Business is business. Con pena… Puidemos observar na semana pasada as serias carencias institucionais da comunidade internacional, permanecendo inerte ante os graves sucesos ocurridos en Xinjiang (China non é Abisinia, lembrando o vello cántico republicano contra os feixistas italianos, “Guadalajara no es Abisinia, porque aquí los rojos tiran con bombas de piña”) e brindando ao sol, unha vez máis, en L’Aquila, con motivo da xuntanza do G-8. Neste contexto, asistiríamos tamén ao “lavado de imaxe 2×1” de Obiang, botafumeirado oportunistamente polos antigo e novo réxime español (Fraga e Moratinos). Con Honduras, as institucións internacionais quedaran xa cansas a outra semana…
Pero con gloria…, ¿esculpindo no ceo? Diante deste panorama, semella que a semana será lembrada, si acaso, pola presentación da encíclica Caritas in Veritate, a terceira do Papa Ratzinger. O texto, amosando na súa sistemática, a servidume de varias mans, recolle, con contundencia por veces, entre outros, unha aproveitábel reflexión –difícil de non compartir nalgunha medida– sobre as consecuencias da globalización e a actual crise mundial; ésta levou a Bieito XVI a retrasar a súa aparición, para poder actualizala coa axuda de expertos económicos (Zamagni, Universidade de Boloña); a escasez de tradutores ao latín, reseñada por algún medio, é descoñecer a realidade vaticana.
Ogallá que a encíclica, coherente co rumbo –compatible ou non– que iniciara Ratzinger na súa etapa de Ratisbona coa “teoloxía da comunión” e reflexo do pensamento social papal temperado con tonalidades asumíbeis do Consello Pontificio Xustiza e Paz, sirva como libro de ruta e non sexa guidada no baleiro, escomenzando pola propia Igrexa á hora da sua posta en práctica. O talante da carta, aínda propugnando unha subsidiariedade escasamente practicada no propio eido católico (por non falar da discriminación da muller e dos dereitos dos pobos, o desprezo en xeral da igrexa ao galego, con unha abraiante diglosia de comunicación en castelán con Deus e en castrapo homilístico co pobo), reloce, nembargantes, diante das sombras dos actuais dirixentes mundiais carentes –máis alá do marketing– dun discurso medianamente críbel. Claro que, xusto é recoñecelo, acó xa dos primeiros tempos de eleccións dos bispos pola asamblea de fieis, a non necesidade pontificia de pasar polo contraste con éstes facilita o argumentario…
Crise, Estado e Autoridade política mundial: que Deus escoite ao Papa ¡Qué menos! Diante da crise, “O mercado único dos nosos días non elimina o papel dos Estados, máis ben obriga aos Gobernos a unha colaboración… A sabiduría e a prudencia aconsellan non proclamar apresudaramente a desparición do Estado. Con relación á solución da crise actual, o seu papel parece destinado a medrar, recuperando moitas competencias” proclama a encíclica.
Xunto a esto, propugna o seu texto a constitución dunha “Autoridade política mundial”, proposta xa por outros papas, que, máis aló da actual ONU, poida encarar os vastos problemas da actual crise (emprego, migracións, alimentos, enerxía, medio ambiente, desarme, seguridade, paz, etc.). “O desenvolvemento integral dos pobos e a colaboración internacional esixen o establecemento dun grao superior de ordenamento internacional de tipo subsdiario para o goberno da globalización”, resultando, a tal respeito, que “na presenza dunha recesión de alcance global, síntese moito a urxencia da reforma tanto da Organización das Nacións Unidas como da arquitectura económica e financeira internacional”; pero de ónde sairán os políticos non corrupos encargados do Goberno mundial. Os aspectos prácticos quedan no aire.
Sen dúbida estamos ante unha encíclica, que non causará indiferenza…