Menos mal que a culpa foi de Portugal

Todos os gobernos se trabucan. Algúns rectifican, aínda que a maioría non o fan se a cidadanía non protesta. Pero para que poidan protestar, os afectados antes teñen que saber que o goberno vai tomar unha decisión que lles vai molestar. Canto máis tarde a cidadanía en saber desa decisión, máis tardará en protestar, e polo tanto máis vai tardar o goberno en mudala. En ocasións, cando moita xente xa sufriu os seus efectos.

Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

Todos os gobernos se trabucan. Algúns rectifican, aínda que a maioría non o fan se a cidadanía non protesta. Pero para que poidan protestar, os afectados antes teñen que saber que o goberno vai tomar unha decisión que lles vai molestar. Canto máis tarde a cidadanía en saber desa decisión, máis tardará en protestar, e polo tanto máis vai tardar o goberno en mudala. En ocasións, cando moita xente xa sufriu os seus efectos.

O luns 14 de xuño de 2010 o Diário da República publicaba os decretos para a implantación dúas semanas despois, a partir do 1 de xullo, de peaxes electrónicas en boa parte das súas autovías ata daquela libres de pagamento. Dous días despois o defunto Xornal de Galicia era o primeiro medio de comunicación de toda España que se facía eco da nova e das dificultades que o sistema de pagamento desas peaxes suporía para os vehículos de fóra de Portugal e das multas que conlevaría. Durante varios días, tanto as administracións como os empresarios galegos restaron relevancia á cuestión. Non a crían. Algún nin se molestou en comprobala no Diário da República.

O que veu despois xa é coñecido. Protestas, caída das viaxes de estranxeiros a Portugal, e marcha atrás parcial do Goberno luso modificando varias veces os prazos de implantación e os xeitos de pagamento para facelos (algo) máis doados. Unha solución á que se tería chegado antes se os afectados coñecesen antes, e polo tanto protestasen antes, contra a decisión inicial do Goberno portugués.

Hai un mes e medio, o 30 de marzo, o Conselho de Ministros de Portugal aprobou a suspensión temporal da libre circulación polas súas fronteiras con motivo da visita do Papa a Fátima. O 4 de abril publicou no Diário da República a Ressoluçao que establecía só nove “pontos de passagem autorizados” para o acceso terrestre ao país. Porén, en España a medida non foi comunicada de xeito oficial á cidadanía por parte da Guardia Civil ata máis dun mes despois, só dous días antes da súa implantación, e cando comezaron as dúbidas sobre ela algún nin se molestou en comprobala no Diário da República.

O que veu despois xa é coñecido. Protestas, atascos nos accesos a Portugal e marcha atrás parcial do Goberno portugués autorizando o ingreso ao país por bastantes máis sitios que os indicados na súa propia Ressoluçao. Unha solución á que se tería chegado antes se os afectados coñecesen antes, e polo tanto protestasen antes, contra a decisión inicial do Goberno portugués.

Novamente, como co caso das peaxes, compróbase pola vía dos feitos que non hai en Galicia nin en España administracións, e moi poucos medios de comunicación, que estean pendentes de transmitirlle á cidadanía as decisións do país veciño que poidan afectarlle, nin sequera cando se publican de xeito oficial no seu Diário da República. Decisións que, pola estreita relación diaria de Galicia con Portugal, rematan implicando aos propios portugueses que se relacionan social e económicamente con eses galegos afectados. A mobilización desa cidadanía transfronteiriza é a que remata facendo rectificar os gobernos. Porén, o foco destes días tanto das administracións españolas e galegas como dalgúns medios de comunicación está a ser a improvisación do Goberno portugués que rectifica tarde, non a súa propia falta de información á cidadanía que impide que rectifique antes. Menos mal que, ao igual que coas peaxes, a culpa foi de Portugal.