Obxectivos e ferramentas da diplomacia deportiva

O Rugby potenciou a unificación social e a superación das consecuencias do Apartheid na Sudáfrica de Mandela[1], as olimpíadas de Berlín en 1936 foron unha frutífera ferramenta de branqueamento do réxime nazi[2], e a Asemblea Xeral das Nación Unidas adoptou diversas resolucións sobre o deporte ao servizo do desenvolvemento e da paz[3]. Son tan só algúns exemplos de que o deporte, ás veces, ten metas que van máis aló de gañar unha competición.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

O Rugby potenciou a unificación social e a superación das consecuencias do Apartheid na Sudáfrica de Mandela[1], as olimpíadas de Berlín en 1936 foron unha frutífera ferramenta de branqueamento do réxime nazi[2], e a Asemblea Xeral das Nación Unidas adoptou diversas resolucións sobre o deporte ao servizo do desenvolvemento e da paz[3]. Son tan só algúns exemplos de que o deporte, ás veces, ten metas que van máis aló de gañar unha competición.

Os Obxectivos da Diplomacia Deportiva

A promoción da práctica deportiva dos cidadáns é, en si mesma, un obxectivo a atinxir polos gobernos, dados os seus innumerables beneficios para a saúde, a educación, a sociedade e a cultura. Porén, cando falamos da utilización do deporte con fins diplomáticos, este pasa a ser un instrumento máis para lograr os obxectivos internacionais dunha entidade, país ou conxunto de países. Polo tanto, para beneficiarse das súas características é preciso que exista unha estratexia de acción exterior global, cunhas metas concretas, nas que a diplomacia deportiva poderá aportar en tres vertentes: unha interna de identificación, e dúas externas, segundo sexan de intercambio ou de contribución.

En tanto aos fins internos, baséanse en definir a imaxe, identidade, valores e o posicionamento que se quere transmitir. Axuda o deporte como elemento aglutinador interno e de cohesión respecto a unha identidade, que serve como reforzo pacífico do nacionalismo, para reivindicarse como estado emerxente ou mesmo para canalizar sentimentos periféricos.

Os obxectivos de intercambio son os máis meramente diplomáticos e, sen dúbida, os máis perseguidos e nos que o deporte pode xogar un papel clave. A través deles búscase como, a quen e para que transmitir a imaxe e valores definidos anteriormente, é dicir, teñen unha finalidade de ganancia ben económica, diplomática ou doutra natureza. Recolle a proxección global do territorio, o reforzo das relacións internacionais e o desenvolvemento económico derivado destas, mediante turismo, empresas e acordos económicos.

Ademais dunha procura do intercambio diplomático lucrativo, a diplomacia deportiva tamén pode expor metas de contribución ao desenvolvemento e cooperación con terceiros. Se ben a cooperación é un fin necesario e beneficioso por si mesmo, tamén repercutirá beneficios de imaxe e de formación de vínculos con sociedades en desenvolvemento.

As ferramentas para logralo

Unha vez estean definidos os obxectivos de acción exterior global, e dentro deles os da diplomacia deportiva, procederase a analizar cales e de que xeito serán os instrumentos dispoñibles para logralos. Existe unha ampla gama de ferramentas de diplomacia deportiva, sendo as seguintes algunhas das de maior alcance e popularidade.

O instrumento de maior impacto mediático son os mega-eventos deportivos, tanto para os países que participan, pero especialmente para os países e cidades que os acollen. Dedicaremos un artigo a esta ferramenta polo seu impacto na proxección internacional do anfitrión e na creación dun espazo de encontro pacífico multinacional. A organización doutros eventos, sexan torneos de menos calibre, concentracións ou conferencias deportivas, son tamén ferramentas útiles e moito máis accesibles, malia a ter menos visibilidade.

Tamén adicaremos especial atención máis adiante aos enfrontamentos deportivos directos entre nación, xa que son unha imaxe clara de como o deporte inflúe nas relacións bilaterais, xeralmente no seu reestablecemento, pero tamén avivando conflitos. Cando os enfrontamentos non chegan a producirse por motivos políticos falamos de boicots: a principal ferramenta de distensión e posicionamento internacional no ámbito deportivo. Actualmente sancionada polo COI, pode manifestarse doutros xeitos, como non enviando representantes políticos.

