Este artigo é da autoría de Javier Bouzas Arufe, Graduado en Comercio polo University College de Dublín e doutoranto do programa de Economía e Empresa da Universidad de Santiago de Compostela
javier.bouzas 2

O emprendemento galego, cada vez máis internacional

As empresas galegas son cada vez máis internacionais, sendo exportadoras o 27% das iniciativas emprendedoras, un aumento que tamén chega ás iniciativas consolidadas onde o fenómeno da internacionalización acada o 25%.
Liñas de investigación Paradiplomácia Economia
Idiomas Galego

Datos positivos para o emprendemento galego

O informe do grupo GEM (Global Entrepreneurship Monitor) Galicia para o ano 2022, publicado este mes de novembro, revela que a taxa de actividade emprendedora (TEA) na comunidade acadou o ano pasado o 5,4%, un incremento de 0,6 puntos con respecto a 2021 e o segundo valor máis alto dende 2010. Ademais, a metade dos emprendedores ten entre 35 e 45 anos, o que indica que a poboación emprendedora galega está a rexuvenecer. O emprendemento feminino está en aumento, chegando ao 6,7% en 2022, fronte ao 5,3% en 2021, e segundo o propio informe, ten un papel crucial xa que os proxectos dirixidos por mulleres tenden a mostrar unha maior propensión a innovar, e as emprendedoras teñen maior formación que os seus homólogos masculinos.

Ademais, a radiografía do emprendemento galego sinala que o 71% dos negocios creados en 2022 en Galicia tiñan un capital semente igual ou inferior a 30.000 euros, centrado maioritariamente no sector servizos, sendo a maioría destes negocios microempresas de menos de cinco empregados e de propiedade familiar.

Polo tanto, obsérvase unha tendencia crecente na actividade emprendedora en Galicia, que fora paralizada durante a pandemia de Covid-19, e volve a valores emprendedores similares aos dos anos anteriores da crise sanitaria. Sen embargo, comparando o dato con outras economías do entorno, -6% en España, 7,7% en Francia, 9,8% en Suíza ou 12,5% en Irlanda- ou internacionais –16,5% en EEUU, 20% en Canadá, 21% en Brasil ou 23% en Uruguai- obsérvase que a taxa de emprendemento galega aínda podería seguir mellorando nos anos vindeiros.

A cultura como factor clave

A internacionalización é fundamental para as pequenas e medianas empresas nas súas primeiras fases, e neste proceso inciden diversos factores como a incerteza económica, o tempo, o apoio institucional e, sobre todo, a cultura. A cultura, entendida como un conxunto dinámico de códigos e valores, xoga un papel crucial na percepción e comportamento das persoas, sendo un factor clave na estratexia de internacionalización empresarial. Tanto os emprendedores como as empresas máis pequenas, influenciadas pola cultura nacional, enfróntanse a importantes retos á hora de expandirse ao estranxeiro, xa que teñen menos recursos e afrontan un maior risco de fracaso.

A internacionalización do emprendemento galego

Especialmente importante no informe GEM Galicia é o dato de que o 27% das iniciativas emprendedoras en fase inicial realizaron exportacións, mantendo unha proporción similar á do ano anterior. Non obstante, a participación de empresas exportadoras duplicouse nas iniciativas consolidadas, chegando ao 25% en 2022, fronte ao 14% en 2021. A propensión á exportación das iniciativas de nova implantación mantívose case estable respecto a 2021, mentres que as empresas consolidadas experimentaron un notable aumento das exportacións. Ademais, as iniciativas en fase inicial lideradas por mulleres mostraron unha maior propensión á exportación en comparación coas lideradas por homes (29% fronte a 25%). Esta tendencia inverteuse nas iniciativas consolidadas, onde o 29% liderado por homes exportaba fóra de España, fronte ao 22% liderado por mulleres.

Aínda queda un longo percorrido

Se ben tanto o emprendemento como a internacionalización das empresas galegas obtén unha mellora fronte a anos pasados que permite certo optimismo, o certo é que as nosas taxas están aínda por debaixo dos países do noso entorno, por non mencionar as economías máis afastadas, como as das economías anglosaxoas ou latinoamericanas. Se ben no caso dos países latinoamericanos isto ven marcado polas dificultades económicas que fai que a poboación use o emprendemento como potencial ferramenta para mellorar a súa economía, no caso das culturas anglosaxoas como EEUU, o alto índice de emprendemento e a súa internacionalización ben marcado pola súa cultura, na que son máis propensos a asumir riscos e ter menor medo á incerteza.

As diferenzas culturais nacionais, evidenciadas por modelos como o de Hofstede, son claves para o éxito ou o fracaso en novos mercados, á vez que poden influír no grao de emprendemento adoptado pola sociedade, e para iso, factores do entorno como a educación e un apoio institucional eficaz, máis alá de proporcionar recursos financeiros, serán claves para seguir aumentando o noso ritmo emprendedor e a súa internacionalización.