Un europeísta de verdade

Faleceu Ramón Lugrís. Nacido no Ferrol en 1932, Lugrís  é unha desas voces ignoradas e que, non obstante, non pode faltar en calquera aproximación ao galeguismo da posguerra. Lugrís mantivo sempre un especial interese polos asuntos europeos e internacionais que encarou cunha aptitude extraordinaria para a análise e a interpretación, desenvolvidas cunha destreza e finura peculiares.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Faleceu Ramón Lugrís. Nacido no Ferrol en 1932, Lugrís  é unha desas voces ignoradas e que, non obstante, non pode faltar en calquera aproximación ao galeguismo da posguerra. Lugrís mantivo sempre un especial interese polos asuntos europeos e internacionais que encarou cunha aptitude extraordinaria para a análise e a interpretación, desenvolvidas cunha destreza e finura peculiares.

Exemplo de oficio, Lugrís, autor daquel “Vicente Risco no nacionalismo galego”, escribiu sempre coa soltura de quen coñece polo miúdo os temas que aborda tanto por ser lector asiduo e ben informado como tamén pola ampla bagaxe cultural acumulada ao longo dunha vida rica en peripecias

Alá onde chegara, en Londres, Nova York ou en calquera país da África ou Asia a onde tivera que se desprazar como tradutor da ONU ou das axencias do seu sistema onusno, Ramón Lugrís facía Patria e exhibía a súa condición de observador atento, pendente dos grandes asuntos e novidades da axenda internacional.

Dada a súa vocación europeísta temperá, o vello continente será un espazo privilexiado de atención, pero igualmente outros mundos que ao longo do seu periplo vital puido coñecer, con sensibilidade para adiviñar os temas de calado e proxección aínda que nun momento dado poidan semellar marxinais.

Co seu horizonte perdido, a actual UE, cada día mais afastada daquela simbiose de democracia e eficacia nunha organización federal que Lugrís tanto celebrou sempre e cuxo proceso acompañou desde o primeiro momento con indisimuladas esperanzas, malvive a mercé dos mercados e secuestrada por unha malentendida soberanía nacional que a incapacita para enfrontar os grandes retos do século XXI, viña a dicir resumidamente o noso Moncho, quen lamentaba o retroceso da conciencia europea no momento presente.

Lugrís, membro do Consello Reitor do IGADI, sempre exerceu a súa capacidade crítica e o seu escepticismo a partir dun compromiso inequívoco coa defensa da democracia, dos dereitos humanos, do pacifismo, coa xustiza social, en suma, cunha serie de valores que están no cerne dunha vida en que alternou a aproximación e o distanciamento cunha Galicia que a duras penas sabe del e por iso mesmo dificilmente soubo reservarlle o recoñecemento que sen dúbida merece.

A ese recoñecemento quixemos contribuír hai uns días en Madrid, cando en compaña dalgúns dos seus amigos daqueles anos escuros, Franco Grande e Rodríguez Mourullo, tivemos a ocasión de entregarlle un libro de agasallo no que el era o merecido protagonista. Daquela faciamos plans. Non imaxinabamos este desenlace tan inesperado.