Sudáfrica, e agora que?

En maio de 2004 Sudáfrica era elixida sede do Mundial de fútbol. As altas cualificacións obtidas no informe técnico da federación, a experiencia cos mundiais de cricket e rugby e a oportunidade para mostrar África ao mundo eran os argumentos fundamentais.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

En maio de 2004 Sudáfrica era elixida sede do Mundial de fútbol. As altas cualificacións obtidas no informe técnico da federación, a experiencia cos mundiais de cricket e rugby e a oportunidade para mostrar África ao mundo eran os argumentos fundamentais.

Dicíasenos que Sudáfrica estaba preparada pero había que mellorala, e comezaron os altos investimentos en infraestruturas, seguridade e transportes por parte do país dos diamantes. Un “lavado de cara” que traía consigo a polémica: sería este evento unha oportunidade de avance para promover unha imaxe do continente máis alá dos tópicos negativos: fame, guerras, ditadores, etc.? Sería un evento capaz de promover unha mudanza real e en positivo para o país anfitrión?

Coa previsión dun gran impacto macroeconómico (12.192 millóns $), investíronse 923 millóns de dólares e foron creados 695.000 novos postos de traballo. 6.000 millóns foron para construción e mellora de estadios, estradas e vías ferroviarias; 420 millóns para premios; 1.816 millóns en licenzas para televisar o mundial, 1.030 en marketing e “outros” gastos. 200 permisos para a venda ambulante e exencións fiscais para os investidores estranxeiros do mundial.

Paradoxal ou evidentemente, segundo opinións, todo este proceso foi capitaneado pola Federación Internacional de Fútbol (FIFA) e as empresas estranxeiras asociadas a ela, que repartirán a maior parte dos beneficios a curto prazo do mundial.  Os estadios e os seus arredores constituíronse en verdadeiras áreas de mercadeo, de monopolio de servizos, chegándose a prohibir o mercado ambulante ou a venda de produtos que non sexan o das marcas participantes. Excluído, ou como mínimo afastado quedou, polo tanto, o pequeno negocio local.

As obras, a hostalería, o transporte e a seguridade crearon 695.000 novos postos de traballo nun país cunhas taxas de paro que van dende o 24 ao 40% (segundo se mida). Era unha ocasión non só para dar traballo aos excluídos do mundo laboral, senón tamén para capacitalos e formalos, mellorando a capacidade de obter un novo emprego despois do Mundial e, deste modo, promovendo un efecto sustentable no tempo. Mais isto non se fixo, de maneira que non se pasou da creación de postos de traballo precarios, por tempo e salario, que pouco efecto tiveron e terán no país anfitrión.

E que sucede coas infraestruturas? No referido á adecuación e construción de estadios gastáronse 2 millóns de euros, megaproxectos xustificados como equipamentos para a poboación, para dar espazo ao deporte, presentado como saída da marxinalidade e factor cohesionador dun pobo dividido. Argumentos pobres para unha poboación que nun 43% vive na pobreza e nun 37% non ten acceso a auga corrente nin electricidade, e que viu como o seu goberno ampliou a débeda pública, desprazando, aínda máis, o investimento en educación, sanidade e outros servizos sociais.

Non hai que confundir África cun territorio estéril, pobre e desolado onde só hai crimes e miseria; pero fíxose un esforzo cínico por mostrar só a Sudáfrica da aparencia, a do “todo vai ben”, onde o único que chama a atención son as “vuvuzelas” e un himno oficial comercial e baleiro cantado, iso si, por unha reputada artista doutro continente.

Cómpre seguir cos ollos postos en Sudáfrica para, con datos, poderse avaliar o impacto real do Mundial. Para saber se todo isto serviu para prosperar ou tan só para aparentar. Se en xeral se vive mellor (en niveis de paro, pobreza, esperanza de vida, conflitos) ou resultou ser un impulso máis ao “aparheid” social e a apertura de África ao mercado mundial en condicións desfavorables para a poboación local.