A paradiplomacia de Feijoo: do pecado orixinal ás ambivalencias

Nestes 11 anos de goberno do Presidente A. N. Feijoo o seu papel de liderado é recoñecido por todas. Un dos elementos sobre os que modelou o seu discurso público foi arredor do perfil internacional de Galicia, así coma da relevancia da globalización no noso futuro e modelo socioeconómico e sociocultural.

Liñas de investigación Paradiplomácia
Apartados xeográficos Ação estrangeira da Galiza
Idiomas Galego

Nestes 11 anos de goberno do Presidente A. N. Feijoo o seu papel de liderado é recoñecido por todas. Un dos elementos sobre os que modelou o seu discurso público foi arredor do perfil internacional de Galicia, así coma da relevancia da globalización no noso futuro e modelo socioeconómico e sociocultural.

O primeiro Feijoo acentuou a necesidade da aprendizaxe do inglés, despois impulsou unha permanente pedagoxía arredor da relevancia internacionalización económica, e na súa última etapa acentuou o obxectivo da globalización do Xacobeo coma unha potencialidade tratora para toda a economía do país (de maneira especial na edición do 2021 e na ollada estratéxica do discurso dos últimos meses previos á explosión da Covid19 –A Década Xacobea, en referencia aos anos Xacobeo 2027 e Xacobeo 2032).

Sen embargo, a acción exterior coma política pública perdeu rango desde a primeira estrutura política-administrativa do primeiro Goberno Feijoo na Xunta de Galicia de 2009, degradando a anteriormente Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación (dependente da Presidencia) nunha Dirección Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación (dependente da Consellería ou da Vicepresidencia, exercida por Alfonso Rueda ao longo dos distintos mandatos). E desde o 2009 ata hoxe. Así se cunha man era capaz de posicionar á axenda da Galicia global entre os eixos de traballo motores do seu Goberno, coa outra rachaba a tradición lenta mais progresiva de ordenación da acción exterior galega, de Laxe, Fraga e Touriño-Quintana.

Pese ao pecado orixinal o Presidente Feijoo fixo gala ao longo desta década de ser consciente da importancia do selo internacional de Galicia, por medio de medidas reais e notables, mais en demasiadas ocasións simbólicas e rituais, precisamente lastrado por ese pecado orixinal. Esta afirmación arredor do paradiplomata Feijoo constátase paradigmaticamente co achegamento ao portugués e a Portugal da Lei Paz Andrade, que pese a agromar o seu perfil máis galeguista e estratéxico, fica a estas alturas cun inmenso camiño por percorrer.

Cómprenos ademais incidir en que impulsado polo pecado orixinal o maior fracaso foi o da morte cerebral do Consello de Acción Exterior (CAEX) da Xunta, reunido tan só en cinco ocasións, entre 2011 e 2019, incumprindo explicitamente o decreto de creación do CAEX, demostrando a falta de vontade para unha coordinación e coherencia, tanto dentro dos distintos departamentos com incidencia na vida internacional da Xunta (IGAPE, Emigración, Turismo, Mar…) coma co resto dos actores da acción exterior galega: cidades, Universidades, empresas, ongd´s…

A grande fenda desta época será o contraste entre a vida televisada da acción exterior da época Feijoo ligada á procura de negocios internacionais, coa minimización, fragmentación, e simbolismo da política oficial de acción exterior de Galicia. Se o primeiro é necesario, darlle a volta ao segundo é imprescindible para falar da existencia dunha política pública de acción exterior.

Hai que prepararse para o S.XXI, o que implica establecer obxectivos e poder medilos alén das fotografías e os titulares.