Guiné-Bissau, un caso mais de “Estado fallado”

A Guiné-Bissau é un pequeno estado encadrado na costa da África Occidental. No pasado foi maiormente coñecido como a ``Guinea Portuguesa´´, tornándose independente a partires de 1974, converténdose daquela na primeira colonia de Portugal na África que viu recoñecida oficialmente a súa plena soberanía.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

A Guiné-Bissau é un pequeno estado encadrado na costa da África Occidental. No pasado foi maiormente coñecido como a ``Guinea Portuguesa´´, tornándose independente a partires de 1974, converténdose daquela na primeira colonia de Portugal na África que viu recoñecida oficialmente a súa plena soberanía.

No entanto, a nova configuración político-administrativa do país non trouxo consigo unha modernización e un incremento do benestar, senón mais ben todo o contrario: o territorio sumiuse nas tebras da inestabilidade política e militar e tivo que asumir unha cruel realidade marcada pola violencia, a inestabilidade e os golpes de estado periódicos por parte dos militares, sumindo ao país na pobreza mais miserenta. Iso explica que arestora sexa posíbel adecuar totalmente o país á definición de ``Estado Fallado´´ (ocupa a posición número 15 dun total de 177 países na clasificación do Índice de Estados Fallados elaborada polo think tank ``Fund for Peace´´ e que publica anualmente a revista ``Foreign Policy´´).(1)

Do punto de vista académico poderiamos afirmar que este concepto refírese á ingobernabilidade presente nalgúns contextos xeográficos. Neste senso, segundo os académicos da ciencia política estadounidenses Gerald Herman e Steven Ratner, un Estado Fallado viría a ser aquel que se atopa incapacitado para sosterse a si mesmo como suxeito da comunidade internacional ao verse colapsado polas circunstancias e que, en consecuencia, podería poñer en risco aos seus propios cidadáns e ameaza-los seus veciños a resultas da súa inestabilidade e do continuo fluxo de refuxiados políticos. Pouco despois, William Olson complementaría esta definición incluíndo nela a aqueles Estados que enfrontan problemas internos que ameazan a súa existencia (como vemos na actualidade en Malí) e que atravesan hostís desafíos que poñen en dúbida a saúde da súa orde política.

O que caracteriza fundamentalmente a un Estado fallado é, pois: a deslexitimación do Estado (este deixa de ter autoridade), a desintegración do país en grupos étnicos ou clans, a súa fraxilidade económica, a incapacidade para soster a súa propia soberanía e evitar un forte intervencionismo estranxeiro.

Guiné-Bissau é un territorio cun goberno moi feble, incapaz de controlar toda a xeografía nacional. O estado non garante a seguridade e o benestar dos seus cidadáns, nin reúne condicións para asegurar o monopolio lexítimo do uso da violencia.

A ineficacia do Estado

A existencia dun estado sólido é vital para que un país calquera poida ter estabilidade e gozar de pleno recoñecemento e respaldo por parte dos seus cidadáns. Guiné-Bissau levita a expensas da influenza dos militares na política, nunha inestabilidade permanente. Así, desde a súa independencia en 1974, leva vivido ata 10 levantamentos de carácter militar (2), que lastran calquera posibilidade de despegue económico e democrático. Por iso, o propio exército é considerado un dos principais focos de inestabilidade do país.

En 2012, o proceso electoral que debía levarse a cabo durante o mes abril (após a morte repentina do anterior Xefe do Estado) foi interrompido na súa segunda volta por un novo levantamento. O Xefe do Goberno ingresou no cárcere.(3)

Unha economía minguada (altamente corrompida)

A permanente inestabilidade política e a inexistencia dun Estado que ofreza unhas mínimas garantías de desenvolvemento e subsistencia inflúen moi negativamente no curso económico, alentando procesos insáns que xustifican a cualificación de Guiné-Bissau como o principal narco-estado de África.

A maioría da poboación sobrevive da pequena agricultura e a gandería de autosubsistencia.Non existen as mínimas infraestruturas de cultivo. Non existe unha industria nacional. As mínimas infraestruturas foron devastadas polas guerras.

Dous terzos da poboación dispón duns ingresos por debaixo do limiar da pobreza. A desnutrición é galopante e estímase que arredor de 1 de cada 4 crianzas morre antes de acada-los 5 anos. A esperanza de vida rolda os 40 anos debido a que as condicións de salubridade son penosas. O país sitúase na posición 176 dunha totalidade de 187 países nos Informes sobre Desenvolvemento Humano elaborados anualmente polo PNUD. (4)

As mafias do narcotráfico procedentes da América do Sur operan sen restricións. O país dispón dunha xeografía privilexiada a nivel estratéxico e tense convertido con grande suceso na plataforma de comercio ilegal de drogas entre a América do Sur e maila Europa. Teñamos en conta que Guiné-Bissau sitúase en fronte dun arquipélago de até 100 illas case deshabitadas e por riba a distancia quilométrica mais reducida entre a América do Sur e a África é a que transita entre Venezuela e Guiné-Bissau. Estímase que a cuarta parte da droga que se consome en Europa circula por esta ruta.

