Arredalia, a rede de antigos alumnos en prácticas do IGADI que coordina o xaponés Masashi Oki ven de publicar un interesante conxunto de reflexións sobre as crises de África. Obviamente, a seguridade alimentaria non podía faltar nese sumario
Arredalia, a rede de antigos alumnos en prácticas do IGADI que coordina o xaponés Masashi Oki ven de publicar un interesante conxunto de reflexións sobre as crises de África. Obviamente, a seguridade alimentaria non podía faltar nese sumario.
Dos 925 millóns de persoas que no mundo están subalimentadas, 300 millóns malviven en África. É unha situación inaceptable, especialmente tendo en conta as enormes potencialidades do continente. No último informe da FAO advírtese sobre os efectos da volatilidade dos prezos dos alimentos que tanto agrava a vulnerabilidade dos países pobres. África é a primeira vítima desta situación. As causas obedecen a circunstancias directamente políticas pero igualmente ás insuficiencias do desenvolvemento agrícola en moitos dos países afectados. A situación de autarquía que se vive en numerosas zonas así como a desconexión respecto aos circuítos comerciais e a feble mecanización ofrecen un panorama quizais pouco optimista pero revela igualmente os nodos sobre os que actuar de xeito que un pequeno esforzo pode ter efectos inmediatos e relevantes.
Segundo a FAO, África conta con 700 millóns de hectáreas de terras cultivables non explotadas e importa o 85 por cento dos alimentos que consome. Conta con ríos caudalosos e xigantescos pero só o 3 por cento das terras están irrigadas. Ten no seu subsolo importantes xacementos de fosfatos pero o uso de fertilizantes non chega a 13 quilos por hectárea. É a única rexión do mundo onde a produción agrícola por habitante reduciuse nos últimos vinte anos, con rendementos por hectárea dúas veces inferiores á media doutras zonas en desenvolvemento.
Esta situación derívase en primeiro lugar do abandono do rural por parte das elites políticas e económicas dos respectivos países. O gasto público na agricultura rolda o 4%, a terceira parte da cifra asiática. En segundo lugar, da redución do peso da agricultura na AOD dos países desenvolvidos e as súas plataformas de axuda, que pasou do 17% en 1980 ao 5% actual. Nin sequera a adquisición de terras polos grandes grupos agro-industriais ou financeiros derivou en melloras significativas para o conxunto da poboación. Como, por outra banda, cabía esperar. O acaparamento de terras –varias decenas de millóns xa- oriéntase esencialmente cara a exportación. A FAO estima que os 2.000 millóns de africanos de 2050 precisarán máis de 8 mil millóns de euros anuais para satisfacer as súas necesidades de alimentación.…
A saída deste dramático circulo vicioso esixe unha reforma agraria que reforce a importancia dos agricultores e investimentos nas infraestruturas que melloren a súa produtividade, dende a irrigación á comercialización. Fronte á alternativa da agro-industria, o futuro pasa polas pequenas explotacións e as cooperativas, asegura Olivier de Schutter, responsable de NNUU polo dereito á alimentación. É ben simple e doado se hai vontade.