250px Vinos DO de Galicia.svg

A internacionalización dos viños galegos

Galicia, como potencia produtora no sector primario, ten aínda un longo camiño que percorrer na súa internacionalización. O ámbito do viño tampouco é unha excepción, aínda que a tendencia dos últimos anos é positiva, froito dunha cada vez maior profesionalización no sector.
Liñas de investigación Paradiplomácia Economia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Palabras chave Economía viño
Idiomas Galego

A maior parte das colleitas de uva en Galicia son organizadas dentro das 5 denominacións de orixe (DO), canalizándose o resto ben a través de adegueiros particulares ben a través de Indicacións Xeográficas Protexidas, que son agrupacións de menor calado cás DO, como por exemplo as do Ulla ou  Betanzos.

Segundo datos publicados por diversos organismos sectoriais, Galicia vendeu no 2022 en mercados fóra de España en torno a un 20% do producido (uns 59 millóns (1) de euros sobre 258 millóns de euros (2)) sendo os principais destinos o Reino Unido, os Estados Unidos e os países da UE (Alemaña, Francia, etc),. Dado que o mercado mundial do viño representa un volume de negocio duns 32.000 millóns de euros (3) pódese deducir que hai moitas oportunidades que se deben explorar. Xunto cos viños tradicionais europeos, nomeadamente os franceses e italianos, cada vez hai máis fortes competidores doutras latitudes, coma os viños de Sudáfrica, Australia, Chile ou California (4), que dispoñen de boas condicións climáticas e de superficie para o cultivo da vide. E os principais compradores seguen sendo os europeos e os Estados Unidos (3). Outros mercados potenciais como o chinés ou o hindú non acaban de despegar, seguramente pola falla de cultura do viño.

A posición competitiva dos viños galegos aínda é feble en comparación con outras CCAA de España, pois Galicia non está nin entre as 10 primeiras; de feito supón só o 1,7% do valor das exportacións estatais. (1)

Unha das razóns radica na escasa dimensión media das explotacións (97% menores de 1 hectárea), o que redunda nunha estrutura de custes prexudicial para competir con outros territorios viñateiros (tanto dentro do Estado como noutros países). Isto dificulta a mecanización e merma as posibilidades de expansión. Retomala idea da concentración parcelaria e recuperar terreos non cultivados poderían axudar a incrementala superficie dos viñedos. Tamén sería bo aumentala capitalización das empresas vitivinícolas drenando unha pequena porción do aforro galego (tanto a través de empresarios como de entidades financeiras).

image 49

As dúas Denominacións máis antigas (Rías Baixas e Ribeiro) levan xa medio camiño andado pois contan con tradición histórica exportadora, como por exemplo as vendas do Ribeiro a Inglaterra dende hai séculos. Aínda así a presenza dos viños galegos no exterior é escasa, situación que contrasta coa doutros viños españois (Rioja, Penedés, Ribera de Duero, etc) que nos levan anos de vantaxe.

Por iso cómpre seguir traballando a marca Galicia no exterior. Nese sentido xa hai moitas iniciativas levadas a cabo polas distintas DO (como  a presenza dos adegueiros de Valdeorras na Paris Wine & Vinexpo (5), ou a das Rías Baixas nos Estados Unidos (6)), aínda que sería bo artellar unha estratexia común que agrupara os distintos viños galegos permitindo diferenciármonos no estranxeiro. Para iso poderíase aproveitar unha ferramenta xa existente: a Asociación de Consellos Reguladores do Viño de Galicia e o I.G.P. Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia (Acruaga) (a unión das 5 DO, máis o IGAPE). É máis, poderían buscarse sinerxias con outros sectores próximos potencialmente exportables coma o aceite de oliva ou a auga mineral, xerando así un círculo virtuoso na comercialización de produtos alimentarios embotellados. Incidir na calidade dos viños galegos debe ser chave para reforzala presencia no exterior, e tamén saber adaptarse aos gustos dos mercados aos que dirixirse: por exemplo, a uva branca é moi apreciada nos EEUU. Neste sentido tamén se podería fomentala produción de viños espumosos, por teren vendas con prezos máis altos e tamén mellores marxes.

Outro punto importante é reforzalos vencellos coa Universidade, nomeadamente o Campus de Ourense, que xa dispón dun grao de Enxeñería de Industrias alimentarias. Neste eido tamén se pode mellorala I+D+i, da que tan necesitada está a economía galega.

Dado que no mundo actual as canles de distribución son claves, podería explorarse a colaboración coa diáspora galega, tanto en mercados maduros (Europa) coma en América, incluíndo os USA.

O futuro pasar por reforzar algunhas iniciativas de promoción no exterior, como a de traer a críticos de viño doutros países, coma a visita do escritor inglés especializado en viños, Tim Atkins (7) que veu visitar os viñedos de Pontevedra, ou a realización de actos promocionais en varias cidades dos Estados Unidos (6), ambas por parte da DO Rías Baixas. Figurar na guía Parker (“The wine advocate”), como xa ocorre con varios viños galegos (8), é sempre unha aposta segura.  Tamén se podería aproveitar parte do grande esforzo publicitario que se leva feito co Camiño de Santiago para que sirva de plataforma para os viños galegos.

As tendencias noutros países amosan que se pode mellorar moito a internacionalización do viño co enoturismo, fórmula experimentada con éxito en moitos territorios, coma o de Saint Emilion en Burdeos, o val do Mosela en Alemaña ou incluso o Douro ben preto de nós. No caso galego, as paisaxes nas que se asentan os nosos viñedos son realmente “vendibles”.

Como conclusión, no sector do viño en Galicia temos vimbios para facermos bos cestos, só temos que incrementalas dimensións do marco no que nos movemos actualmente.


Referencias bibliográficas: