20060326 kiev viktor yanukovich

Tensións ex soviéticas

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Viktor Yanúkovich, clic para aumentar
A pesar do significativo cambio e do triunfo de Viktor Yanúkovich (na foto), rival electoral de Yúshenko no 2004, semella pouco probable un retorno decisivo da influencia rusa en Ucraína. Os comicios lexislativos reafirmaron unha composición de poder que viña manifestándose dende mediados do 2005, coa ruptura entre Yúshenko e Timoshenko, pero que agora poden verse obrigados a recompoñer alianzas para frear a maioría prorrusa na Rada ou Parlamento.
 

Ucraína e Belarus, dous escenarios marcados polo pulso xeopolítico entre Rusia e Occidente, viven momentos de incerta definición. As eleccións lexislativas ucraínas do domingo 26, que variarán o panorama político local e rexional, coincidiron coa convulsión política que vive Belarus desde a ratificación electoral de Aleksandar Lukasenko, unha semana antes. Ambos casos reflicten sinais contraditorios dentro da interminable transición ex soviética.

O test conxunto apunta directamente aos mandatarios ucraíno Viktor Yúshenko e ao bielorruso Aleksandar Lukasenko. Indirectamente se ven involucrados o presidente ruso Vladímir Putin, a Unión Europea e os EEUU. No caso de Yúshenko, principal expoñente das "revolucións de cores" que se expanden polo espazo ex soviético, o seu proxecto político recibiu un duro golpe nos resultados lexislativos, onde a súa formación partidaria quedou en terceiro lugar, moi lonxe do líder prorruso Viktor Yanúkovich e da liberal Iulia Timoshenko.

A pesar do significativo cambio e do triunfo de Yanúkovich, rival electoral de Yúshenko no 2004, semella pouco probable un retorno decisivo da influencia rusa en Ucraína. Os comicios lexislativos reafirmaron unha composición de poder que viña manifestándose dende mediados do 2005, coa ruptura entre Yúshenko e Timoshenko, pero que agora poden verse obrigados a recompoñer alianzas para frear a maioría prorrusa na Rada ou Parlamento.

O caso bielorruso reflicte un escenario distinto. O progresivo illamento occidental de Lukasenko, afondou cando aconteceu a detención dun dos principais líderes da rebelión opositora, Aleksandar Koizulin, así coma de 250 dos seus simpatizantes. En Bruxelas xa anunciaron o peche definitivo das negociacións para un hipotético ingreso dese país nas institucións europeas. Washington non recoñece a vitoria de Lukasenko e ameaza con "medidas punitivas". Acosado dende Occidente pero reforzado no seu país, Lukasenko virará a súa política, aínda máis, cara Moscova, tratando de evitar o "efecto ucraíno" en Belarus.

Todo este panorama precisa dalgunhas claves de interpretación que pode suministrar a política que vai seguir Putin, a curto e medio prazo, especialmente nos ámbitos enerxéticos e xeopolíticos. No Kremlin consideran necesario retomar a súa área de influencia perdida, dende a Europa ex soviética ata Asia Central, pero os seus resultados son diversos. Pode manter especiais lazos con países como Belarus, Armenia, Kazakistán ou Tadyikistán baixo a súa esfera de influencia, pero as tensións se repiten a cotío en Ucraína, Xeorxia ou Acerbaixán. Compre seguir con atención a evolución das relacións entre Rusia coa Unión Europea e cos EEUU, circunscritas estritamente aos imperativos da "realpolitik" , pero con frecuentes de momentos de tensión.

Para Yúskenko, o severo correctivo electoral recibido, persuadirá ao seu goberno da necesidade dun reacomodo da súa "revolución laranxa". A pesares das profundas diferenzas acontecidas durante o ano pasado, é probable un retorno da alianza Yúshenko-Timoshenko no Parlamento para evitar un reforzamento de Yanúkovich, principal gañador dos comicios. Este proceso electoral lexislativo confirmou un novo balance de poder que deberá nivelar a orientación xeopolítica de Ucraína, balanceada entre Occidente e Rusia. Pero para Yúshenko, que goberna un país debilitado pola crise económica, a endémica corrupción e as contradicións do poder, a escasa confianza popular depositada na súa "revolución" terán un delicado e incerto efecto político.

Pola súa banda, Belarus encamíñase cara a escenarios aínda máis conflitivos, a pesares de que o debilitado movemento opositor non teña acadado os resultados políticos necesarios para desbancar a Lukasenko. A relativa estabilidade económica ten un efecto persuasorio en certos sectrores bielorrusos que, de momento, descartan propiciar arriscadas aventuras políticas. Seguirá Belarus o complexo exemplo de Ucraína ou ben o autocrático exemplo de Acerbaixán? Moitas interrogantes sacoden o espazo euroasiático ex soviético.