Eleccións nos EEUU: lecturas europeas

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O primeiro "caucus" do Partido Demócrata no estado de Iowa e o discurso sobre o estado da nación de George W. Bush (Partido Republicano) significaron o comezo das eleccións á Presidencia estadounidense. Os membros do Partido Demócrata deben elixir nos seus "caucus", é dicir, preeleccións ou seleccións, ó seu candidato, que desafiará a George W. Bush en novembro. Bush, que é automaticamente o candidato do Partido Republicano, posto que cada presidente goza da oportunidade dunha reelección, xa se concentra, con toda a súa forza, na súa campaña electoral. O presidente actual quere evitar a toda costa o destino do seu pai, que non logrou a súa reelección en 1992 trala primeira guerra norteamericana contra Sadam Husein. Polo tanto, utilizou o discurso anual sobre o estado da nación antes do Congreso para destaca-los seus éxitos e logros; noutras palabras, para propaganda electoral.

Se lembramos o seu discurso sobre o estado da nación do ano pasado, decatámonos de que existen certos indicios de cambio. O ano pasado, Bush anunciou a súa decisión, baseada en probas falsas, de atacar Iraq "unha decisión que danou seriamente á UE e ó proceso de integración europea". Pese a décadas de integración e cooperación continua, dividiu profundamente ós gobernos (non necesariamente ós cidadáns) europeos e dúas posicións contrarias emerxeron. Unha apoiaba ós EEUU e a súa guerra contra Iraq, mentres a outra buscaba un camiño europeo alternativo. Mesmo hoxe en día pódense ve-las consecuencias destas divisións, máis sinaladamente, o fracaso da Constitución Europea debido ás diferencias infranqueables entre os dous defensores (España e Polonia) e os dous opoñentes (Alemaña e Francia) da guerra. Agora, o discurso sobre o estado da nación de Bush non contén este ano ningunha ameaza dunha nova guerra contra un "rogue state" (estado malfeitor). Esta decisión semella desconcertante, xa que aínda existen posibles obxectivos coma, por exemplo, os reximes de Siria, Irán, Yemen ou Corea do Norte, víctimas de claras políticas de acoso, pero afasta un horizonte de afondamento na división europea por causa da política exterior de Bush que se agrandaría no probable suposto dunha nova guerra. A única guerra que Bush declarou para este ano no seu discurso foi a guerra electoral contra o Partido Demócrata. E esta guerra "como agora sabe Bush pai" gáñase con asuntos interiores" a economía, o paro, a seguridade social e temas semellantes. Por iso, o discurso sobre o estado da nación foi unha boa noticia para a UE, cando menos a curto prazo, se ben levará tempo supera-las divisións e tódalas cautelas son poucas a propósito do intervencionismo de Bush.

Pero, ¿que pasará despois das campañas electorais? Unha victoria de Howard Dean, Wesley Clark ou mesmo de John Kerry reanimaría probablemente a tradición de Bill Clinton nos asuntos exteriores dos EEUU. Clinton estaba máis influenciado polos principios do internacionalismo liberal na súa política exterior e daba máis importancia ás relacións transatlánticas que o seu sucesor. Polo tanto, unha victoria dun candidato demócrata pode harmoniza-las relacións entre os EEUU e os estados europeos máis críticos coa política exterior da Administración Bush e, así, minimiza-las diferencias na UE entre "atlantistas" e "europeístas". Sen embargo, incluso hai indicios que apuntan que un Presidente Bush, no caso da súa reelección, ten que ter máis coidado na política exterior. A ocupación completa de dous países en zonas remotas do mundo (Afganistán e Iraq) xa é un reto para o exército estadounidense. Ademais, a economía non se recuperou tanto como Bush desexaría e o estado afoga en débedas. Isto diminúe a probabilidade de que unha nova Administración Bush continúe inmediatamente despois das eleccións coa conquista de tódolos "rogue states" para incorporalos á zona de influencia dos EEUU. Bush mesmo podería verse obrigado a facer concesións ós opoñentes europeos da guerra en Iraq para obter máis apoio, sobre todo financeiro. Aínda que isto moderaría só levemente a política exterior estadounidense, a UE tería máis fácil a harmonización das relacións entre os estados membros no ámbito da política internacional. Pero segundo Timothy Garton Ash, a UE ten que ter en conta que a política exterior dos EEUU pode conducir a desvantaxes imprevistas para Europa, especialmente debido á súa proximidade a Oriente Medio, actual obxectivo principal da Administración Bush: "Nunca pensei que o maior perigo da política norteamericana de George Bush fose o feito de ir enfurecendo a todo o mundo, destituíndo un dictador despois doutro, ocupando un país despoios doutro, na busca do programa neoconservador dunha revolución dende arriba. O maior perigo foi sempre que os Estados Unidos comezasen a intervir e logo, se retirasen á súa propia e inmensa indiferencia, preocupados por asuntos internos, deixando o traballo no estranxeiro a medio facer." (The Guardian, 22/01/2004).

Pero tampouco Europa pode aspirar a permanecer á marxe nin limitarse a pór panos quentes nos desastres provocados pola política exterior norteamericana.