Os retos da UE en 2004

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O ano 2003 non foi o mellor da Unión Europea (UE): antes do Nadal fracasou un dos proxectos máis importantes desta década, a Constitución Europea. Previamente, a guerra anglo-americana en Iraq xa danara a coherencia europea debido ás diferentes posicións dos gobernos europeos no tocante a esta guerra. Así mesmo, os países grandes, Francia e Alemaña, violaron por terceira vez os criterios do Pacto de Estabilidade e Crecemento, poñendo en perigo o euro e a estabilidade monetaria en Europa. Cando Bertie Ahern, o "taioseach" (primeiro ministro) do goberno irlandés, asumiu a Presidencia de quenda da UE de mans do seu homólogo italiano, Silvio Berlusconi, o 1º de xaneiro, semellaba que a situación non se podía agravar aínda más. Pero 2004 é un ano con numerosos retos e perigos para o proxecto europeo, e non está claro se Bertie Ahern será quen de superar tódalas dificultades.

O "taioseach" é, certamente, alguén que pode conseguilo. É un líder carismático que posúe boas habilidades para negociar, xa utilizadas durante varios anos en Irlanda do Norte. En xeral, Irlanda "un país pequeno que disfruta de bastantes axudas europeas- ten unha boa reputación cara á efectividade das súas presidencias da UE. Sen embargo, a popularidade de Bertie Ahern e do seu partido conservador "Fianna Fail" baixou drasticamente en 2003 por razóns internas irlandesas. Non podemos esquecer tampouco que os irlandeses rexeitaron, na primeira votación, o Tratado de Niza, basicamente, o predecesor da Constitución Europea, nun referendo. Coma tampouco, que os retos de 2004 son moi grandes.

En primeiro lugar, a ampliación da UE con oito estados da Europa oriental, máis Malta e Chipre, chegará a ser unha realidade a principios de maio de 2004. Así, a UE terá 25 membros e 450 millóns de habitantes. En xuño, terán xa mesmo lugar as primeiras eleccións ó Parlamento Europeo desta Unión ampliada. Xa non sorprende o feito de que será moi difícil continuar coa Unión coma antes. Neste momento, tódalas precaucións para garanti-lo funcionamento e a efectividade dunha Unión ampliada redúcense o Tratado de Niza de 2000. Sen embargo, o Tratado de Niza é un compromiso bastante feble e, na práctica, non conseguiu preparar á UE para a ampliación. Polo tanto, a UE precisa urxentemente unha Constitución que permitan crear regras flexibles e eficaces.

En realidade, a Constitución Europea é o segundo reto da UE en 2004. Bertie Ahern xa comezou as pre-negociacións con certos estados membros, subliñando que este é un "tempo de reflexión" para a UE. As verdadeiras negociacións non comezarán antes de marzo, é dicir, despois das eleccións xerais en España, un dos países chave das negociacións en 2003. Pero incluso un cambio de goberno en España non fará as negociacións máis fáciles. Os asuntos máis problemáticos, como o sistema de voto no Consello Europeo, teñen pouco espacio para seren negociados.

Ó mesmo tempo, Bertie Ahern ten que negociar cos seus colegas o orzamento dos vindeiros seis anos da UE para asigna-las axudas financeiras "o terceiro reto". Xa que Irlanda é un beneficiario neto destas axudas, tampouco será doado, xa que ten que concorrer por primeira vez con dez novos países que están menos desenvolvidos.

O último reto é a relación da UE cos Estados Unidos e a Administración Bush. A política exterior do goberno Bush ten distanciado os norteamericanos e os europeos, dificultado as relacións económicas e dividido Europa. Consecuentemente, unha mellora das relacións cos EEUU é importante para a UE. Pero mentres continúe a (pos)guerra en Iraq, as perspectivas dunha primavera nas relacións transatlánticas son escasas.