O policía turco

Europa semella redescubrir no presidente turco Recep Tayyip Erdogan ao seu “xendarme necesario”. E a Turquía como o seu policía fronteirizo. Incapaz de acometer con celeridade a peor crise de refuxiados desde o final da II Guerra Mundial, Bruxelas, da man da chanceler alemá Ánxela Merkel, prefire “cortar polo san” e blindar a Turquía como unha especie de freo represivo da vaga de inmigrantes que foxen de conflitos nos que Occidente ten unha elevada responsabilidade. E, de paso, asegurar que Turquía, aliado estratéxico da OTAN, non se incline cara outros horizontes, alleos aos intereses occidentais, nin descarrile cara unha perigosa inestabilidade.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Europa semella redescubrir no presidente turco Recep Tayyip Erdogan ao seu “xendarme necesario”. E a Turquía como o seu policía fronteirizo. Incapaz de acometer con celeridade a peor crise de refuxiados desde o final da II Guerra Mundial, Bruxelas, da man da chanceler alemá Ánxela Merkel, prefire “cortar polo san” e blindar a Turquía como unha especie de freo represivo da vaga de inmigrantes que foxen de conflitos nos que Occidente ten unha elevada responsabilidade. E, de paso, asegurar que Turquía, aliado estratéxico da OTAN, non se incline cara outros horizontes, alleos aos intereses occidentais, nin descarrile cara unha perigosa inestabilidade.

Mentres os populismos xenófobos comezan a (re) emerxer en Europa impulsados por esta crise de refuxiados, Erdogan espera blindarse politicamente da man de Merkel cun contexto electoral ás portas, contextualizado co adianto dos comicios lexislativos pautados para o próximo 1º de novembro. Atribulado por non obter a maioría lexislativa absoluta nos comicios parlamentarios de xuño pasado, Erdogan semella convencido de transitar por unha “fuxida cara diante”, incluso negociando co establishment dos “poderes fácticos” identificados no coloquialmente coñecido como “Estado profundo” (Derin Devlet en turco) e os seus aliados exteriores. A cambio: 3.000 millóns de euros en axudas e a aceleración do vello soño turco de ingreso nunha Unión Europea agora polarizada pola crise social, económica e moral.

Desde 2011, Turquía ven asentando, en silencio e sen protestar, a mais de dous millóns de refuxiados sirios, mentres as elites políticas europeas dramatizan cos 120.000 refuxiados recibidos e repartidos nunha vergonzosa política que reflicte en que medida Europa está decidida a mirar cara outro lado e non acometer de fronte a súa responsabilidade. E Erdogan, buscando a súa ansiada maioría absoluta parlamentaria que lle permita reformar o sistema político para dotarse da prerrogativa dos poderes absolutos e o presidencialismo indefinido, aproveita a conxuntura para xogar con forza as súas cartas, incluso contando co inesperado apoio europeo.

Neste sentido, o contexto postelectoral tralos comicios parlamentarios de xuño pasado dirimiron un escenario de inquietudes sobre a estabilidade social e política turca, así como das pretensións autoritarias de Erdogan, preventivamente freada neses comicios, en particular ante o ascenso electoral do partido procurdo HDP. Mentres manobraba para afianzar o seu liderado dentro do gobernante partido islamita AKP tras este revés electoral, Erdogan adiantou unha estratexia que lle levou tacitamente a negociar co Derin Devlet, achegándose ao poderoso estamento militar turco e aos seus aliados políticos, en particular o partido kemalista e tradicional opositor CHP. Todo isto sen desestimar o protagonismo político da extrema dereita do MHP, entre os que transitan os tristemente célebres “Lobos Grises”, con particular incidencia trala revitalización do conflito curdo. Con todo, as sucesivas roldas de negociacións entre o AKP e o CHP resultaron infrutuosas, en particular ante os plans presidencialistas de Erdogan.

Precisamente, o revival do conflito curdo impulsado pola ruptura de negociacións adoptada por Erdogan en agosto pasado, ten unha incidencia no contexto político preelectoral actual, coas súas consecuentes derivacións na xeopolítica rexional. Apostando pola baza nacionalista de forte calado na sociedade turca, Erdogan teme que o HDP eventualmente emerxa como unha nova forza política opositora contraria aos seus plans absolutistas de reformar o Estado turco, toda vez o novo partido procurdo eventualmente logre converterse nun atractivo das demandas das novas clases medias urbanas beneficiadas da bonanza económica da década anterior, e contrariadas polo autoritarismo de Erdogan e a tanxencial “(re) islamización” da sociedade turca. Así, apostando pola baza nacionalista en chave electoral, fortalecida coa visita de Merkel e a revitalización da admisión turca na UE, Erdogan e o AKP esperan ampliar a súa base electoral, incluso atraendo a sectores laicos tradicionalmente opositores.

Paralelamente, un eventual fortalecemento do HDP podería desprazar o histórico protagonismo do Partido dos Traballadores do Curdistán (PKK) como voceiro das demandas soberanistas curdas en Turquía. A semana pasada, tralo atentado terrorista acaecido en Ankara durante unha manifestación procurda, e que provocou case un centenar de mortos e aproximadamente 500 feridos(1), o PKK instou as súas milicias a adoptar un cese ao fogo unilateral co goberno turco, unha decisión moi probablemente instigada polo HDP no cometido de non facer o xogo da estratexia de Erdogan de utilizar o conflito curdo e a posibilidade de ruptura estatal con claros fins electorais.

No relativo ao conflito sirio, alén da eventual expansión da súa inestabilidade ao territorio turco e da masiva chegada de refuxiados, o temor de Erdogan e do Derin Devlet focalízase na eventualidade dun reforzamento rexional da causa curda, a través das milicias curdas que loitan en Siria contra o Estado Islámico e o réxime de Bashar al Asad. Neste cometido, a inesperada intervención militar rusa en Siria xa provocou a primeira crise con Ankara, a tenor da presunta violación do espazo aéreo turco por parte dun caza ruso.

Este suceso provocou unha fricción diplomática entre Turquía e Rusia, cuxos achegamentos estratéxicos en materia enerxética, militar e xeopolítica comezaron a fraguarse desde 2012, para maior preocupación da OTAN, de EUA e de Europa. Sen ir mais lonxe: en setembro pasado, dentro do contexto de intervención rusa en Siria, o presidente Vladimir Putin inaugurou en Moscova a maior mesquita de Rusia, acto no que contou coa presenza de Erdogan, en clara alusión á entente ruso-turca(2).

Velaí que estas variables xeopolíticas inflúen na súbita visita de Merkel a Erdogan e na inesperada iniciativa de revitalizar as paralizadas negociacións de admisión turca á Unión Europea. Tras unha década de desencontros e co pretexto da crise de refuxiados sirios, Occidente quere recuperar a Turquía como socio estratéxico nunha zona tan apetecible como inestable, e que está ás portas dun inevitable e histórico cambio de era. En definitiva, é a realpolitik de Merkel de converter a Turquía no “policía necesario” dun drama humanitario do que Occidente xa non ten nin sequera a capacidade moral de afrontar.

 

 



(1) Tralo ascenso electoral do procurdo HDP en xuño pasado e da ruptura de negociacións de Erdogan cos curdos acaecido a comezos de agosto, se han rexistrado varios atentados a sedes do HDP. Os atentados terroristas de Suruc en agosto e Ankara a comezos de outubro, os peores da historia recente en Turquía, foron perpetrados contra partidarios da paz no Curdistán. As escasas medidas de seguridade dos manifestantes procurdos durante o atentado de Ankara (ata agora non reivindicado por ningún grupo aínda que o goberno turco insiste en acusar aos yihadistas do Estado Islámico) revelaría toda serie de presuntas complicidades existentes con claros fins políticos preelectorais, entre eles incluso os servizos de intelixencia do estamento militar. Para maior información, consultar “Turquía. ¿Cuándo la negligencia es cómplice?”, Informe Semanal de Política Exterior, Nº 958, 19 de outubro de 2015, páxina 4.  

(2) Consultar: MANSILLA BLANCO, Roberto, “A realpolitik de Putin”, Mundiario e IGADI, 25 de setembro de 2015. Ver en: http://www.igadi.org/web/analiseopinion/a-realpolitik-de-putin