SERIE CRIME GLOBAL: NOVAS TENDENCIAS EN TRÁFICOS ILÍCITOS (III)
fishing industry 1396750 1280

Parte III: Mariñeiros, no punto de mira

O obxectivo desta serie de artigos é actualizar o panorama de fluxos ilícitos a nivel internacional. Con cada entrega, farase fincapé nun ben distinto: dende especies en perigo ata novas tendencias en narcotráfico. E, por suposto, quedará de manifesto a importancia das conexións transfronteirizas que afectan á natureza mesma de moitos destes fenómenos.
Apartados xeográficos Outros
Palabras chave Crime global

Tanto o tráfico coma a trata de seres humanos son fenómenos penalizados pola maioría das sociedades modernas, xa que están presentes na maior parte do mundo actual. Moitas veces, o tráfico e a trata danse de forma conxunta, aínda que é preciso puntualizar que se trata de feitos diferenciados. Algunhas organizacións estiman que hai máis de 35 millóns de persoas no mundo vítimas do tráfico; unha cifra de estremecemento.

No sueste asiático, esta realidade está á orde do día. Non só se trata de unha rexión moi poboada e de etnias diversa, senón que, ademais, as grandes desigualdades socioeconómicas promoven grandes fluxos de migración transnacional.

Entre os infinitos exemplos de trata de persoas que se poden atopar no mundo, destaca —tanto pola súa actualidade como pola escala que alcanza— a explotación ilegal dos traballadores da industria pesqueira tailandesa.

Os principais produtos de exportación desta industria son a gamba, o atún enlatado e outras especies de marisco. Tailandia é un dos maiores produtores a nivel mundial, xunto con outras nacións de Asia —sendo China a primeira potencia de exportación pesqueira—.

Porén, as condicións da industria pesqueira non son óptimas, nin moito menos. Aínda que a rede de produtores, procesadores, distribuidores, procesos, e grandes e pequenos actores é moi complexa e variada, certas condicións provocan medios nos que as violacións dos dereitos humanos son frecuentes.

Por exemplo, a degradación do medio mariño por sobre explotación, a escaseza de recursos naturais, as duras condicións de traballo e a diminución da demanda laboral, en conxunto, favoreceron que a industria tivese que depender da labor migratoria, ás veces recorrendo a redes de tráfico humano para suplir as necesidades dos operadores.

As distintas formas de explotación laboral —as cales constitúen, por definición, trata de seres humanos— equipáranse co que moitos denominan hoxe en día “escravitude moderna”. Grandes empresas multinacionais do sector da alimentación, coma Nestlé, Tesco ou Walmart, venden produtos que proceden desta clase de cadeas de produción.

Máis do 90% dos traballadores dos barcos pesqueiros de altura —que chegan a pasar meses no mar— son de orixe estranxeiro. Destes, case a totalidade carecían de contrato. A corrupción das autoridades axuda a facer invisible e perpetuar o problema.

Algunhas das prácticas máis violentas dentro da industria pesqueira tailandesa inclúen abusos de tipo físico e sexual, consumo forzoso de narcóticos para diminuír a sensación de fatiga nos traballadores, torturas, execucións e coerción. As principais vítimas son homes —algúns, menores de idade— de nacionalidade tailandesa, camboxana ou birmana.

A partir do ano 2014, o número de informes de organizacións internacionais e os artigos de prensa que denuncian estas situacións vai en aumento. Aínda que este incremento na visibilidade da problemática fixo que algúns sectores e civís e empresariais se mobilizaran en contra dos abusos, o certo é que aínda queda moito por conseguir neste sentido.

A capacidade de producir produtos de baixo coste é o principal motor da competitividade da industria pesqueira en Tailandia. Porén, as consecuencias dun entorno e dunhas condicións desmelloradas poden chegar a afectar non só á cadea de produción, senón ás persoas que traballan nela, ós consumidores e ó estado medio ambiente. O aumento da piratería, das prácticas de pesca ilegais, do crime organizado transnacional e das violacións dos dereitos humanos son a outra cara da moeda das prácticas económicas abusivas.

Fontes: