Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Balance de situación 25 anos despois da Asociación Euro-Mediterránea. Por Jesús A. Núñez Villaverde, Codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH).

Nun contexto internacional moi diferente ao actual -definido pola pandemia da Covid-19, o declive dos Estados Unidos, o ascenso da China e o esgotamento dun marco institucional que se mostra incapaz de xestionar a desigual globalización que nos toca vivir- hai 25 anos púxose a marcha a Asociación Euro-Mediterránea. O seu obxectivo era nada menos que crear un espazo euro-mediterráneo de paz e prosperidade compartida. Hoxe, co engadido da Unión polo Mediterráneo dende 2008, a violencia e o aumento da fenda de desenvolvemento entre ambas beiras do Mare Nostrum obrigan a recoñecer que o haber é moito menor que o debe no balance acumulado.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Nun contexto internacional moi diferente ao actual -definido pola pandemia da Covid-19, o declive dos Estados Unidos, o ascenso da China e o esgotamento dun marco institucional que se mostra incapaz de xestionar a desigual globalización que nos toca vivir- hai 25 anos púxose a marcha a Asociación Euro-Mediterránea. O seu obxectivo era nada menos que crear un espazo euro-mediterráneo de paz e prosperidade compartida. Hoxe, co engadido da Unión polo Mediterráneo dende 2008, a violencia e o aumento da fenda de desenvolvemento entre ambas beiras do Mare Nostrum obrigan a recoñecer que o haber é moito menor que o debe no balance acumulado.

E entre as razóns que explican este xuízo -sen caer no erro de responsabilizar en exclusiva aos gobernos da Unión Europea, pero sen esquecer tampouco a súa corresponsabilidade na creación de moitos dos problemas que hoxe caracterizan á rexión- cómpre resaltar moito máis a falta de vontade política que a inadecuación do instrumento creado en Barcelona. En efecto, a estrutura adoptada entón- cos chamados tres cestos de cooperación no ámbito político e de seguridade, no económico e financeiro e no de diálogo social, cultural e humano- era un bo punto de partida. No primeiro caso, asumíase a incapacidade da Unión para resolver os conflitos e a violencia existentes (como o que enfronta dende hai décadas a Israel cos países árabes en lugar destacado); pero entendíase igualmente que era posible evitar o estoupido doutros novos, aumentando os contactos en todos os niveis políticos para ir creando a confianza necesaria para promover a estabilidade común. No segundo, suscitábase a creación dunha zona de libre comercio e a posta en marcha de programas descentralizados, financiados fundamentalmente por Bruxelas, con idea de acelerar as reformas nos anquilosados sistemas económicos dos nosos veciños do sur e este do Mediterráneo, garantindo así unha vida digna ás súas poboacións. Para rematar, tratábase de xerar un intercambio que eliminase os recíprocos estereotipos existentes e que facilitase un maior coñecemento persoal entre quen, en definitiva, compartían non só un mesmo pasado senón tamén un futuro común.

O inquietante panorama actual deixa claro que pouco do recollido nos documentos aprobados e elaborados nestes anos logrou pasar do papel á práctica. Basta recordar situacións como as de Libia, Siria ou Líbano (sen esquecer a unha Palestina cada vez máis marxinada na axenda internacional), o perfil escasamente democrático da maioría dos gobernos da zona ou o drama humano que converteu ao Mediterráneo nun cemiterio para entender que as fórmulas deseñadas por Bruxelas non deron respostas adecuadas a algo que nos afecta a todos. Do mesmo xeito, resulta evidente que tampouco a UE soubo dar resposta a unhas mobilizacións cidadás que, desde o arranque en decembro de 2010 do que algúns quixeron ver como unha “primavera árabe”, rexistráronse con diferentes niveis de intensidade en demanda de dignidade, liberdade e traballo.

E aínda que sempre se pode botar man de argumentos como o impacto da crise de 2008 ou da que agora se desatou para tratar de xustificar a escaseza dos recursos aportados ou o limitado avance de tantas propostas, o máis visible é que o conxunto dos agora Vinte e sete segue preferindo apostar por gobernantes crecentemente deslexitimados como aliados interesados en manter custe o que custe un statu quo que lles outorga claros privilexios, aínda que sexa a costa da inseguridade e o subdesenvolvemento da maioría dos seus cidadáns. A iso engádese o feito de que a UE continúa sen dotarse dunha voz única no concerto internacional e aínda son moitos os gobernos ancorados nunha visión anacrónica que lles leva a adoptar un enfoque crecentemente securitario na rexión (vista como unha ameaza), a apoiar ata golpes de Estado como o protagonizado en Exipto en 2013 e a defender a réximes nitidamente autoritarios e moi cuestionables tanto en clave democrática como de respecto de dereitos humanos. Un enfoque que, en definitiva, non só segue arrombando a aposta polo desenvolvemento (tanto no seu perfil sociopolítico como ata no económico) senón que está abocado ao máis rotundo fracaso.

Pola súa banda, tampouco parece que os gobernos dos nosos veciños esperen moito da UE, máis aló de seguir contando co seu apoio para manterse no poder. Para estar á altura dos valores e principios que a UE di defender e para atender aos nosos intereses imponse un exercicio de egoísmo intelixente que traduza en feitos a idea de que o noso desenvolvemento e a nosa seguridade dependen moi directamente do desenvolvemento e da seguridade dos nosos veciños. E por esta vía, pensando moito máis na sorte dos seus habitantes que na dos seus cuestionados gobernantes, o conxunto dos países da Unión teñen moito que dicir e que facer, sen caer no erro de pensar que é posible saír indemne dos retos que afrontamos parapetados tras un muro que enganosamente protéxanos do que ocorre ao noso ao redor.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.