Artigo extraído do Libro Homenaxe a Xulio Ríos Paredes "Unha vida de compromiso para unha Galicia universal"

Ondadas contra o Boi, por Carlos Méixome

Véxome, hai case trinta anos, nun despacho ordenado con meticulosa pulcritude, repousado nunha cómoda cadeira e derredor dunha mesa redonda, máis ampla e plural que unha simple mesa-camiña. Ás veces un lapsus de distracción ou un aquel de reflexión, orientan a miña ollada cara a luminosa xanela, tras da que se enxergan as vagas boureando no curuto rochoso sobre o que se empoleira o elegante  perfil da torre de non sabemos que príncipe.
Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave IGADI Galicia internacional
Idiomas Galego

Véxome, hai case trinta anos, nun despacho ordenado con meticulosa pulcritude, repousado nunha cómoda cadeira e derredor dunha mesa redonda, máis ampla e plural que unha simple mesa-camiña. Ás veces un lapsus de distracción ou un aquel de reflexión, orientan a miña ollada cara a luminosa xanela, tras da que se enxergan as vagas boureando no curuto rochoso sobre o que se empoleira o elegante  perfil da torre de non sabemos que príncipe.

Ollos e mente retornan quizais á Polonia convertida[1] ou ao soño que viñera do leste[2] para esvaecerse como a neboeira por tras das Estelas ou quizais derivase a conversa sobre a Galicia recoñecida como nación na Suíza de entreguerras. A nostalxia dos tempos idos obrígame a procurar entre os cartafoles embutidos nos andeis; nunha carpeta abrancazada polos anos dou co primeiro número dunha revistiña que leva por título Tempo Exterior. Presentábase como “O correo do IGADI”.

O seu número 1 corresponde ao verán de 1997, o seu prezo era uns redondos vinte pesos, ou, traducido a moeda de curso legal, 100 pesetas. Oito páxinas, dous A3 colados que lembraban máis ao Lume de vinte anos atrás, a revista dun grupo estudantil, de fonda pegada no movemento nacionalista dos anos setenta e posteriores, denominado “Estudantes Revolucionarios Galegos”, en acrónimo ERGA; o “A” final tiña só a función de facilitar a pronuncia de dúas consoantes seguidas e non chiscarlle o ollo a fantasiosos heroismos. Entre as brumas da memoria, atoutiño, no fondo dos espellos, ao Xulio coidando da edición dalgún daqueles Lume(s). Foi cando eu o coñecín. El, nos últimos cursos de bacharelato; eu nos derradeiros universitarios, entre “saltos”, manifestacións, peches en Fonseca, creación de sindicatos, primitivas e pírricas campañas electorais e sobre todo reunións, moitas reunións, inmensidade de reunións, un mundo de reunións. Nalgunha delas coincidimos, na altura quizais de 1977 ou 78, el representando, ou algo así, aos rapaces e rapazas do Morrazo, eu por algún que outro motivo; coido que na compaña do amigo dende aqueles tempos afastados pero presente na querenza actual,  Pepe Miranda. O Xulio foi un activo na consolidación de ERGA que aínda troulearía unha década máis.

Quizais o mellor xeito de constatar, en toda a materialidade da palabra escrita sobre papel, o labor titánico de Xulio Ríos sexa comparar aquelas 8 páxinas do primeiro número de Tempo Exterior coa revista de estudos actual inzada de analistas de todos os recunchos do planeta, recoñecida en todas as universidades e bibliotecas e achegando sempre unha visión do mundo dende aquí; pois esa foi a palabra de orde do IGADI, e segue a ser.

Nas reviravoltas da vida, a principios dos noventa do pasado século asenteime en Gondomar. Xulio mudarase había pouco a Baiona, para, entre  o ir e vir das ondas na Cuncheira, imaxinar a proxección de Galicia no mundo. Alí, mesmo á beira de onde se tivera noticia, en occidente, que indo polo camiño oposto, a contrafío, chegábase á China, aínda que na viaxe se interpuxese un continente. Alí medraron, tomaron corpo, os proxectos que con tenacidade, delicadeza de carácter, farturenta mente e ordenada axenda se fixeron realidade aos poucos, sen presas, sen pausas.

