pobre mundo rico

Rico mundo pobre

 Pobre Mundo Rico; clic para aumentar
O mundo rico é pobre. O mundo pobre é rico. Non se trata dun xogo de palabras, senón do recoñecemento de realidades parciais que enxergan mensaxes recíprocas que conectan cun mesmo ideal que tanto fuxe das posicións extremas como se insubordina contra aqueles que pretenden reducir a pobreza á condición de meros programas de asistencia ou, peor aínda, en vergonzante reclamo político-electoral no mundo rico. (Foto: Logotipo do simposio "Pobre Mundo Rico").
 

Non se pode enxalzar a pobreza, aínda que houbo un tempo en que foi semente de vida evanxélica integral, expresión reiterada dunha fraternidade cos pobres que, pasado o tempo, había desembocar na prédica da liberación. Ese recoñecemento de certos valores positivos na pobreza e do paralelo rexeite da riqueza e do poderío, mesmo cando é protagonizado pola propia Igrexa, acabou sendo todo un desafío para o mundo cristián que, en máis dun caso, e algún ben recente hai, tentou poñerlle fin cualificando esas condutas de insubordinación e herexía.

Por moitos motivos, a pobreza é perigosa, non polos pobres en si mesmos, a miúdo carentes dunha pretensión que vaia máis alá da simple subsistencia, senón polas solidariedades que pode suscitar e que animan á rebeldía contra a orde establecida. Non hai moito tamén se dicía, nun sentido máis laico, que pobreza é semente de revolución, pois os desposuídos, a pouco que se concienciaren, habían organizarse para derrubar unha orde social baseada na ganancia e no beneficio. Pero o certo é que a pobreza é unha lacra que merma as posibilidades de desenvolvemento do ser humano a todos os niveis e é fonte de conflito, de inestabilidade, e de violencia, que mesmo pode levar por diante, como ten acontecido tantas veces en numerosos países, aos seus máis conspicuos redentores. O cal non quita corrección nin certeza á necesidade de por fin ás desigualdades.

Fóra do itinerario espiritual da pobreza, cómpre recoñecer tamén que o mundo empobrecido conserva as súas riquezas, en especial no cultural e no humano, todo un universo de solidariedades e de vivencias que o mundo rico foi marxinando coa rápida transformación das economías agrícolas en industriais, da desfeita do mundo rural, destruíndoas ou reducíndoas a unha relixión da austeridade.

Compriría, pois, abordar a pobreza con respecto. Por iso, hoxe cada vez menos persoas falan de axudar aos pobres e mesmo a palabra beneficencia semella que está mal vista por reflectir unha disconformidade acomodada. E por iso ponse o acento nunha cooperación baseada no intercambio e no enriquecemento mutuo, na aprendizaxe recíproca, dinámicas que contrastan coa simple asistencia que anula o papel dos auténticos protagonistas do desenvolvemento. En consecuencia, a palabra "beneficiarios", entre outras, debería desaparecer, por un mínimo de hixiene conceptual, dos burocratizados formularios de cooperación que deambulan polas oficinas públicas a instancias de ongds e servizos; e incorporar, pola contra, o contido e características da apropiación de instrumentos e expresións de poder que subsisten e que a miúdo nos pasan desapercibidos pero que nos permitirían afondar nesas afortunadas contradicións que aínda constitúen unha perigosa provocación contra as xerarquías financiadoras tan preocupadas de "medir os impactos" deste evanxelismo laico.

O mundo rico é pobre. O mundo pobre é rico. Non se trata dun xogo de palabras, senón do recoñecemento de realidades parciais que enxergan mensaxes recíprocas que conectan cun mesmo ideal que tanto fuxe das posicións extremas como se insubordina contra aqueles que pretenden reducir a pobreza á condición de meros programas de asistencia ou, peor aínda, en vergonzante reclamo político-electoral no mundo rico.