No fondo, o problema é Israel: Obama e “a última oportunidade”

O discurso do Presidente Obama na Universidade de El Cairo abre unha nova era nas relacións de EE.UU. co mundo árabe e musulmán e – polo menos eso pretende – con Israel.  Unha nova era que, nos comentarios da prensa internacional, preséntase pouco menos que como “unha última oportunidade” de levar adiante o tantas veces malogrado “proceso de paz”.

“A última oportunidade” é tamén o título dun interesante libro de David Gardner1, que por moitos anos foi o especialista do “Financial Times” en temas do Oriente Medio.  Trátase dun estudo serio e duro do rol que desempeña Occidente naquela rexión e critica acedamente o apoio “sen principios” que os países occidentais – e moi particularmente Estados Unidos e Gran Bretaña – prestan a réximes autocráticos.  E non só apoio, senón tamén indulxencia e mesmo participación na corrupción que practican eses réximes.

Escribe David Gardner que os países árabes e todo Oriente Medio teñen que saír do “pozo de autocracia” en que viven porque, de non ser así, os seus pobos están condenados a unha vida de desesperación, humillación e carraxe “engadindo leña ao inmenso incendio declarado na que xa é a rexión máis combustible do mundo”. Recoñece que corresponde aos pobos da rexión tratar de saíren do pozo polas súas mans, “pero o menos que poden esperar é que Occidente non lles pise os dedos”.

O libro está estruturado a través de entrevistas con figuras importantes daqueles países: Hosni Mubarak de Exipto e o defunto Hussein de Xordania (dous países que Gardner cualifica de “Estados centrados na seguridade nacional”), o expresidente Musharraf do Pakistán, Rafiq al-Hariri do Líbano, entrevistado pouco antes de ser asasinado, o Primeiro Ministro turco Recep Tayyip Erdogan, e tamén príncipes da familia saudita e xuristas shiítas de Iraq.
O capítulo dedicado ao fenómeno de Bin Laden é dos máis interesantes. O “binladenismo”, pensa Gardner, é unha herexía wahhabita, violenta e romántica, mesturada de nihilismo occidental e un certo e informe espírito feixista. Herexía que, por moito que non poida derrubar a monarquía da Casa de Saud, sí pode facer que a familia reinante se peche aínda máis no extremismo relixioso que non permita o desenvolvemento dunha clase media reformista.
O que Europa e EE.UU. teñen que facer é deixar de apoiar a déspotas árabes e adoptar un sesgo propicio cara os defensores da democracia.  “Si para eso hai que aceptar gobernos islamistas de Rabat a Islamabad, que así sexa”, porque Gardner estima que hai unha certa esperanza no que el chama “democracia musulmana”, que sería algo así como a democracia cristiá occidental.  Un elemento sería o partido AKP (xustiza e desenvolvemento) de Erdogan en Turquía.  A Irán se lle ofrecería un “gran arranxo no que Occidente recoñecera o seu dereito á seguridade a cambio de limitar a súa combatividade en política estranxeira.

¿E Israel? Aí é onde entraría o novo espírito que representa Obama (que Gardner non cita), para tratar de convencer a ese país de que por propio interese debe aceptar a existencia dun Estado palestino.

“Calesquera que teñan sido as loucuras e atrocidades que cometeron … os árabes están pagando os pecados de Europa”, dixo nunha entrevista en 2004 Amos Elon2, un dos máis importantes intelectuais de Israel, que faleceu hai poucos días aos 83 anos.  Amos Elon, atacado por dereitas e esquerdas de Israel, estaba decepcionado polo camiño que Israel sigue desde hai moios anos, e cando falaba dos pecados de Europa referíase principalmente aos pecados orixinais cometidos a partir de 1917, ano da Declaración Balfour na que se prometía “unha patria” ao pobo xudeu en terras que eran propiedade de outro pobo.  Unha promesa “claramente inmoral” –en palabras de David Cesarani, profesor de historia na Universidade de Oxford e gran autoridade en temas de Israel, nun recente libro3– porque os xudeus representaban daquela menos do 10% da poboación de Palestina. Foi, alén diso, un dos erros máis colosais da historia imperial británica, pois o conflito que provocou entre os movementos de reivindicación nacional palestino e xudeu aínda está por resolver.

Porque, no fondo, o problema é Israel.

 

1 Last Chance: The Middle East in the Balance, IB Tauris, London 2009.

2 Citado en nota necrolóxica, “The Guardian”, Londres, 4 de xuño de 2009.

3 Major Farran’s Hat: Murder, Scandal and Britain’s War Against Jewish Terrorism, Heinemann, Londres, 2009.