Ucraína: a visita papal

Unhas trescentas mil persoas participaron na misa celebrada, segundo o rito latino, en ucraíno polo Papa no aeródromo "Chaika", nas proximidades de Kíev. Durante a sua visita a Ucraína tamén celebrará en Kíev unha misa segundo o rito bizantino, lembrará as víctimas dos ocupantes alemáns en Babi Iar e dos órgans represivos stalinistas en Bykovniá e, finalmente, viaxará á cidade de Lvov, onde predomina a poboación católica dos dous ritos.

É a primeira visita dun pontífice neste país postsoviético. Logo do desmoronamento do réxime que impoñía unha doutrina atea, o vacío Ideolóxico se foi enchendo de relixións. Cristianizados dende Constantinopla, antes do cisma da igrexa cristián, os ucranios se mantiveron fieis ó rito bizantino, incluso uníndose á igrexa católica en vésperas do século XVIII. Esta rama do cristianismo chamada catolicismo de rito oriental (ou grego) converteuse na igrexa propia dos ucranios en terras occidentais dominadas por Polonia, Austria e Hungría. Aínda que, políticamente tal unión eclesiástica debía supeditar os ucranios a soberanos occidentais, a igrexa católica de rito grego xogou un papel importante na preservación da cultura da Ucraína e a identidade popular nos territorios occidentais. Quizáis por esta razón Moscova inspirou en 1946 a disolución da citada unión e a incorporación da igrexa con todos os seus bens á Igrexa ortodoxa rusa, que xa estaba totalmente controlada polos servicios secretos e dentro do espacio permitido para seu actuación, contribuía a afortalar o dominio do Kremlin. O clero e os fieis que seguían leais ó catolicismo de rito grego foron perseguidos e considerados entre os piores inimigos do estado soviético.

No momento da independencia, en 1991, á parte das pouco numerosas parroquias católicas romanas (tradicionalmente chamadas aquí "polacas") e insignificantes comunidades protestantes, todo o espacio eclesiástico estaba en mans da Igrexa ortodoxa rusa e baixo o Patriarca de Moscova. Este se negou a recoñecer os dereitos dos católicos de rito grego (5 millóns de fieis), a devolver os seus templos, nin tampouco a acceder ós dereitos dos ortodoxos ucranios a establecer a súa propia patriarquía. Esta postura deu lugar a incidentes violentos durante a recuperación de bens eclesiásticos.

A intransixencia dos ortodoxos rusos se manifestou durante a visita papal: os xerarcas da igrexa dependente do patriarca de Moscova (máis de 9.000 comunidades fronte a preto de 4.000 comunidades ortodoxas ucraínas) foron os únicos representantes do clero que se negaron a asistir a unha reunión co Pontífice.

Xoán Paulo II, o primeiro Papa que rezou xunto con xudeus e musulmáns, quen pediu perdón por todos os crimes cometidos polos católicos en contra de fieis doutras confesións, entre elas a igrexa ortodoxa, fracasou neste intento de conciliación. O periódico Kyiv Post editado en inglés cita un arcebispo ortodoxo alegando a imposibilidade da reconciliación entre as dúas ramas do cristianismo: "Todo o que facemos nós, eles fanno ó contrario. Se eles están sentados, nós estamos de pé. Eles utilizan música, nós non. Nós rezamos cara o Leste, eles rezan cara o Occidente".

Sen embargo, esta oposición non puido opacar a onda de entusiasmo popular. Segundo unha enquisa, soamente de 4 a 6 por cento da poboación estaba en contra da visita. As medidas de seguridade sen precedentes que se adoptaron en previsión das accións de protesta dos ortodoxos rusos en vésperas da visita e perante a eventualidade dun atentado contra o Papa por parte de grupos terroristas parecían innecesarias á vista da atmósfera de tranquilidade benévola existente entre a poboación, que desexaba presenciar e participar nun acto transcendental, sen connotacións políticas. Puideron participar tamén moitos pelegrinos procedentes doutros países para quen Ucraína abriu as súas fronteiras: nestes días podían entrar sen visado. ¿Coma no ceu?…

 

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 26/06/2001