Schröder en Kiev

O chanceler alemán Gerhard Schröder polo visto será o único xefe dunha potencia occidental que visitou Ucraina durante este ano. O xoves pasado chegou a Kíev para celebrar as terceiras consultas xermano-ucrainas que inicialmente estaban planificadas para setembro e foran aprazadas a consecuencia dos sucesos do 11 de setembro en Nova Iork e Washington. O tema da loita antiterrorista ocupou un lugar importante nas conversas que sostivo o chanceler alemán co Presidente ucraino Kuchma e o Primeiro Ministro Kínakh. Por parte de Ucraina que xa abrira o seu espacio aéreo para os avións norteamericanos durante as operacions bélicas en Afganistán, o Presidente Kuchma ofreceu nesta ocasión avións de carga militares para participar en accións humanitarias da operación antiterrorista.

No contexto da loita internacional contra o terrorismo Ucraina reviste unha importancia especial como factor de estabilidade xa que se transformou nunha porta de entrada a Europa Central para milleiros de migrantes ilegais. Alemaña xa lle subministrara equipamento técnico por valor de 300 milleiros de marcos co fin de mellorar a protección das fronteiras occidentais de Ucraina. Sen embargo Schröder manifestou que Alemaña non quere que se produza un illamento de Ucraina e deu o seu apoio á posible afiliación asociada de Ucraina á Unión Europea. O chanceler alemán sinalou que cómpre a sinatura dun acordo entre Ucraina e a EU cun calendario da afiliación asociada de Ucraina.

Esta viaxe para Schröder tamén parece revestir bastante importancia, especialmente polos contidos económicos. Despois de Rusia, este país é o segundo socio comercial de Ucraina e durante o ano en curso os intercambio comerciais aumentaron nun 20 por cento. Uno dos resultados máis importantes da visita foi a sinatura do acordo sobre a restructuración da parte alemá da débeda exterior de Ucraina, asunto decisivo para extender as garantías de exportación para o comercio con Ucraina que é considerado un país con risco. Se trata duns 250 millóns de marcos dos 650 millóns que compoñen a parte alemá das débedas ucrainas con respecto ó Clube de acreedores de París.

No contexto das eleccións parlamentarias que se celebrarán en abril próximo, o chanceler mencionou que os colegas europeos poñen unha especial atención na seguridade persoal de algúns xornalistas ucrainos que, como en calquera outra sociedade, cumpren coa sua misión de información política crítica. Schröder non calou sobre o caso do xornalista desaparecido Gongadze que implica o mesmo Presidente Kuchma.

Ademais da declaración sobre a restructuración da débeda, asinaronse unha declaración sobre o apoio a medidas de formación de executivos ucrainos e outra sobre a colaboración dos ministerios de xustiza dos dous países.