O exército é peza substancial desta engrenaxe. Os narcotraficantes procúranlle suculentos beneficios monetarios aos altos mandos militares por face-la vista gorda ante as súas actividades ilegais. Nun país onde os salarios son verdadeiramente paupérrimos, por non dicir inexistentes, non é verdadeiramente complicado consegui-lo favor de ninguén. Os señores da droga virían a se-los financiadores dos golpes de estado cando albiscan que os seus negocios poden experimentar complicacións.

O poder civil fica subordinado ao poder militar, e este, á súa vez, fica subordinado ao poder do crime organizado, que ten o país á súa disposición: merca propiedades, vontades, eleccións, é dicir, é quen detenta o poder real.

Unha preocupante polarización étnica

A Guiné-Bissau posúe una inmensa riqueza de linguas e razas. Algúns estudosos sosteñen que no interior do país pódense distinguir até arredor de 35 grupos étnicos distintos, entre os que destacan os Balanta, os Manjako, os Fula, os Mandinga ou os Papel, todos coas súas correspondentes linguas, divindades, valores e ideais, é dicir, cunha cosmovisión propia, o que complica a situación interna ao carecer o país de políticas de cohesión.

No exército tamén se reflicte a diversidade étnica así como as políticas de segregación. Os Balanta, que supoñen ata un terzo dos habitantes do país, son maioritarios, e polo tanto, quen mais efectivos achegan ás tropas. Pero se os militares pertencen maiormente á etnia dos balanta, os representantes políticos, integrados no PAIGC, fan parte do crisol de razas diversas que integran a nación. O conflito está servido.

A pesada sombra de organismos externos

A descolonización da África nunca ten sido un proceso pleno e desde a súa irrupción as antigas metrópoles sempre teñen argallado fórmulas de intervención indirecta mais discretas que lles permitisen mante-la súa hexemonía (a través de pactos coas elites locais e financiando os estamentos militares).
Durante a década dos 80, Guiné-Bissau tivo que chamar á porta do FMI e o BM, quen outorgáronlle créditos diversos para financiar un desenvolvemento estrutural do país. No entanto, estes sempre foron xestionados polas elites políticas, quen maxinaron totalmente ao resto da cidadanía xerando fortes fendas sociais que só provocaron empobrecemento.

Na actualidade, o país está atopando un bo sustento dentro de organismos como a CPLP e a CEDEAO, quen de maneira moito mais cooperativa e certeira ca o FMI e o BM están poñendo en marcha programas de axuda ao desenvolvemento e de democratización, tendendo cara un modelo de autosuficiencia xenuinamente africano baseado nunhas regras de xogo constitucionais que garantan a seguridade e a redución da corrupción, especialmente no corpo castrense, a educación e a saúde para o conxunto da cidadanía. Angola estase amosando como socio fundamental, actuando como modelo de referencia aproveitando a súa puxante economía.

En conclusión, en tanto non sexa quen de levar adiante unha institucionalización mínima da súa estrutura estatal, acoutar a influencia do estamento militar e erradica-la presenza do narcotráfico internacional no país, a Guiné-Bissau seguirá a ser unha entelequia profundamente vulnerábel.

NOTAS:

(1) Este medidor clasifica aos países en función de 12 indicadores, como son a presión demográfica, o número de refuxiados e desprazados do país, o descontentamento interno, a perda de poboación, o grao de desenvolvemento, a fenda interna existente entre sectores sociais, o nivel económico, a percepción do estado, o nivel existente de servizos públicos, os Dereitos Humanos, o nivel de seguridade interna existente, a figura das elites ou a intervención de factores externos no desenvolvemento do país. A última clasificación do ano 2012 pódese consultar en: http://www.fundforpeace.org/global/library/cfsir1210-failedstatesindex2012-06p.pdf

(2) Cronoloxicamente, estes leváronse a cabo en:
1980-1985-1993-1999-2003-2008-2009-2010-2011 e 2012.
Como se pode apreciar, nun primeiro momento, os períodos de relativa estabilidade tiñan unha duración de entre 5 e 6 anos, mas a partires do ano 2008, cada ano ten o seu Golpe de Estado, coa violencia política e a represión sistemática que iso conleva.

(3) Despois da primeira volta das presidenciais, houbo unha forte contestación nas rúas porque intuíase que os resultados podían estar amañados. O candidato do PAIGC, Cadogo, obtivo o 49% dos votos, entanto que o principal rival opositor Kumba Yala fíxose co respaldo do 24% dos electores.
Os observadores internacionais deron por bos estes resultados, mas os militares senten unha grande simpatía por Kumba Yala (é balanta, ao igual que a meirande parte dos oficiais do exército) e diso derívase que levaran a cabo un levantamento para non permitir que un personaxe hostil aos seus intereses asumise o poder da nación.

(4) Estes dados correspondentes ao ano 2011, poden ser consultados neste enderezo electrónico: http://hdr.undp.org/en/media/HDR_2011_ES_Complete.pdf