Unha ferramenta chave é o propio éxito deportivo, que proxecta unha imaxe de triunfo, de ser un exemplo a seguir, e xera referentes. Malia que moitas veces fora utilizado como único instrumento e sen apenas planificación, é moi necesario para posicionarse no mapa e facilitar outras estratexias. Unha das que facilita é o uso dos deportistas como diplomáticos, que ao ser foco da atención internacional, poden representar máis facilmente os valores elixidos por un país ou unha organización, sendo o programa de embaixadores deportivos de UNICEF un exemplo moi claro.

Outro instrumento base son as organizacións deportivas internacionais. A adscrición a elas supón xa un acto de diplomacia, sendo unha mostra de pluralidade nacional e incluso un achegamento ao recoñecemento internacional. Sucede con diversos territorios non pertencentes á ONU, pero si a organizacións que gozan de lexitimidade como o COI ou a FIFA. Alí comparten espazo e normas comúns, e compiten nacións que non se recoñecen entre si ou mesmo están en conflito, como sucede con Israel e Palestina. Ademais a formación de organizacións de ámbito rexional fortalece os vínculos e sentimentos de veciñanza.

Un instrumento que está a medrar o seu impacto é a potenciación e vinculación de empresas transnacionais relacionadas co ámbito deportivo, que chega agora máis aló da mera repercusión dos clubs de fútbol do país ou das grandes marcas como Adidas. O xeito máis fácil de velo é mediante o caso Qatarí, coa creación de canles deportivas (BeinSports), o patrocinio de equipos de fútbol (Qatar Airwais) ou incluso a compra íntegra destes (PSG a través Qatar Sports Investments), mediante o que busca eludir o bloqueo Saudí e Occidental e manter unha imaxe de país emerxente e próspero.

Por último, e sendo un campo que algúns países están a desenvolver, pero con aínda unha morea de oportunidades, está a realización de programas para o desenvolvemento vinculados co deporte. Poden ser de diversa índole e impulsados e potenciados por distintos actores: dende programas de promoción dos dereitos humanos e paz, fomento de intercambios e creación de líderes, construción de infraestruturas ou captación sensata de talento.

Estas son, a grandes riscos, as principais ferramentas utilizadas pola diplomacia deportiva. Todas elas poderanse utilizar na consecución dun ou varios fins, ben sexa en termos pacíficos ou alentando conflitos e fins egoístas. Débense concretar e dotar de sentido segundo os obxectivos da entidade que os aplique, mais sempre será desexable que faga un uso delas dende o respecto aos valores do deporte, para manter tanto a súa nobreza como as súas potenciais vantaxes.


[1] Tras anos de bloqueo deportivo por parte das federacións deportivas internacionais a causa das políticas do Apartheid, Mandela viu “unha oportunidade no deporte de conseguir a unión de negros e brancos de xeito espontáneo e emocional”. Fixo unha utilización deliberada do Mundial de Rugby de 1995 celebrado no país para “selar a paz e cambiar o curso da historia”, que ademais rematou cunha vitoria do equipo Sudafricano. (Carlin, John. El factor humano. Barcelona: Editorial Seix Barral, S, A., 2009)

[2] A Alemaña nazi utilizou os Xogos Olímpicos de 1936 con fines propagandísticos, promovendo unha imaxe de unha Alemaña nova, forte e unida, ao tempo que enmascaraban os ataques do réxime contra xudeus e romaníes. Logrou un gran éxito na súa estratexia: as 49 nacións asistentes validaron o réxime aos ollos do mundo, e medios como o New York Times afirmaron que habían devolto a Alemaña a comunidade mundial.

[3] Por exemplo, en 1993 engadiuse no programa do 48º período de sesións da Asemblea Xera a “creación, mediante o deporte dun mundo mellor no que reine a paz”; e 2005 foi proclamado  “Ano Internacional do Deporte como medio de promover a educación, a saúde, o desenvolvemento e a paz”, tras a aprobación anteriormente da resolución 58/5 que partía da mesma premisa.