samoa

Acordo de Samoa

Logo dun periplo de cinco anos de negociación, a mediados do mes pasado asinouse o Acordo de Samoa, un texto xurídico de alcance global que dará cobertura xurídica durante os próximos 20 anos á cooperación da Unión Europea cos países dos bloques rexionais de Africa, o Pacífico e o Caribe, os chamados países ACP, arredor de temas coma os dereitos humanos, democracia e gobernanza, paz e seguridade, desenvolvemento humano e social, crecemento, desenvolvemento económico sostible, inclusivo e medioambiental, ademais de cambio climático, migracións e mobilidade.
Apartados xeográficos Europa

No seu artigo 95, o seu predecesor, o acordo de Cotonu, prevía a adopción do novo texto en 2020. A pandemia tamén puxo en dificuldade o esforzo negociador, que mobilizou ate un total de 106 países que representan máis da metade dos escanos da asamblea de Nacións Unidas.

Son varias as novedades institucionais do acordo. Asinado baixo a presidencia española en Europa, da pé a que en lugar de levar a cabo o diálogo cos tres bloques rexionais de xeito conxunto, os actores involucrados se encadren nun proceso rexionalizador que abre a porta a tratar os diferentes temas no cadro de cada rexión, separadamente. Ademáis, logo dunha revisón do acordo de Georgetown do 75 que constituía o propio bloque, pasou a ser unha organización internacional de pleno dereito no 2020, que agora mudaba o seu nome polo de Organización de Estados de África, o Caribe e o Pacífico (OEACP).

O que conleva a unha variación a respeito do sistema instituciónal encargado de asegurar a coordinación, a coherencia, a complementaridade, e de garantir un fluxo eficaz e recíproco de información no seo da organización. Xa dende 1975 se establecía un Consello de Ministros, un Comité de Embaixadores, e mais unha asamblea parlamentaria paritaria, que a partir do 2020 poderán deliberar atendendo máis as peculiaridades das súas respectivas rexións.

Outra novidade organizativa no seo da OEACP foi a posta en marcha en Malabo no 2018 dun Centro para cooperión sur-sur e triangular nos países ACP, responsábel de circular información a respeito de boas prácticas no deseño de proxectos, en aras de reforzar a cooperación ao desenvolvemento, capitalizando en experiencias, procurando sinerxías; o que supón un fito na cooperación intra-ACP.

Europa Global

Ata o de agora a meirande parte da cooperación cos países ACP era financiada coas achegas dos estados membros por via do fondo europeo de desenvolvemento (FED). As principais novedades orzamentarias á respeito da cooperación internacional viron coa aprobación no 2021 do Instrumento de Veciñanza, Cooperación ao Desenvolvemento e Cooperación Internacional, tamén chamado Europa Global (Global Europe, NDICI, nas súas siglas en inglés). Cunha dotación de 79.5 mil millóns de euros para o periodo plurianual 2021-2027 deixa tras de si aos FED, para ser obxecto de pleno escrutinio polo parlamento europeo, ao converterse en parte íntegra do orzamento comunitario, o que na xerga interna deu en chamarse orzamentacización.

Especial mención merece o feito de que dentro das accións que promove o NDICI, o seu instrumento -Global Gateway, presente interesantes oportunidades de licitación internacional. Trátase dunha ferramenta que procura conectar aos países parceiros a economía internacional mobilizando financiación público-privada para o desenvolvemento de infrastruturas coa finalidade de atinxir o valor de 300 mil millóns, a metade deles para ser despregados en África, nomeadamente no eido dixital (infrastructuras de Internet), clima e enerxía (transición enerxética), saúde (cadea de abastos e capacidade de produción de vacinas), educación e investigación, concentrándose na calidade da educación con énfase en nenas e mulleres e máis grupos vulnerables; ademais de transporte, que se traduce sobretodo na catalización financeira cara corredores estratexicos e hubs loxísticos coma os portuarios que requiren capital intensivo.

Civics – Onde quedamos nós en todo isto?

A Unión Europea é un dos poucos grandes actores internacionais que condicionan a súa acción exterior aos seus valores propios. Así, o fincapé que se fai en dereitos fundamentais en acordos coma os de Samoa é de suma importancia. Os diferentes actores envoltos nos diferentes procesos que acompoñaron tanto os respectivos diseños institucionais coma orzamentarios celebran a cada vez máis ampla participación da sociedade civil e outros actores; ou mesmo se recoñece aínda o maior protagonismo das políticas de transparencia. É neste úlimo aspecto onde me gustaría facer unha parada.

No fin, a política exterior europea é unha xanela de exportación dos procesos e dinámicas internos da propia construción comunitaria e que esta promove. A política internacional europea fomenta así o imperio da lei, a democracia, os dereitos humanos, as políticas de xénero, a boa gobernanza ou a integración económica, que son tamén de aplicación na Unión.

Onde quedamos nós en todo esto? O xornal xeneralista español El País informou nun artigo de opinión titulado Silencio Administrativo con data do 14 de outubro de este ano da preocupante situación da transparencia en España, cuxas institucións públicas se dotaban (Art 105 da Constitución; Lei 19/2013) dunha lei que respondería a unha sociedade crítica, exixente e que demanda participación, segundo o seu preámbulo, e do que o propio Consello de Transparencia e Bo Goberno denuciou, segundo comenta o artigo, acerca da opacidade do Ministerio de Sanidade por negarse a dar a información que os cidadáns lle pedían a propósito da súa xestión durante a crise sanitaria, que foron dun 30 % de reclamacións na Administración estatal, e 75% a respeito das reclamacións nos Concellos e Comunidades Autónomas.

Na verdade non fai falla ir a ningunha disposición comunitaria para equiparse dunha norma para exercer os nosos dereitos e responsabilidades, pois a propia articulación constitucional española contempla unha protección aos dereitos fundamentais acorde cos tempos, ao redor da cal a acción dos poderes públicos debería pivotar.

Máis atinado coa súa análise da sociedade de masas, ao meu ver infelizmente segue sendo popular a idea da vertebración da sociedade española do célebre Ortega e Gasset, aquela que continúa condeando aos seus concidadáns a adolecentes perpetuos. Ocórreseme contraporlle as propostas do internacionalista galego Salvador de Madariaga. De extraordinaria inspiración é o seu famoso texto de Oxford do 47. Quizais sexa interesante recuperalo nun contexto de auxe de concentración de poder, dos fait acompli ou mesmo da realpolitik; enfoques de acción pública internacional á alza, malia a desaparición dun dos seus expoñentes intelectuais e practicantes a semana pasada, un tal Kissinger. Tendencias estas que cuestionan mesmo as cementos do multilateralismo, ou a súa vertiente mais social ou mesmo local. Aka o pluralismo.