Xavier Queipo naceu en Compostela no 1957. É biólogo e escritor (ensaio, narrativa, poesía, teatro, diarios, traduccións). Varias veces premiados polos seus traballos residiu por máis de tres décadas en Bélxica, traballando nas institucións europeas. Desde 2022, coxestiona o espazo cultural Rio Lagares en Vigo. É o coordinador da Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior do Consello da Cultura Galega desde xullo de 2023.
Nós no Mundo 2023: Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior

Retos de Futuro na Acción Exterior do Consello da Cultura Galega. Por Xavier Queipo.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”
Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza

O Consello da Cultura Galega é un órgano estatutario con personalidade xurídica propia, independente do poder político e con plena capacidade para defender e promover os valores culturais do pobo galego, quer dentro ou quer fóra de Galicia. Analizarase aquí, en particular, a dimensión externa desa finalidade última.

Galicia ten personalidade de seu, como comunidade cultural e política diferencial, e como tal debe presentarse no mundo. Presentarse dun xeito afouto, amosando o que somos como pobo, como nacionalidade e como cultura. Somos unha comunidade política con consciencia de o ser, e unha cultura perfectamente definida pola nosa lingua xenuína, herdeira do latín, pola forza e persistencia das nosas expresións literarias, artísticas e creativas, polo noso dereito civil, polo noso pouso histórico colectivo e polas nosas institucións consuetudinarias, entre outras marcas de identidade.

Esa función de promoción da cultura galega no exterior constitúe un reto permanente, por varias razóns que será doado entender. Se non o conseguimos, ficaremos como unha anomalía, como un pobo sen atributos e non recoñecíbel externamente.

A Estratexia de Acción Exterior de Galicia

Quixera chamar a súa atención sobre unha lei relativamente recente, de 2021, a Lei de Acción Exterior, a LACEX. O seu artigo nove estabelece: A acción exterior galega programarase periodicamente por lustros nun documento estratéxico denominado Estratexia galega de acción exterior (Egaex), que delimite de xeito prioritario os obxectivos a longo prazo, tanto materiais coma xeográficos, e ordene e rexa as diversas iniciativas sectoriais na materia, dotándoas de congruencia e coherencia, aproveitando as súas complementariedades e velando pola eficiencia no uso dos recursos públicos, co obxecto de maximizar os retornos socioeconómicos, demográficos e culturais para a comunidade autónoma.

Ese é o obxectivo xeral, que se pretende sobre todo de natureza económica. Mais a cultura, sen ser incompatíbel coa economía e mesmo constituíndo unha porcentaxe relevante do PIB galego, non ten a ganancia económica como un obxectivo primario.

O lexislador, consciente de que onde todo é prioritario realmente nada é prioritario, esixe facer prelación dos obxectivos exteriores a medio prazo (cinco anos), que parece período bastante para realizar unha aposta concreta e ser quen de avaliar os resultados preliminares e, no seu caso, mudar de rumbo as actuacións.

Os recursos son limitados, e impiden atender todo aquilo que podemos querer ou soñar. Até o de agora a Acción Exterior concentrábase naqueles lugares onde a presenza das comunidades emigradas galegas era forte, ou nos países cos que mantiñamos unha relación económica importante. Certo é que hai comunidades de galegos espalladas polo exterior, nomeadamente en América do Sur e en varios Estados europeos. Este é un terreo coñecido, e na meirande parte dos casos a análise sistemática dos resultados debería fornecer resultados tanxíbeis desa promoción exterior. No caso de as análises daren resultados positivos, estaría xustificado continuar ese desenvolvemento cultural e, se non for o caso, deberiamos repensar novas vías de actuación.

Sen negar a importancia deste enfoque baseado na economía e na antropoloxía cultural, e, sen negar, de xeito ningún, a súa continuidade como unha das liñas básicas de actuación, por estar así recomendado de xeito explícito pola propia LACEX, enténdese que cómpre repensar as prioridades xeográficas da Acción Exterior do Consello no programa EGAEX II (2023-2027). E iso tanto para evitar esluír os esforzos económicos como para maximizar o impacto que os eventos de promoción puidesen ter naqueles lugares onde se programan.