Naqueles anos noventa tivemos a oportunidade de colaborar con Xulio dunha forma intensa. Non só nos libros que partillamos xunto a Lino Pellitero[3]; este encargábase da documentación xeográfica, eu das achegas históricas e Xulio matinaba nas análises prospectivas; agora, co repouso do tempo, podemos constatar o seu bo tino. Cómo exemplo, dez anos antes da renuncia de Castro, Fidel, xa adiantabamos que o substituto sería o seu irmán Raúl. Hoxe parece unha evidencia lóxica; na altura era unha incógnita intensa.

Mais tamén nos repartimos o planeta, nunha especie de primitiva especialización para achegar unha colaboración semanal, como mínimo, ao “Canal Mundo” de Vieiros e de forma máis esporádica noutros medios e revistas. Os tempos, coma sempre, non deixaban de mudar. A tecnoloxía  anunciaban a prensa dixital que hoxe domina. Aquel fermoso proxecto de xornal dixital en galego, esbarrancou por algún lado, e tantos esforzos ben feitos ficaron sen dar os froitos desexados que xente alerta albiscara. O malo é que os países negados e as culturas agochadas polas maquinarias estatais non poden estragar as fiestras de oportunidade, diriamos en expresión actual, que se lle presentan.

Mais volvamos ao folleto nº 1 de Tempo Exterior. Alí estaban enxergados, da propia man de Xulio, os campos de traballo das dúas décadas seguintes. Na paxina 8, facíase unha recensión dun libriño da colección “Galegos na historia” da editorial Ir Indo sobre outro Castro, o Plácido[4]; volvendo aos andeis atopo o meu exemplar e no medio unha folla cuadriculada de cando empregabamos cadernos, manuscrita por min; era unha moi breve recesión do libriño que debín enviar a algún xornal, posibelmente A Peneira.   Un lustro despois Xulio sería o motor difusor da fundación co nome do que fora secretario de relacións internacionais do Partido Galeguista cuxa acción Xulio estudara coa minuciosidade que o caracteriza nun libro de 1992[5].

Naquel nº1, sen sinatura pero que desprende o arrecendo do autor, facíanse explícitos os obxectivos do IGADI, resumidos na consigna “pensar o mundo desde aquí”, e ese aquí non era un punto topográfico, senón unha concepción de nación. Alí sinalábase  que introducir as cuestións internacionais na reflexión colectiva, observar os conflitos internacionais con visión propia e impulsar a proxección de Galicia no mundo eran os obxectivos e para acadalos propúñanse unhas liñas de actuación: un centro de documentación, un observatorio exterior, a difusión das cuestións internacionais no aulas, o impulso e xestión da solidariedade e a creación de grupos de reflexións. Volvendo a mirada atrás Xulio e o IGADI, ou o IGADI e Xulio, pódense dar por ben satisfeitos.

No cambio de milenio impliqueime nun proxecto cultural e comarcal, inspirado, en parte, no propio concepto IGADI que lle escoitara a Xulio ao longo desa década. Foi o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) que rematou por absorber todas as miñas forzas extraprofesionais e desviar a miña atención dos asuntos internacionais e do IGADI. Emporiso, había outros asuntos transversais que nos seguirían achegando. En especial a figura recorrente do diplomático Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, que nos achegou, o tamén diplomático, Lois Tobío, membro do consello asesor do IGADI. O IEM, polos estudos de Tobío sobre don Diego,  promoveu o seu recoñecemento na vila de Gondomar; primeiro denominando o auditorio municipal co seu nome e posteriormente nomeándoo fillo predilecto, aínda que fose a título póstumo.

