Perspectiva Económica Mundial”, presentado o pasado mércores, o Fondo Monetario Internacional anunciaba que o crecemento económico en China sigue superando as expectativas, impulsado polo forte investimento público e o aumento das exportacións. O crecemento do PIB para este ano supera xa en medio punto as previsións de abril, para situarse arredor do 7,5 por cento, proporcionando apoio á recuperación económica noutras partes da rexión de Asia-Pacífico.

China será nos próximos anos un país decisivo non soamente na economía rexional senón mundial. Obviamente, Galicia non debería estar ausente na zona máis dinámica do planeta. O éxito dunha aproximación a China radica en dúas claves: estratexia adecuada, preparación óptima.

A definición dunha estratexia esixe a toma en consideración das variables institucional e empresarial. Nun país das características sociopolíticas de China é fundamental o impulso político para establecer o marco de confianza bilateral que abra camiño ós investimentos e ás relacións comerciais. Fraga debería visitar China. Por outra banda, nun país tan enorme, é indispensable elixir unha opción territorial en función dos sectores a potenciar. A nosa presencia en Taiwán (granito, fletán) debe servir de primeira referencia para un achegamento ao mercado continental.

Sen a preparación adecuada, todo esforzo de aproximación a China pode constituir un fracaso. Cómpre, sobre todo, saber como negociar, a que detalles prestar atención, cales son os seus mecanismos de decisión, as tácticas, e, naturalmente, ter plena consciencia dunhas diferencias culturais, que non deben ser observadas como dificultade senón como unha variable que usada hábilmente pode resultar amplamente beneficiosa nas relacións profesionais e comerciais.