A seguir discútense algúns parámetros que ben poderían ser contemplados nunha programación cultural que procure a creación de sinerxías e mecanismos de entendemento entre comunidades, que actúen pola súa vez como redes de defensa das identidades para contrarrestaren no posíbel os procesos de uniformización cultural, que igualan na mediocridade e laminan todo sinal de independencia.

Parámetros

A estratexia, pois, require dunha visión científica na súa proxección. É dicir, terá que ser definida en termos de I+D+I (Investigación+ Desenvolvemento+ Innovación). De non ser que o que se teña en mente sexa un achegamento exclusivamente económico, que quere ver oportunidade de negocio alí onde só debe existir oportunidade de comunicación e cooperación recíproca.

É certo que Galicia se pode converter nun elo importante de Unión Ibérica nas ordes cultural, educativa e universitaria, servindo de ponte para que, como exemplo paradigmático, a vibrante cultura brasileira teña a estimanza que merece na vella Europa. Mais é certo tamén que a investigación debe ir alén do coñecido. Trátase de explorar, non de manter unha hipótese sen a necesaria experimentación.

Certo é que para os negocios o contacto cos nosos veciños xeográficos con marcada afinidade cultural (Portugal) e o resto de países lingüisticamente afíns (Brasil e outros Estados lusófonos), constitúen parceiros prioritarios, quer pola proximidade xeográfica e o intercambio de mercadorías con Portugal, quer pola existencia dunha axenda común no eido cultural e polo interese en potenciar a cooperación entre socios da fachada atlántica, quer aínda pola vantaxe potencial do uso dunha lingua próxima (o portugués de Brasil), que pode axudar na consecución de intercambios económicos. Polo de agora, coa ollada dun observador distante, tal parece que os intercambios culturais só funcionan de xeito unilateral, é dicir, se somos nós, os galegos, os que facemos o esforzo orzamentario e asumimos a iniciativa política.

A innovación debe estar na base da Acción Exterior. Somos un país diferenciado, temos abofé unha lingua propia e unha cultura milenaria, mais somos tamén presente e futuro e teriamos porén que mostrar de xeito preferente a nosa cultura contemporánea. Nada que obxectar a amosar o noso pasado, que serviu de alicerce para o noso presente; mais a cultura é algo vivo e mudábel e como tal ten que ser presentado.

O desenvolvemento quere indicar, entre outras variábeis, a evolución do espazo xeográfico que temos que explorar. Por iso, resultaría de interese partillar experiencias con países de tamaño pequeno ou mediano e non incidir, a non ser de xeito puntual e recíproco, en países que nos superen en tamaño de tal xeito que sexamos absorbidos e convertidos en ananos no noso tento de espallar a nosa cultura. Xa existen algúns exemplos, por descontado, mais haberá que seguir explorando a posibilidade de sinerxías e construción de redes culturais con entidades culturais diferenciadas, sexan elas Estados soberanos ou ben nacións sen Estado, nacionalidades ou minorías territoriais e culturais que fan parte de Estados compostos, coma é o noso caso. Seguiriamos niso o vieiro tracexado pola tradición do galeguismo histórico, concibindo ademais Galicia como unha célula de universalidade.

Finalmente, outro parámetro a considerar é a reciprocidade. Así, a produción de redes e sinerxías ten de estar sempre na base de actuación. A óptica de actuación non debería ser nunca unidireccional, senón bidireccional (cando non pluridireccional). Os orzamentos deben ser partillados polos distintos organismos que interveñan no intercambio, de xeito que sería desexábel que, se o Consello promove un acto no país X, ese país, como contrapartida, deberá promover e financiar un evento semellante no territorio galego.

Para rematar, cómpre salientar aquí a importancia da continuidade nos procesos de desenvolvemento cultural no exterior. Certo que o plan é plurianual, mais debe entenderse como persistente no tempo. De xeito que unha aposta cultural (xornadas, festivais) pouco vale se non ten continuidade. Na continuidade do estímulo, na persistencia do acto, radica a posibilidade de transferencia cultural.