Unha reflexión de Santiago Jiménez, profesor na USC

O retablo das marabillas ou a realeza no fío da realidade

A literatura e o literario viñeron configurando unha longa serie de relatos nos que nos sometemos a unha constante confrontación coa invocación dun conxunto de ficcións alusivas ao real existente, como un repertorio de comportamentos e formas de actuar; relacionables, ao tempo, xa na modernidade, coas nosas vivencias e experiencias como forma de indagación, cuestionamento ou ratificación acerca das nosas maneiras de existir e de ser. Así se foron configurando ao longo dos séculos, nas distintas épocas e sociedades, narracións orais ou escritas cuxa diversidade temática e estilística foi explicada por medio da teoría dos xéneros e subxéneros. Unha descrición articulada en multitude de categorías principais ou secundarias.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

A literatura e o literario viñeron configurando unha longa serie de relatos nos que nos sometemos a unha constante confrontación coa invocación dun conxunto de ficcións alusivas ao real existente, como un repertorio de comportamentos e formas de actuar; relacionables, ao tempo, xa na modernidade, coas nosas vivencias e experiencias como forma de indagación, cuestionamento ou ratificación acerca das nosas maneiras de existir e de ser. Así se foron configurando ao longo dos séculos, nas distintas épocas e sociedades, narracións orais ou escritas cuxa diversidade temática e estilística foi explicada por medio da teoría dos xéneros e subxéneros. Unha descrición articulada en multitude de categorías principais ou secundarias.

Esa plasmación de historias evocadoras, de distintos matices e tratamentos, non foi sempre compracente nin xustificativa nin lexitimadora contemplando unha vertente impugnadora, crítica, satírica, irreverente que, na literatura hispánica, fraguou, dende o final da chamada idade media, nunha categoría literaria coñecida co nome de picaresca que produciu un bo número de obras literariamente monumentais e socialmente relevantes sobre as que non é preciso insistir. E cuxas posteriores recreacións produciron o esperpento e teñen o seu reflexo en certas formulacións da novela negra. E que, no contexto cultural galego, se moveu entre fórmulas de realismo descarnado e fabulacións de realismo máxico.

Unha aproximación literaria que, poñendo de manifesto unha realidade silenciada, lateralizada ou oculta, por supostamente intranscendente e irrelevante, permite cuestionar o valor do solemne e institucional, do que hoxe chamariamos un pensamento politicamente correcto; formulacións restritivas e codificadas dunha forma de entender e comprender baseada na anotación formalista do real e, polo mesmo, fracasada á hora de intentar abranguela ou transformala. Unha visión insólita ou pouco abordada que, por veces, chega a confundirse co surreal a forza de evocar o subreal, o substrato do existente cotián.

Só na actualidade, as fronteiras entre ficción e realidade esváense; de modo que a realidade crea os relatos máis apaixonantes e a ficción os máis coherentes e cribles. Asistimos estupefactos a unha secuencia de acontecementos contemporáneos nos que a distribución de papeis crea os máis insólitos heroes e os máis perversos viláns que case nos fan esquecer que as súas accións non son só evocadoras de formas de ser senón que teñen evidentes consecuencias que condicionan e afectan á vida social e colectiva. Ata os residuos míticos perden a súa función ao converterse en símbolos ambiguos e, polo mesmo, perden a súa función como instrumentos de identificación e ratificación social. De modo que, hoxe por hoxe, se evocamos o perfil sórdido do real o común da xente crería que estamos a falar de canto se relaciona coa realeza, na orde política, e coas cuestións que afectan á institución monárquica e á familia real. E certamente é a esta realidade, á da realeza, á que nos gustaría referirnos no noso artigo.

Unha realidade na que un monarca desgastado e desprestixiado, tanto polos seus propios erros coma polos cometidos por persoas do seu círculo familiar, decide reforzar e restaurar a súa imaxe pública mediante unha visita de estado, en representación, polo tanto, de todos e todas, a outro monarca supremo e divinizado, encarnación de valores caducos e supersticiosos, e exemplo dunha acción política personalista, arbitraria e despótica apoiada por un contundente aparato represivo que establece o dereito a partir da súa vontade e o seu capricho, seguindo fielmente o exemplo do seu líder político e guía espiritual a un tempo.

