Servirá o cume de Florida para tranquilizar as relacións sino-estadounidenses? No primeiro cara a cara entre os presidentes Trump e Xi Jinping non se esperan grandes anuncios aínda que si un cambio de atmosfera.
Servirá o cume de Florida para tranquilizar as relacións sino-estadounidenses? No primeiro cara a cara entre os presidentes Trump e Xi Jinping non se esperan grandes anuncios aínda que si un cambio de atmosfera.
Nos meses transcorridos, diríase que Beijing logrou frear boa parte das invectivas do inquilino da Casa Branca pero a axenda de desencontros persiste, tanto na orde económica-financeira (déficit comercial, a manipulación do tipo de cambio do yuan) como da seguridade (península coreana ou Mar de China meridional). O mellor exemplo dese preanuncio de reconsideración é o asunto de Taiwán onde Trump recolleu velas rapidamente tanto que en Taipéi estase agora á expectativa ante a imprevisibilidade dun desenlace pouco conveniente aos seus intereses.
O encontro debe servir especialmente para despexar as incertezas a propósito da preanunciada guerra comercial e a tensión en torno ás dúas Coreas e a determinación das respectivas liñas vermellas.
O obxectivo principal de China é incorporar ás relacións bilaterais o principio de “cero sorpresas” e definir un marco de diálogo institucionalizado que xestione unhas relacións que se aventuran complexas e nas que ambas partes deberán realizar concesións. Para Xi, este encontro, a menos de tres meses da toma de posesión de Donald Trump e a seis do XIX Congreso do PCCh, suxire un recoñecemento da transcendencia das relacións bilaterais nas que non se pode permitir unha crise de grandes proporcións. Trataríase entón de frear aqueles impulsos que apuntan ao deseño de estratexias de maior alcance para evitar a progresión global da influencia chinesa e manter, como mal menor, a continuidade do binomio cooperación-contención aplicado pola Administración Obama.
Xi tratará de convencer a Trump da inoportunidade de reducir os espazos de cooperación aludindo ao atractivo global da súa economía e as expectativas de novas reformas liberalizadoras que soarían a concesión na Casa Branca. Así mesmo, desdramatizará as súas pretensións no Mar de China meridional remitindo ao código de conduta que en maio pretende aprobar cos países da ASEAN, o que desaconsellaría un hipotético fortalecemento do despregue militar estadounidense na rexión.
Á vista do acontecido nas últimas semanas, é posible que Trump se aveña a ese esforzo de redución das tensións e de aposta pola negociación como norma para encamiñar as diferenzas pero si o seu foron pouco máis que palabras necesitaría de Beijing concesións plausibles e non só retóricas especialmente en materia económica e comercial.
As contradicións non se esfumarán nin moito menos; pola contra, aínda coa sordina conveniente, a rivalidade estratéxica que apunta a un anunciado reforzamento da hexemonía unilateral estadounidense e a vontade chinesa de facer respectar os seus intereses vitais reflectirían o fráxil equilibrio entre as dinámicas de confrontación e de cooperación.