Fonte: Mark Jones (2017) Creative Commons Attribution 2.0

Harry e Meghan

Harry e Meghan encaixan perfeitamente nesa ¨cultura da ofensa¨ que tanto prosperou nos últimos tempos e que da direito a ¨cancelar¨ ou suprimir todo o que os novos puritanos non queren que exista. Encaixan tamén na moda de non dar importancia á verdade e sustituila pola ¨verdade¨ que cada un sinte e conta á sua maneira.
Apartados xeográficos Europa

Desde o comezo demostraron que non tiñan intención nengunha de facer o que lles correspondía se querían ser working royals, os membros de familia real que traballan, que son todos os principais, incluidos o rei ou a raíña. Eles querían, como se dixo moitas veces, have their cake and eat it, comer o bolo e gardalo, todos os privilexios e nengunha das obrigacións.

Meghan laiouse en público de que ninguén lle explicara como era o de ser da familia real e de que ninguén se preocupara de se tiña problemas de saúde mental. Pero, quen mellor que o Harry, que viña desa familia, para explicarlle como era o conto? E quen mellor que o Harry para axudala se tiña problemas de saúde mental, dado que el, polo que conta, sempre os tivera e estaba en comunicación constante cós psicoterapeutas que coidaban del? O que mais ben parece é que Meghan pensou que podería situarse no primeiro lugar moi axiña, e saíronlle as contas furadas.

Os dous atacan á monarquía británica ao mesmo tempo que a usan para facer os moitos millóns que necesitan para viver no superluxo e figurar entre a xente importante, porque ao que non renuncian é aos títulos. Harry bota a culpa de todos os seus males e os de Meghan á Coroa e á prensa, e di que quer reformar ás duas. Aos dous sentoulles mal que algúns xornais ingleses falaran da hipocrisía de que andiveran apresentándose como santos defensores do planeta e guerreiros do clima mentras cruzaban case a diario o Atlántico en avión privado para encontrarse con outros ¨concientizados¨.

Harry era antes o mais popular da familia real, o ¨simpático¨. Todo o mundo pensaba que a culpa de que cambiara era da Meghan, que o tiña dominado. Pero a corrente mudou logo das entrevistas e o libro del. Agora a maioría dos británicos pensa que é arrogante, insensível e aldraxeiro, e que vai usar todo e a todos para facer cartos e asoballar.

A cuestión agora é que vai facer o pai, Carlos II. Como pai, entenderíase que quixera manter a paz. Como rei, se deixa que consigan o que Harry esixe, que é que pidan perdón a Meghan, quedará como o home frouxo que moitos pensan que é. E será para nada, porque Meghan e Harry non van renunciar a seren as víctimas e os ofendidos.

E qué vai pasar coa coronación do Carlos II na primavera? Se os convidan, van coller perrenchas por todo, e se non os convidan tamén. E se asisten, ninguén vai querer falar con eles sabendo que o van contar todo. Case todo o mundo pensa que Harry faría ben en seguir a norma da familia real de Never explain, never complain, nen explicarse nen laiarse nunca. Pero calando non faría os moitos millóns que fai falando.

Decataráse o Harry de que perdeu o respeito e o cariño da maioría dos británicos? Non parece. Virá a separación de Harry e Meghan que moitos profetizan? Como o conto vai continuar, iráse vendo nos seguintes capítulos.