cartaz migracion ecuador

Ecuador procura un líder ou un modelo?

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego
 Cartaz migración Ecuador, clic para aumentar
Dende que comezou o novo milenio, coa flamante dolarización, máis de dous millóns de ecuatorianos, un 15% da súa poboación ten migrado cara a Estados Unidos, España ou Canadá. (Foto: ©Lino Pellitero).
 

Quito chegou tarde ás receitas do neoliberalismo. As medidas de dolarización promovidas no primeiro lustro dos anos 90 que tiveron éxito para acabar coa espirais de inflación en Arxentina, Brasil, Uruguai, Perú… aterraron demoradas no país andino, durante o Crack do 2000.

A aparente estabilización que trouxo a dolarización, empobreceu máis a un dos países máis pobres do continente. O dólar viña acompañado de prezos caros que estrangularon o consumo e que poden desembocar nunha crise semellante á que viviron os países do Mercosur. Quizais fose a traumática experiencia de Arxentina a que propiciou que a dolarización fracturase mesmo ás élites locais. Unha parte procurou o dólar e outra posiciouse frontalmente en contra. Fenda que se reflectiu en novos candidatos e figuras do espectro político de centrodereita.

Dende que comezou o novo milenio, coa flamante dolarización, máis de dous millóns de ecuatorianos, un 15% da súa poboación ten migrado cara a Estados Unidos, España ou Canadá.

Os 27 anos de democracia que viviu Ecuador tras da década militar, están marcados por unha sucesión inacabada de frustracións colectivas. Como acontecera en Venezuela, Uruguai, Colombia, Bolivia… as eleccións presidenciais ecuatorianas do día 15 pasou a súa vasoira purificadora sobre os partidos tradicionais que ocuparon o poder dende 1979 identificados polos ecuatorianos como sinónimos de corrupción, ineficacia e mal goberno: O Social-Cristiano de Febres Cordero que nesta elección postulaba a ex-presentadora de Televisión Cynthia Viteri e a Esquerda Democrática, liderada por Rodrígo Borja, que presentaba ao socialdemócrata León Roldós.

A democracia non significou política con maiúsculas, non aportou ideas e solucións para a pobreza crónica en Ecuador na que viven a inmensa maioría dos 14 millóns de ecuatorianos. 27 anos de democracia non significaron 27 anos de estabilidade e progreso. A sensación colectiva é que nada cambiou, ou no caso de cambiar estes foron a peor. Na última década o país tivo ocasión de contemplar con progresiva apatía o paso de sete presidentes.

Tal é o grao de degradación dos partidos e das institucións, que un dos candidatos con maiores posibilidades de chegar a ocupar o Palacio Presidencial, non presentou candidatura para o Congreso, que considera un foco de insalubridade para a vida institucional e que debe arder nas cinzas dunha nova e renovada Asemblea Constituínte que sería o limiar dunha Refundación nacional.

Afortunadamente a distancia e cansazo cara aos políticos tradicionais que incumpriron as promesas posibles e as imposibles, deu finalmente nunha confrontación de ideas entre dous modelos de afrontar o futuro do país. Nunha esquemática polarización de ideas que pode sentar as bases para estruturar socialmente un país.

Os analistas locais, que xa prevían no mes de xullo unha gran confrontación entre líderes antisistema con forte personalidade, pero a confrontación electoral podería ter acontecido perfectamente entre líderes de diferente ou semellante ideoloxía, entre ex-dictadores ou os seus colaboradores, entre poderosos empresarios, entre militares…

Na Rolda final vai o home máis rico do país, o magnate do banano, Alvaro Novoa que posúe 113 empresas en distintos lugares do mundo. Con estética de telepredicador que tanto regala zapatos para os nenos, como promete crear 300.000 casas ou invoca a Deus para que camiñen os eivados.

Na outra banda idelolóxica se sitúa o economísta de 43 anos, con máster en Lovaina e doutorado en Illinois, Rafael Correa, que se declara contrario ao libre comercio desigual, ao FMI e a base militar norteamericana de manta.

Ambos coíndiden en que manterían a dolarización, ambos son protagonistas dun clima de inusual crispación en Ecuador. Tamén é verdade que ambos os dous son líderes con forte personalidade, pero non é menos certo que ambos representan modelos político-sociais diferentes.