Unha cultura no Mundo

O Consello da Cultura Galega vén de presentar unha “Reflexión estratéxica sobre a cultura galega”. Un dos seus cinco apartados refírese á proxección exterior. Dúas son as ideas de fondo que inspiran os seus apuntamentos. En primeiro lugar, que a galega é unha cultura no mundo, á vez local e universal, feitos que non se contradín senón que se retroalimentan e suceden nunha liña de rica continuidade. Un cidadán responsable no mundo de hoxe é aquel comprometido coa súa cultura de orixe pero tamén coa preservación da diversidade global. En segundo lugar, a cultura como expresión da diplomacia pública, vector clave de calquera acción internacional eficaz e eficiente. Isto significa que a promoción da cultura no mundo debe inserirse nunha estratexia global que atenda aos factores político-institucionais, económicos, etcétera, buscando sempre as sinerxías adecuadas. Pero tamén que todos os actores que participan desa necesidade de proxección global deben interiorizar o valor da cultura como un aliado para o pleno desenvolvemento das súas estratexias. Así entendida, a promoción exterior é un referente esencial para actualizar permanentemente o discurso e a acción cultural a través do fomento bilateral da internacionalidade.

O documento sinala políticas, escenarios e medidas concretas que apuntan en tres direccións básicas. Primeira, racionalizar e aproveitar os recursos dispoñibles, dentro e fóra da Galicia territorial, pondo en valor e mobilizando todo o inmenso capital relacional ao noso dispor. Segunda, aplicar accións consensuadas que afasten a idea de confrontación, especialmente en aspectos esenciais como a definición da imaxe exterior a promover de Galicia, que debe construírse a partir do territorio pero tamén da cultura, involucrando aos actores necesarios para dotala da lexitimidade precisa e vontade de permanencia á marxe das inclemencias dos ciclos políticos. Terceira, define un catálogo de cousas a facer xa, delimitando prioridades xeográficas e temáticas en eidos decisivos como a xestión da información, a participación en redes, as accións de acupuntura cultural, etcétera, medidas que constitúen un guión práctico a disposición das institucións e suxeitos do mundo cultural.

En conclusión, diríase que o informe expresa, entre outros, a idea de que o exterior é unha dimensión clave para garantir o futuro da nosa cultura, como industria e como símbolo da nosa identidade. Non soamente para aumentar a nosa autoestima colectiva en virtude do recoñecemento exterior, senón como recurso económico valioso que pode gañar en calidade e competencia e reforzar o conxunto das nosas estratexias de internacionalización, indispensables para facer de Galicia un país viable na sociedade internacional.