Fronteiras da nosa acción exterior

Diversos feitos, procesos e declaracións fan que por primeira vez a cuestión da acción exterior de Galicia asome timidamente no debate político preelectoral. As visitas de dirixentes políticos galegos ás colectividades de emigrantes en Sudamérica; fotos mil no polémico “Galicia en feitos” nas que o Presidente Fraga se retrata con líderes estranxeiros; o protagonismo de conflictos coma o do Arpón no que a carencia dun maior peso específico de Galicia no Estado e no exterior amosa as nosas debilidades máis lamentables; a perspectiva, en fin, de que a cuestión de se a alternancia se produce ou non poida decidirse polo voto da emigración, son datos que evidencian a necesidade de todos os partidos con aspiracións de goberno de prestar atención ó factor exterior na súa acción política.A maiores, a Xunta de Galicia creou recentemente unha Comisión de Acción Exterior para impulsar unha maior coordinación das actuacións exteriores do goberno galego.

¿Podemos falar entón dun cambio de actitude? Socialmente predomina o escepticismo respecto da eficacia dunha acción exterior propia. Quizáis sexa debido á súa identificación co meramente protocolario e á convicción de que se España pode pouco Galicia poderá aínda menos. Pero no tempo e no mundo en que vivimos este é un dos aspectos nos que cómpre alentar unha maior insistencia: ninguén poderá defender mellor os nosos intereses ca nós mesmos sen nos esquecermos de que, por exemplo no ámbito comunitario, moitas das materias que hoxe son competencia autonómicaexércense nese contexto supranacional (a política industrial, agrícola, de transportes, etc). Nin podemos nin debemos renunciar, nin están aínda experimentados ou esgotados os múltiples vieiros constitucionais que tantas veces se esgrimen como impedimento para desenvolver unha actuación máis firme neste dominio. Esta clarificación é fundamental para avanzar no entendementosocial como tamén o é alterar boa parte das características da acción exterior desenvolvida ata hoxe: demasiado condicionada polo feito migratorio, inclinada cara intereses comerciais dubidosos, en exceso protocolaria e sen unha sólida apoiatura científica.

Pero se socialmente existe incomprensión é porque na maior parte das formacións políticas de  Galicia predomina a instrumentalización, privilexiada pola oposición, ou o timoratismo, por quen soamente ve fronteiras na acción exterior. Pero non se albiscan exposicións sólidas e coherentes. Esa benintencionada comisión de acción exterior, que certamente chega con anos de retraso, é  un avance respecto á situación anterior no que atinxe á coordenación, pero non propiciará un salto cualitativo se atendemos á súa composición e obxectivos. Para tecer unha tupida malla con certos países que abra vías para a satisfacción dos nosos intereses a medio e longo prazo (non cabe imaxinala seriamente doutro xeito) non se comprende a ausencia, poñamos por caso, dun departamento de relacións institucionais que hoxe controla as políticas de cooperación e de solidariedade internacional, ou dunha consellería de educación que tanto pode facer por estimular os intercambios universitarios con determinados países en función de criterios políticos claros e non ó tun-tun.

Tampouco na oposición se atopa maior clarividencia. No programa electoral do Benegá, por exemplo, a acción exterior é unha clamorosa páxina en branco que alegrará a todos os que visceralmente acusan ó nacionalismo de mirar soamente para o seu embigo. Nin no ámbito da solidariedade se contempla algunha actuación. Despois de facer tanta causa contra a Europa dos mercaderes é esta a única que ó cabo se menciona dando as costas ó resto do mundo.

Que divaguemos no folclorismo e na inxenuidade pode deberse a unha interiorización de certos límites na nosa iniciativa exterior, máis mentais que reais, producto dunha concepción da lealdade constitucional que hoxe ninguén cuestiona; pero sobre todo, entendo que se debe á inexistencia dunha elemental base definitoria da súa orientación e complexidade,  múltiples manifestacións, intensidades e posibilidades diversas. Debemos cultivar o contacto cos nosos emigrantes no exterior; podemos organizar os empresarios galegos que están fora do país… pero o obxectivo é outro. Esa atención debe procurar que invistan en Galicia e non no norte de Portugal, claro; avanzar na configuración de “lobbies” que nos permitan exercer seria influencia en determinados ámbitos de poder, etc. Unha historia, unha cultura comúns, poden axudar a vertebrar mellor esas políticas pero nunca as substituirán.

Por moito que viaxemos e nos cumprimenten con todo agarimo aquí e mais aló, afirmar con La Rochefoucauld que “para facerse unha posición no mundo cómpre facer todo o posible para facer crer que xa se ten”, non ten sentido para nós no momento presente. Por iso vai sendo hora de sentar as bases e infraestructuras necesarias para desenvolver unha acción exterior seria e coherente que solidifique e proxecte os nosos intereses como sociedade nun contexto internacional que presenta múltiples desafíos pero igualmente grandes oportunidades.