A desmesura de Putin

Man de aceiro en luva de seda. Ese é Putin. A súa doutrina de seguridade acepta mesmo o emprego de armas nucleares contra quen ameace a integridade territorial rusa. Hai anos que a formulou. Tras o 11 de setembro a violencia exercida polos estados legalmente constituídos está totalmente lexitimada. Os secuestradores deixaron de ser chechenos en guerra con Rusia e pasaron a ser terroristas internacionais.

O presidente ruso non empregou nin nunha soa ocasión a palabra Chechenia nas súas declaracións aos medios de comunicación; mesmo argumentou unha e outra vez que o asalto ao teatro instalado na antiga Casa da Cultura da Fabrica de Rodamentos fora planificado no exterior de Rusia. O obxectivo é incluír o conflicto de Chechenia na estratexia do terrorismo internacional; integrar o secuestro na suposta trama que planificou os atentados de Bali ou New York. Rusia está ameazada non por guerrilleiros secesionistas senón por unha amalgama de intereses diversos dirixidos por sectores islámicos que pretenden destruír a civilización cristiá e occidental da que Rusia tamén forma parte.

Nesta lóxica non hai dialogo posible cos que perseguen estes obxectivos. Os atentados son obra de alianzas internacionais, planificados no exterior de Rusia, no Val de Panquisi no que algún día haberá que intervir aínda que eso supoña unha agresión contra un estado legalmente constituído como é Xeorxia. Pero tamén os EEUU teñen en mente atacar de forma contundente Iraq. Os inimigos de Rusia son simplemente terroristas e estes son todos iguais. Non hai diferencias entre o grupo de Arbí Baraiev e do seu sobriño Movsar Baraiev, quen dirixiu o secuestro, ou o de Basáiev e o presidente checheno, non recoñecido por Rusia, Aslán Maskhadov. Nun intento de pechar as portas os medios de comunicación rusos afirmaron unha e outra vez que foi Maskhadov quen dirixiu o secuestro.

O asalto ao teatro perseguía condicionar dalgún xeito o Congreso Mundial do Pobo Checheno que se reúne hoxe en Copenhague. O grupo de Baraiev pretendía que a reunión estivese presidida por unha acción de forza no corazón de Rusia. O brazo de aceiro actuou antes, mesmo de forma desproporcionada. Pouco importan varios centos de mortos ante a grandeza de Rusia que ninguén pode humillar. O presidente sufre polos compatriotas falecidos, e os que virán, pero ten que actuar con firmeza e con todos os medios ao seu alcance. O emprego de armas químicas, esas tan perigosas nas mans do eixo do mal, semella lexitimo cando fan uso delas os outros.

¿Unha actitude negociadora, non podería ter salvado moitas máis vidas? Outra cuestión queda no aire. ¿Putin tomou a decisión en solitario ou consultou con outros dirixentes? Estaría ben saber con cales e cal foi a actitude estes. Só por saber.