Pazo de Raxoi (Foto: wikipedia)

Autonómicas 2016: Carta aberta ás formacións políticas

Galicia vivirá proximamente uns novos comicios autonómicos. Á vista diso, quixeramos chamar a atención das formacións políticas concorrentes no proceso electoral sobre a importancia de incorporar nos seus programas electorais reflexións e propostas en materia de acción exterior.


Coidamos que Galicia dispón de capacidades abondo para garantir unha presenza no mundo conforme coa nosa identidade e intereses pero precisamos de instrumentos e iniciativas que faciliten o seu pleno desenvolvemento. Nas semanas previas a estes comicios debería estar presente este debate.

Reivindicamos a importancia de que Galicia conte cunha acción exterior ambiciosa. A acción exterior non é un malgasto; pola contra, é unha necesidade para o noso progreso e benestar colectivo. Apelamos a evitar a frivolización no tratamento da acción exterior, avogando por unha asunción responsable e construtiva desta política pública que, como as demais, debe estar pensada para satisfacer os intereses da maioría social.

Arelamos unha acción exterior entendida como un espazo de encontro das forzas políticas que garanta a súa continuidade en base á asunción dun catálogo mínimo de principios, estratexias e liñas de acción, e que potencie unha cultura de cooperación facilitadora das alianzas e as sinerxías.

Arelamos igualmente un modelo de xestión democrático e participativo que incorpore á sociedade galega no seu conxunto e a leve a contemplar o exterior como un espazo natural de proxección.

Arelamos unha acción exterior que renove ideas e conceptos e que teña en conta a Galicia na súa globalidade, mais aló do territorio e da diáspora, na nosa dimensión europea, nas posibilidades da nosa lingua e cultura, nas nosas universidades, nas nosas empresas e sectores produtivos, nas nosas entidades sociais en diversos campos.

Arelamos un esforzo racional de comprensión para asumir un maior compromiso cunha acción exterior centrada na defensa dos intereses de Galicia, que teña en conta e desenvolva as nosas singularidades, que explore as nosas posibilidades como ponte con diversas áreas xeopolíticas e xeo-lingüísticas.

Como nos demostran outras experiencias do noso entorno, os retornos dunha acción exterior implementada con rigor son inapelables. Ou aproveitamos o presente ou a ocasión pode malograrse. Cómpre recuperar impulso para situarnos en condicións máis favorables sendo leais con Galicia e a sociedade galega. 

Pazo de Raxoi (Foto: wikipedia)