ESTE ARTIGO FAI PARTE DO IGADI ANNUAL REPORT 2022-2023 “GLOBALIZACIÓN E MULTIPOLARIDADE EN TEMPOS DE GUERRA”
Fuente: Gerd Altmann

Problemática da Intelixencia artificial e a Biotecnolóxia na política global

Quizais a guerra ruso-ucraína foi o evento máis importante que dominou o ano 2022. O uso de armas de intelixencia artificial nesta guerra tivo un papel decisivo, algo que suscitará moitas problemáticas futuras no que concirne á realidade da política global e o devir da humanidade. Non fai falla dicir que a intelixencia artificial (IA) e a biotecnoloxía terán impactos moi serios en todos os sectores políticos, económicos, de seguridade e culturais, sen mencionar as preocupacións sobre a capacidade de manipular a natureza humana...
Idiomas Galego

Estes temas presentan inevitablemente moitas problemáticas estratéxicas no ámbito da política global, que poden expresarse mediante as seguintes preguntas:

Como de preocupante é a posibilidade de que a IA e a biotecnoloxía poidan ser utilizadas para acadar sucios obxectivos políticos?

A que estratexias éticas se supón que debe adherirse a comunidade científica da IA e a biotecnoloxía?

Existe unha visión en termos de política global para abordar estes desafíos?

Debemos recoñecer o feito de que os desafíos da intelixencia artificial e a biotecnoloxía rara vez se estudan de xeito estratéxico. Neste sentido, urxe a necesidade de repensar esta realidade dende un enfoque crítico baseado nunha visión ética, cultural, política e de seguridade, que pode enmarcarse a partir das seguintes problemáticas:

  • Problemática da ciberseguridade e as guerras espaciais.
  • Problemática do nesgo algorítmico e seguridade social.
  • Problemática de criterios para o concepto de xustiza algorítmica e dilemas culturais.
  • Problemática da computación emocional e a automatización da natureza humana.
  • Problemática de solucións técnicas (modelización) para o cambio climático.
  • Problemática das guerras xeolóxicas e a enxeñaría climática futura (armas climáticas).
  • Problemática da ética e política da biotecnoloxía.
  • Problemática de gobernanza, rendición de contas e control con relación á tecnoloxía.
  • Problemática da aura de obxectividade que a cultura actual confire aos algoritmos e á ciencia.

De acordo con estas problemáticas, a política global enfrontará moitas dialécticas en relación con como as tecnoloxías mudan a realidade da política, a sociedade e incluso a natureza humana. Así, no futuro todos os debates centraranse na problemática conexión entre política e ciencia, que se pode expresar a través da seguinte pregunta:

Ata que punto as sociedades deber ser dirixidas e controladas pola intelixencia artificial e pola biotecnoloxía? E en que termos?

Neste contexto, malia as complexidades que enfrontará a problemática da relación entre ciencia e política, o tema máis conflitivo seguirá sendo a dialéctica do impacto da ciencia na natureza humana. En consecuencia, a pregunta é:

E se a evolución humana biolóxica normal xa non fose absolutamente necesaria?

Inevitablemente, hai moitos signos de interrogación con respecto aos temores e dúbidas que arrodean o desenvolvemento da intelixencia artificial, os robots e as biotecnoloxías, posto que semella que entre eles xa non queda vencello biolóxico. Daquela, un dos temas futuros que xurdirán no campo das humanidades é a problemática da natureza da relación humana coa intelixencia artificial e a posibilidade da súa superioridade sobre ela, sen mencionar as múltiples dialécticas entre as humanidades, a bioloxía e a neurociencia. Esta realidade dará lugar a varios interrogantes na política global sobre o determinismo tecnolóxico:

Existen novos modelos de selección porque os robots e a biotecnoloxía controlan o destino da humanidade máis ca os xenes biolóxicos? Como se poden abordar de xeito teórico e práctico estes modelos no ámbito político?

Cales son os valores éticos e culturais que se supón que debemos respectar? E quen decidirá iso?

Sobre a base destas preguntas futuras, con consideracións científicas enlazadas con intereses comerciais, volveuse imperativo en termos políticos e morais que os estados se involucren. Antes había moitas tecnoloxías pouco éticas que se sometían a escrutinio político no ámbito mundial. De feito, a mellor evidencia de que o control é posible pode ser o intento de previr a proliferación de armas de destrución masiva ou de establecer rigorosos controis sobre os experimentos de clonación humana.

Por tanto, debemos adoptar unha visión moderna e preocuparnos polo establecemento de leis e tratados claros e inequívocos no que respecta ao enfrontamento destas problemáticas, especialmente no eido do dereito penal internacional. Por exemplo, o Estatuto da Corte Penal Internacional debe emendarse para que se adapte a estes riscos como unha especie de seguridade global proactiva, de xeito que a xurisdición da corte se amplíe para incluír futuros crimes que ameacen o destino da humanidade. Deste xeito, estarán relacionados coas seguintes problemáticas:

  • A revolución biotecnolóxica.
  • O cambio climático.
  • A intelixencia artificial e a computación emocional.

Ao rastrexarmos o contexto do desenvolvemento das relacións internacionais e o dereito penal internacional no eido teórico e no práctico, evidénciase que estes non seguen o ritmo dos novos modelos globais. Así, ante a existencia de conceptos políticos vagos, xorde a necesidade de adoptar o principio de responsabilidade penal de maneira explícita e disuasiva ante a provocativa incerteza asociada á tecnoloxía.

En consecuencia, existen interrogantes e dúbidas reais sobre se o desenvolvemento biolóxico natural dos humanos xa non é necesario en absoluto, como resultado dos desenvolvementos da intelixencia artificial e a biotécnica. De aí o feito de que a problemática da cuestión da contradición entre os futuros da intelixencia artificial e a biotecnoloxía coa natureza humana imporase inevitablemente na area política e na ética. Aquí débense considerar as seguintes problemáticas:

Existe unha necesidade política urxente de saber cales son as condicións biolóxicas naturais para a existencia humana?

A realidade da problemática tecnolóxica require investigar a natureza da política ou a política da natureza?

En resumo, nos vindeiros anos, é probable que o modelo de transformacións tecnolóxicas que se relaciona coa intelixencia artificial, a robótica, a biotecnoloxía e o internet das cousas teña un impacto significativo no equilibrio de poder na política mundial. Este impacto incrementará as políticas de nacionalización da innovación tecnolóxica (como áreas estratéxicas e parte integral da seguridade biolóxica e cibernética dos estados). Por esta razón, no que alude ás relacións internacionais, ese modelo require que se formule a seguinte pregunta:

Temos que coñecer a cultura e as ideas das persoas que traballan no ámbito científico arredor da intelixencia artificial e da biotecnoloxía, antes de estudar as que son líderes políticas, para comprendermos a realidade estratéxica da política global e o futuro da humanidade?

Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2022-2023 “Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra”, que podes descarregar aquí.