Mais regresemos ao Tempo Exterior fundacional. Aquelas paxinas centrais estaban ocupadas por unha serie de preguntas e respostas sobre Hong Kong. Non era a primeira vez que Xulio se achegaba aos problemas dese inmenso espazo cultural[6]; esa atracción oriental, que o acabaría succionando ata converterse nun dos grandes especialistas no mundo chinés. Quixo o devir que o meu, cada día, lembrado fillo Uxío acordase facer o mestrado sobre cultura chinesa na Pompeu Fabra barcelonesa. Nun principio pensou en facer as práctica correspondentes en Hong Kong pero razóns económicas orientárono cara Taipei. Se te das acostumado á comida e ao seu carácter todo irá ben! lembro que lle dixo un día Xulio, naquel despacho fronte ao que se erguía o Monte Boi. Uxío fixo uns meses de practicas no IGADI e despois en Taipei. A sorpresa foi que unha vez rematado o mestrado decidiu establecerse en Taiwan, outra atracción oriental. Alá pasou anos, indo e vindo polo mundo. Pretendía establecer algún negocio de hostalaría en Taipei. A fatalidade impediullo.

Agora sei do mundo chinés a través de Xulio, cando redacto estas liñas agárdame sobre a mesa de traballo a “metamorfose”[7] para asentar a análise política, económica e cultural dun século do Partido Comunista Chinés, e tamén dalgunhas  recomendacións que me fixo Uxío, sobre todo de Yu Hua e de Gao Xingjian[8].

Teño dúas imaxes relativamente recentes de Xulio. A primeira en Viveiro, finais de maio de 2018. Xulio fixérame o galano de me convidar a partillar co amigo Emilio Insua unha charla sobre Tobío e o galeguismo[9], no marco dunhas xornadas que el, coordinador da comisión de acción exterior do Consello da Cultura Galega, organizou en Viveiro, reincidindo nesa diagonal Viveiro-Gondomar da que ten falado Ramón Villares. O noso relatorio abría a xornada no Pastor Díaz; erguinme cedo para estar con tempo para as indicacións previas; a verdade é que coidei que esaxera na previsión temporal polo que optei por dar un paseo calmado polos arredores; neste labor bato co Xulio en peripatético matinar, despois de asegurarse que todo no teatro estaba en perfecta orde para o comezo da xornada.

O outro día atopeino en Baiona, ía a recibir a alguén de Navarra, coido; díxome, xa traballei moito!, ben seguro, aínda que me parece lle vai custar baixar o ritmo. Tamén nisto o Xulio sóuboo facer. Deu o relevo no IGADI para que sega a prestar tan bos e precisos servizos á sociedade galega como durante estes trinta anos.


[1] Ríos, X. (1991): A conversión de Polonia. Vigo: Cumio.

[2] Ríos, X. (1992): Que foi daquel sono?. Vigo: Xerais.

[3] Méixome, C., Ríos, X., Pellitero, L. (1994): O conflicto dos Balcáns. Vigo: Ir Indo.

Ríos, X., Pellitero, L. Méixome, C. (1996): Rusia: Das orixes á crise dun  modelo. Vigo: Ir Indo.

Pellitero, L., Méixome, C,. Ríos, X. (1998): Cuba. Independencia e revolución. Vigo: Cumio.

[4] Ríos, X. (1997): Plácido Castro.Vigo: Ir Indo

[5] Ríos, X. (1992): Galicia e a Sociedade das Nacións. Vigo: Galaxia

[6] Naquel mesmo ano de 1997 Xulio publicará: China ¿superpotencia del siglo XXI?. Barcelona: Icaria; ao título só lle sobraron os interrogantes;  e dous libros máis en Laiovento: Hong Kong, camiño de volta e China, a próxima superpotencia. Aquel ano, moito do matinado por Xulio dende o 4ºB do número 7 da avenida Joselín de Baiona tomaba forma impresa

[7] Ríos, X. (2021): A metamorfose do comunismo na China. Pontevedra: Kalandraka

[8] De Ju Hua, Uxío agasalloume con tres novelas: Crónica de un vendedor de sangreVivir e Brothers as tres publicadas por Seix Barral, pero sobre todo recomendoume China en diez palabras publicada pola editorial catalá en 2014, sendo a primeira edición de 2011, Do premio nobel, Gao Xingjian, agasalloume con El libro de un hombre solo (De bolsillo, Barcelona, 2012). Sobre todos eles pairan con pesadume os anos da revolución cultural.

[9] http://consellodacultura.gal/publicacion.php?id=4370