Prestige: Deber de inxerencia medioambiental

Tantos anos reivindicando unha posición para Galicia no mundo e o Prestige situounos en poucos días dun xeito que difícilmente alguén poderá esquecer. En efecto, por mor da inmensa catástrofe medioambiental que nos asola, Galicia é hoxe referencia universal do que nunca máis debe acontecer. Da China a Canadá, de Sudáfrica a Chile, Galicia emerxe como a víctima dun dos peores desastres ecolóxicos da historia recente, agravado por unha xestión da crise tan torpe como perniciosa.

Esa era unha das novidades esenciais da nova época que xurdiu da fin da guerra fría, a posibilidade de ultrapasar os ríxidos límites dos actores tradicionais das relacións internacionais, os estados, para imaxinar (e configurar) novos e positivos escenarios para universalizar as identidades, pequenas ou grandes.

O outro eixe, un tanto perverso na súa implementación real, consistía no dereito-deber de inxerencia humanitaria, xustificado ante situacións de gran calamidade humana que coexistían coa ausencia de estado ou a súa fraxilidade extrema.

Precisamente, a ausencia de estado é unha das características máis comentadas dos sucesos destas semanas, ante a insuficiente resposta dos aparellos administrativos que debeu ser suplida cunha dinamización exemplar da propia sociedade civil. Pois compriría agora, á vista do desastre que se aveciña, imaxinar tamén un deber internacional de inxerencia medioambiental que procure os medios indispensables para protexer un patrimonio substancial e común da humanidade, como é o medio, á lus dos principios que proclama a Declaración da conferencia das Nacións Unidas de 16 de xuño de 1972. Neste documento, principio sete, se asegura que "os Estados deberán tomar todas as medidas posibles para impedir a contaminación dos mares por substancias que poidan pór en perigo a saúde do home, danar os recursos vivos e a vida marina, menoscabar as posibilidades de lecer ou dificultar outras utilizacións lexítimas do mar".

As consecuencias do desastre do Prestige afectan a Galicia, e poderán afectar nos próximos días a Portugal e a Francia. Son moitas as voces que reivindican, con razón, un maior protagonismo a todos os niveis da Unión Europea. ¿Por qué non tamén desa OTAN de veludo que se reunía en Praga a comezos de mes para iniciar o abrazo definitivo aos países do Leste?. ¿Será suficiente a Armada española para conter a marea negra que vén? A bo seguro que non. Tanto falar do ben que o fai Estados Unidos, ¿por qué Aznar non solicita a colaboración de Bush para afrontar tan delicada misión? As avanzadas tecnoloxías a disposición dos militares poderían ser moi útiles neste caso.

Cómpre reivindicar un deber de inxerencia medioambiental ante crises como esta que, á vista está, supera con creces a capacidade de resposta dun unico estado, con independencia da incompetencia da súa clase gobernante. Tamén aquí se evidencia, por outra banda, o desinterese por unha mundialización real dos problemas "e das solucións- que interesan ao conxunto da humanidade.