pesca altura GDFL040825 054

A importancia das joint ventures na pesca galega de gran altura

A UE vén de tomala decisión (1) de pechar o acceso á pesca de fondo en 87 zonas protexidas das augas comunitarias do Atlántico, o que vai afectar, como mínimo, a uns 200 barcos galegos. Máis alá da receptividade que acabe amosando a Comisión europea ante as críticas recibidas polos axentes afectados, parece que cómpre que os armadores e autoridades procuren alternativas.

Historicamente as empresas galegas téñense visto en circunstancias semellantes derivadas dos atrancos para pescar. Unha das solucións que se puxeron en marcha foi a constitución de joint ventures, é dicir, sociedades de capital mixto participadas por socios locais, que aportaban os seus dereitos de pesca, e polas empresas galegas, que achegaban o seu saber facer (know how) e os recursos necesarios (barcos, persoal, canles de comercialización, etc).

Xapón foi un dos pioneiros neste sistema alá polos anos 1950 (2), e ese fenómeno reproduciuse en moitos lugares onde se daban 2 circunstancias: por unha banda, a existencia de recursos naturais en países con pouco desenvolvemento económico e, por outra, problemas de acceso aos caladoiros pesqueiros que impedían ás empresas alí situadas seguir medrando.

O proceso de creación de joint ventures (3) con capital galego foi determinado por varios factores:

-Dificultades de pesca na nosa contorna ou noutros caladoiros próximos, ben pola necesidade de buscar especies que aquí escaseaban (pescada, peixe sapo, luras, langostinos…), ben polo endurecemento das normativas pesqueiras. Por exemplo, nos anos 1980 os buques conxeladores galegos podían faenar na costa de Boston ata que os USA excluíron da súa Zona Pesqueira Exclusiva a aqueles barcos non construídos nese país. Isto fixo que os armadores galegos comezaran a enfocarse en caladoiros hoxe clásicos, como as Illas Malvinas ou Arxentina.

-Incremento da capitalización dalgunhas empresas pesqueiras, nomeadamente as operativas na ría de Vigo, o que permitiu contar con recursos cada vez máis importantes para afrontar proxectos de internacionalización

-Procesos de innovación permanentes, que se traduciron en melloras moi relevantes nos buques conxeladores, capaces de pescar, procesar e almacenar peixe conxelado durante moitos meses e transportalo dende milleiros de km de distancia

-Subsidios (4) outorgados pola CEE nos anos 80 e 90 aos barcos de arrastre transferidos ás sociedades mixtas recén creadas, práctica abolida no 2004.

Así, a 1ª joint venture pesqueira con capital galego (5) foi creada en Mozambique en 1979 (Pescamar), na que o Estado participaba cun 30% e Pescanova co restante 70%. A éstas seguíronlles outras polo continente africano xa nos anos 1980: Mauritania, Angola, Sudáfrica ou  Namibia.

pesca altura GDFL040825 054

A creación das sociedades mixtas tivo unha serie de implicacións para a pesca galega:

Reflexo do tránsito dunha economía pesqueira tradicional de baixura e proximidade, con peixe fresco, a pesca de gran altura, con peixe conxelado, grandes buques de arrastre e armadoras potentes

-Cambio na cadea de valor: parte dela trasladouse aos caladoiros de orixe co obxectivo de que os excedentes reverteran nas empresas galegas, tanto a través do acceso ás materias primas, cada vez máis escasas, como dos beneficios xerados pola actividade empresarial

-Mellora da posición competitiva das armadoras ao ter acceso privilexiado e acoutado a determinadas especies de alto valor comercial

-Creación dun grupo de profesionais expatriados, con competencias pesqueiras pero tamén diplomáticas, pola súa capacidade de interacción cos poderes do país

-Cobertura ante cambios normativos relativos aos caladoiros, ao ir da man dos socios locais. Neste punto é especialmente relevante como foron mudando as esixencias na porcentaxe mínima de participación obrigada ás empresas locais, co obxectivo de favorecelo control da sociedade conxunta por parte destas últimas.

-Importancia das cuestións políticas e xeopolíticas, como a independencia de Namibia en 1990, o golpe de estado de 1984 en Mauritania ou o conflito entre Arxentina e o Reino Unido en torno á soberanía das Illas Malvinas e que ten provocado máis dun problema ás empresas galegas con intereses en ambos caladoiros.

A creación de sociedades pesqueiras mixtas pode considerarse, na maioría dos casos, unha estratexia win-win, na que ambas partes saen beneficiadas: axudouse a desenvolvela industria pesqueira local vía investimentos en infraestruturas, I+D+i, formación de traballadores, etc, como queda patente en Walvis Bay (Namibia) ou Puerto Madryn (Arxentina). E establecéronse e/ou fortalecéronse as relacións bilaterais.

Malia as críticas que se lle poden facer a esta forma de cooperación empresarial (como o feito de que as sociedades mixtas non xurdiron cun obxectivo solidario cos países en desenvolvemento senón como unha alternativa á perda de caladoiros), a creación de joint ventures ten permitido o mantemento e expansión do tecido produtivo pesqueiro galego (sobre todo vigués) ante un entorno regulatorio hostil, inseríndoo nos grandes circuítos comerciais e de capital a nivel internacional. E poden sinalar o camiño para o futuro.

Referencias bibliográficas:

(1) Commission Implementing Regulation (EU) 2022/1614 of 15 September 2022 determining the existing deep-sea fishing areas and establishing a list of areas where vulnerable marine ecosystems are known to occur or are likely to occur (Official Journal of the European Union). Dispoñible en: https://eur-lex.europa.eu/eli/reg_impl/2022/1614

(2) Fisehery Joint Ventures in Developing Countries. Revista: Journal of the Fisheries Research Board of Canada. DOI: 10.1139/f73-364

(3) Empresas mixtas. (2001, agosto). Pesca internacional, 11.

(4) Investment and transparency in EU-Africa fisheries relations: what about joint ventures? Dispoñible en: https://www.cffacape.org/publications-blog/q2nriapbiy782wqmauibptrt43x1ku

(5) Alfonso Paz Andrade, unha conversación inacabada. Dispoñible en: https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/somosmar/2021/06/11/alfonso-paz-andrade-unha-conversacion-inacabada/00031623426435684188401.htm