Os feitos son suficientemente coñecidos. Un Xefe de estado en horas baixas busca recuperar a súa credibilidade pública e os seus asesores prepáranlle un encontro político da maior transcendencia cunha autoridade tan necesitada de lexitimación coma el mesmo ou aínda en maior medida, para impulsar unha acción política verdadeiramente transcendente a nivel internacional. Os seus fins: resolver as diferenzas políticas entre dous estados veciños sen tratar ningunha das cuestións de fondo que as crean; incrementar nominalmente as relacións comerciais sen formalizar nin un só proxecto; favorecer unha política de intercambio cultural a nivel universitario promovendo a creación dun programa de axudas escolares que permitan aos alumnos dos dous países cursar estudos no outro sen ter en conta pequenos detalles como as dificultades económicas que sofren os programas actualmente vixentes, como o Erasmus e o Séneca, nin a inexistencia de convenios de homologación de estudos co ámbito común europeo, establecer unha política común para a espiñenta cuestión do Sahara Occidental sen ter en conta a opinión da poboación saharauí, tan ninguneada e ignorada pola súa potencia ocupante como polo seu antigo estado colonial; e, como evidencia e froito desa renovada concordia, promover unha distensión patentizada na concesión concertada dun amplo e magnánimo indulto que favorecería ao colectivo de presos españois que cumpren as súas condenas en Marrocos.

O que se presentaba como unha actuación política da maior transcendencia se foi convertendo paso a paso nun esperpento que, nestes últimos días, derivou na manifestación máis patente da falta de rigor e competencia coa que se abordou este cambio de imaxe, demostración de arbitrariedade e sen sentido cuxos efectos foron os contrarios dos esperados.

O contencioso saharauí, encistado na dinámica política das Nacións Unidas ao longo de moitos anos e complicado pola emerxencia da loita terrorista levada a cabo no Sahara e o Sahel e a inestable situación política do islam norteafricano e do Magreb, en particular, para nada se resolve con accións bilaterais desta natureza. A nosa presenza histórica na zona e o nefasto papel xogado en relación co inacabado proceso de descolonización do Sahara Occidental, no que ten responsabilidade directa Juan Carlos I, terían esixido unha actuación máis meditada e coherente que poña en relación nosa acción política exterior cos presupostos éticos que inspiran a nosa constitución e coa opinión maioritaria defendida pola nosa sociedade a favor da xustiza, da defensa dos dereitos colectivos e da liberdade das persoas e os pobos. E, por iso, en apoio da autodeterminación do pobo saharauí sen condicionantes nin adxectivacións.

Moito máis eco tivo a magnanimidade real do Sultán marroquí que supuxo a concesión do indulto á relación de presos que se solicitaba e a outros moitos para os que se pedía o cumprimento das súas condenas na Península; pero, tamén, a liberación dun preso pendente de xuízo e doutro máis condenado a trinta anos pola violación en Kenitra de once nenos e nenas, cuxas idades se situaban entre os catro e os once anos. Erros que proban a falibilidade dos poderes preeminentes da realeza pero, aínda máis, as deficiencias dunha política de estado e dun aparato de goberno cuxos intereses distan dos das sociedades aos cales din representar. Porque incomprensible resulta o exercicio dunha magnanimidade arbitraria sobre un reo aínda non sometido a xuízo e, polo mesmo, pendente da estimación e sentenza da súa culpa por parte da xustiza, representante en maior medida do estado que da sociedade. Pero aínda máis dificilmente asumible, aínda que non insólita, sexa a amnistía concedida a un violador de menores cuxa biografía o fai colaborador dos servizos de información españois e da Garda Civil e administrativo dunha Universidade igualmente española á vez que simulador e sedutor á forza. Talvez debería de quedar claro que os servizos ao estado non o condonan ou o xustifican todo e que os delincuentes enfermos tamén teñen o seu tratamento dentro do noso marco xurídico e penal.

E se asombrosa é a decisión aínda sono máis as reticencias coas que, tras unha inaudita e tenaz reacción de protesta social, inédita no contexto político marroquí, se trata de revogar ese indulto e establecer a escrupulosidade legal da súa posible anulación. Brutal represión policial da protesta e nova mostra de magnanimidade real, neste caso forzada polas circunstancias, e con escasas repercusións a nivel de responsabilidade política na administración marroquí e nulas na española, que declinou toda posible culpabilidade no feito.

A madura e honrada reacción da sociedade marroquí confírelle un punto de dignidade ao que non chegaron nin por asomo a nosa administración, nin os nosos medios de comunicación nin nosa propia sociedade. E iso debera de ser obxecto de reflexión e estímulo para unha acción colectiva responsable ante as moitas cuestións que nos afectan. Neste caso, demos de lado a un feito significativo sen ningunha demostración decidida de condena nin asunción de responsabilidades en relación con este.

Dicía, nun artigo dedicado ao tema, Hicham Ben Abdallah Al Alaouí, investigador en Stanford e primo irmán do rei de Marrocos, que se produciu un atentado contra a integridade moral e un menosprezo á honra de toda unha sociedade que se viu obrigada a rebelarse. Pero moito témome que a humillación e a deshonra, e menos a que afecta ao colectivo social, teñan un peso real nas decisións políticas nin importen a quen rexen ou representan a esa mesma sociedade e canto encarna.