Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 14 de setembro do 2023
Fonte Wikimedia, Office of the President of the United States

Contra natura

Unha clara mostra podemos chegar a tela nos pormenores da breve visita realizada polo presidente dos EUA, Joe Biden, a Hanói, que segue a outras de membros de alto rango do goberno estadounidense nos últimos meses. Mirando de esguello a China, Biden espera elevar as súas relacións diplomáticas co antigo adversario ao máis alto nivel para asegurar inda máis esas tenaces estratéxicas sobre Beijing que ven armando dende o inicio do seu mandato. A pretensión do mandatario estadounidense é elevar de golpe dous chanzos a significación de Vietnam na xerarquía diplomática da Casa Branca.

Os líderes vietnamitas móvense con cautela, sen negar o flirteo pero reafirmando de vez o carácter independente da súa política exterior. O frenesí diplomático entre ambos estados vai continuar nas próximas semanas con misións exploratorias que xa foron anunciadas. En Hanói son conscientes do delicado do asunto pero consideran que de ter que dar o paso, o momento é este dado que as relacións entre os EUA coa China tenderán a empeorar no futuro.  

Biden anuncia unha ofensiva económica cara Vietnam con promesas de impulso bilateral en capital, tecnoloxía e acceso ao mercado; en negociación está tamén o aumento dos subministros militares. Hanói soña con se converter nun centro para a industria dos semicondutores contando para iso cos hipotéticos incentivos de Washington, aínda que a Lei dos CHIPS non vai poñerllo doado. Tamén na enerxía podería aumentar a cooperación, co propósito de facer de Vietnam un actor no gas natural licuado e a enerxía eólica mariña. Por outra banda, as multinacionais estadounidenses multiplican os seus plans en Vietnam. O fabricante de avións Boeing e a empresa de enerxía AES van á cabeza dos anuncios. Canto disto farase realidade?….

No recente cumio dos países da ASEAN, o primeiro ministro de Vietnam, Pham Minh Chinh, certificou coa vicepresidenta Kamala Harris que se ben na axenda aínda figura a superación das consecuencias da dura guerra que os enfrontou no século XX, os avances na relación bilateral ofrecen unha solidez significativa e avanzan a bo ritmo. Biden quere aceleralo.

A nivel partidario, a proximidade entre os partidos comunistas de China e Vietnam  é coñecida, cun intercambio regular que ven de lonxe, se ben discorre por outro carril.

O secretario xeral do Partido Comunista, Nguyen Phu Trong, ten destacado, como Xi Jinping, a “camaradería e fraternidade” como un tesouro común compartido, alentando reciprocamente a teima na exploración para a construción de países socialistas modernos cunha perspectiva estratéxica e de longo prazo. Esta guía ten servido de fundamento nos últimos lustros para que Vietnam dera prioridade aos lazos coa China na súa política exterior. “Irmáns e veciños”, ambos partidos estableceran tamén consensos básicos entre os respectivos estados con modelos de gobernanza e políticas semellantes.

Non obstante, o curto prazo ameaza con abalar os “ideais” e furar as “misións históricas” que sempre nutriron a súa cooperación e tamén serviron de guía para resolver as diferenzas.

A sensibilidade xeopolítica amosa unha axenda preocupante, con reflexos no eido tecnolóxico, quizais o mellor retrato da situación, a modo de imposición de restricións cara as empresas chinesas. Este proceder revelaría un importante nivel de desconfianza. No fondo, as friccións marítimas polas disputas no mar da China meridional (onde está en xogo a soberanía pero tamén a explotación dos recursos enerxéticos ou pesqueiros), que Beijing reclama na súa práctica totalidade, promoven de facto a aproximación aos EUA. Os principios e iniciativas diplomáticas despregados pola China resultan claramente insuficientes tanto para temperar a crítica dos países ribeiráns como para truncar ese intervencionismo estadounidense na zona.

A desconfianza en Vietnam e noutros países da rexión acentúase ante feitos como o “mapa estándar” recentemente publicado polo Ministerio de Recursos Naturais de China que incide nas polémicas fronteirizas co aval duns “feitos históricos” que outros negan. Nada axuda. É máis, reforza a inquedanza ante as ambicións dunha China máis poderosa que interesa a todos como socio económico pero de quen se distancian como referente en temas de seguridade.

E de igual xeito que pode resultar contra natura unha aproximación Hanói-Washington a despeito da China, que puideramos consagrar como expresión da imposición obxectiva da xeopolítica como marco inevitable para satisfacer os respectivos intereses nacionais por riba  mesmo da irmandade ideolóxica, outro tanto poderíamos dicir de calquera tic imperial, sexa cal for a razón na que se fundamente.