Cuba sae a flote

Pouco durou en La Habana o isolamento vaticinado por Aznar como consecuencia da negativa cubana a subscribir a declaración de condena do terrorismo etarra. Alén dos renovados vencellos con Venezuela, a presencia na cirimonia presidencial no México de Fox, e as recentes visitas á illa de altos cargos da administración chinesa e do propio Presidente ruso, Vladímir Putin, permiten afirmarlle a Fidel, unha vez máis, que “Cuba avanza resistiendo al bloqueo estadounidense”.

Conforme pasan as semanas, gaña puntos a convicción de que a manobra do Presidente do goberno español no pasado cumio de Panamá foi unha auténtica e lamentable torpeza. Certamente, limitar a condena ao terrorismo etarra, cando as propias autoridades do país do Canal tiveron que deter a unha persoa, salvadoreña, que intentaba asasinar a Fidel durante a reunión iberoamericana, e non facer mención dese outro terrorismo igual de duro que se promove dende a Fundación Nacional Cubano-Americana, ou dese outro “blando” que supón o persistente bloqueo estadounidense, resulta, como pouco, carente de tacto. Máis aínda, cando unhas semanas antes a legación diplomática cubana en Madrid rexeitaba a petición de asilo de activistas etarras e mesmo a tradición de entendemento coas autoridades españolas para acoller a etarras exilados. Fidel non se amilanou e asistialle a razón.

Pero aquela escenificación, tan dura, do enfrontamento no cumio Iberoamericano, semellaba abocar o país caribeño á perda dun aliado histórico como España, se ben nos últimos anos cun goberno claramente alonxamento das posicións tradicionais identificadas coa razón de Estado. E como consecuencia diso, a illa iba a quedar máis soa ca nunca. Pero non foi asi. Increméntanse os lazos con Venezuela e Fox promete revitalizalos con México. E non son os únicos. A pasada semana visitou La Habana o ministro de Comercio Exterior e Cooperación Económica da China, Shi Guangsheng, á fronte dunha delegación de máximos executivos de importantes empresas. Cuba e a China manteñen nove empresas mixtas nas esferas da agricultura, industrias lixeira e do sucre, turismo, biotecnoloxía e producción de fármacos.

Pero a visita estrella foi a de Vladímir Putin, presidente de Rusia, recibido calurosamente. Nunha entrevista concedida por Fidel á televisión moscovita RTR negou que tralo desmantelamento da URSS, na illa se alimentara un sentimento de animadversión cara Rusia, “índa que si dor e amargura”. Putin visitou o país do 13 ao 17 de decembro no que constituíu a primeira dun xefe de estado ruso dende a desintegración da URSS. Tamén viaxaba acompañado dunha importante comitiva empresarial.

Durante a visita asinaron unha Declaración Conxunta sobre as conversas oficiais entre os dous presidentes, e cinco documentos relativos a cooperación en tributación, saúde pública, comercio, entre outros, coa vontade expresa de afortalar as relacións bilaterais en todos os terreos. A visita de Putin pode simbolizar un novo comezo. Se a sintonía ideolóxica está lonxe de ser o que foi, a aspiración rusa de recuperar autonomía na escena internacional e certa comprensión estratéxica, poden favorecer a Cuba.